Misión e Competencias

----

Misión e Competencias

Fundamentos e orixe
O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria: a súa existencia vén determinada polo Estatuto de autonomía de Galicia. Foi creado, conforme prevé o artigo 32 deste, por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo). Réxese por esta Lei e mais polo Regulamento desta, aprobado pola Xunta de Galicia (Decreto 162/2008, do 10 de xullo, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega).

Obxectivos
Cun carácter de órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, ao Consello compételle a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Está composto por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega.

Independencia
Esta institución ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, e actúa con independencia respecto aos poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración.

O Consello da Cultura Galega é un organismo que, lonxe de interferir coas institucións existentes (Xunta de Galicia ou as representadas no seu Pleno), asume unha responsabilidade de gran transcendencia respecto do papel da cultura no futuro de Galicia.

O Consello ten como obxectivo a consideración da realidade cultural presente desde unha perspectiva integradora, para, unha vez coñecidos o seu panorama global e as súas características concretas, sometelos a unha rigorosa reflexión, de tensión prospectiva, marcando as liñas básicas que poden orientar a necesaria acción integradora.

Recuperación da cultura propia
Na medida das súas posibilidades, o Consello tenta ofrecerlle ao país galego un esquema ben fundamentado das necesidades e das opcións con que conta para forxar a plenitude da súa personalidade mediante a recuperación da cultura propia, aínda que aberta ao diálogo coas outras culturas da humanidade, e especialmente coas do noso contorno europeo e peninsular.

Competencias
Tendo en conta as premisas anteriores e de acordo co regulamento da Lei do Consello, as competencias desta institución son:

a) Fomentar a lingua e a cultura galegas en canto creacións orixinais do pobo galego, e entendidas non só como unha herdanza que cómpre conservar e transmitir, senón como un patrimonio que cada xeración debe arrequentar.

b) Investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, tentando facer accesible a toda a cidadanía de Galicia os produtos máis valiosos tanto da cultura propia coma da universal.

c) Analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural galego, nas súas diversas facetas e niveis, atendendo á súa preservación, ao seu estudo, á súa valorización e á súa difusión.

d) Promover actuacións culturais adecuadas aos seus fins, tales como a organización de congresos, seminarios, conferencias ou exposicións, a creación de grupos de pescuda, reflexión ou debate, o establecemento de arquivos ou centros de documentación, a elaboración de estudos ou informes, ou a realización de publicacións.

e) Asesorar e consultar os poderes públicos da Comunidade Autónoma, especialmente a Xunta e o Parlamento de Galicia, mais tamén as deputacións e concellos, e outras institucións.

f) Elevar aos poderes públicos da Comunidade Autónoma informes e propostas a prol da defensa e promoción dos valores culturais galegos.

Recomendamos: