Libro
Branco do Teatro en Galicia
O proxecto
fundamental da Sección de Música e Artes Escénicas é o
Libro Branco
do Teatro en Galicia, un amplo informe sobre o estado da cuestión.
Obxectos de estudio
Metodoloxía de traballo
Borrador
Obxectos
de estudio
Á hora de establecer cales eran os ámbitos do mundo
das artes escénicas que debían ser obxecto de estudio,
establecéronse dez aspectos fundamentais:
- Os ámbitos
da creación teatral e as relacións que se establecen entre o teatro
e a sociedade galega.
- A formación e cualificación que teñen os actores que traballan
nas compañías galegas.
- O exercicio profesional.
- As compañías: situación e perspectivas ás que se enfrontan no
momento actual.
- Os espacios teatrais e a súa xestión.
- Os públicos e as liñas de traballo.
- Os autores e a edición.
- A animación teatral. O teatro non profesional.
- O teatro infantil e xuvenil.
- A documentación e a investigación.
Metodoloxía de traballo
No proceso de recollida da información necesaria para poder encher
de contidos os distintos bloques que se estableceron como obxectivos
que debían ser tratados polo miúdo no LIBRO BRANCO, estableceuse
unha metodoloxía de traballo baseada na posta en marcha de dúas
ferramentas de investigación.
a) Xornadas
A Comisión levou adiante unha serie de encontros entre aquelas persoas
integradas en compañías de teatro ou afeccionados. Cada unha destas
xornadas foron organizadas co obxecto de profundar máis nun aspecto
concreto do mundo do teatro e da súa vinculación coa
sociedade galega. Da realización destas xornadas fóronse
extraendo unha serie de conclusións que, debidamente elaboradas,
pasarán a formar parte do Libro Branco.
Estas son algunhas das xornadas celebradas:
- I Xornadas de educación teatral: As ensinanzas superiores de
arte dramática ( 23 e 24 de outubro de 1998), nas que se abordou
a educación teatral e as ensinanzas superiores que reciben as persoas
interesadas en dedicarse profesionalmente ó mundo do teatro.
- Galicia e a residencia teatral (28 e 29 de maio de 1999),
das que próximametne se van publicaca-las actas do encontro,
baixo a coordinación de Manuel F. Vieites.
- Animación teatral (1 e 2 de outubro de 1999)
- O teatro afeccionado. Situación e perpectivas (15 de abril
de 2000), nas que se tivo en conta a situación en que se
atopa este tipo de teatro e abordaránse as perspectivas ás
que se enfrontan nun futuro próximo.
- A xestión dos espacios teatrais (5 e 6 de maio de 2000).
- Xornadas sobre a escrita dramática (26 e 27 de maio de
2000)
b) Enquisas
A segunda ferramenta que se puxo en marcha para consegurir ínformación
moito máis puntual e concreta sobre a situación real dos teatreiros
e as compañías de teatro galegas foron as enquisas. Fixéronse envíos
masivos de dous formularios distintos de enquisas.
Unha, dirixida ós profesionais do teatro, coa finalidade de coñecer
aspectos tales como: a súa formación, o tempo que levan dedicados
ó teatro, se desenvolven ese traballo profesionalmente ou como afeccionados,
etc. A Comisión tamén elaborou unha enquisa dirixida a compañías
de teatro tanto profesionais como afeccionadas, na que se lles pedía
que remitisen información relativa ó número de membros da compañía,
os gastos que teñen no ano, as ganancias, se posúen local propio,
etc.
Borrador
Con toda a información recollida por estes dous medios e maila que
se vai obtendo mediante chamadas telefónicas ou cartas personalizadas,
a Comisión está redactando o borrador do Libro, que se prevía que
estivese listo para finais de febreiro de 2001. Este borrador está
sendo elaborado polos responsables da Comisión de Teatro, Daniel
Villalaín, Manuel Vieites e Dolores Vilavedra.
A continuación o borrador será revisado polo resto dos membros da
Comisión e prevese que, entre o mes de xuño e xullo, estea definitivamente
listo para pasa-las probas de corrección ortográfica e de imprenta.
O obxectivo final é que o informe vexa a luz a finais de ano.
Subir
|