|
| NOTICIAS |
| (05/09/06) |
|
OS INTERNAUTAS
DESCARGARON EN AGOSTO 14.000 COPIAS DO LIBRO DO CCG "OS INCENDIOS
FORESTAIS EN GALICIA"
Santiago
de Compostela, 5 de setembro de 2006.- O libro "Os incendios
forestais en Galicia", editado polo Consello da Cultura Galega
(CCG), tivo catorce mil descargas durante o pasado mes de agosto,
o que supón un fito na acollida das publicacións que
a institución pon ao servizo da sociedade en Internet. "Os
incendios forestais en Galicia" convértese deste xeito
no documento máis descargado polos internautas nun breve
período de tempo e evidencia a preocupación de expertos
e público por acceder a información contrastada sobre
este problema. Como dato comparativo, a mesma publicación
tivo 5.700 descargas en xullo e máis de 500 na primeira semana
de setembro.
A extraordinaria
cifra das descargas coincidiu coa vaga de lumes que durante o mes
de agosto asolaron os montes galegos e mesmo puxeron en grave perigo
vidas, facendas e inmobles.
O libro recolle
as actas das xornadas celebradas no CCG en novembro de 2005, organizadas
pola Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade e coordinadas
por Francisco Díaz Fierros e Plácido Baamonde. Nese
encontro, un foro de reflexión e debate sobre este grave
problema, aínda sen solución, subliñouse que
"para loitar contra o lume hai unhas medidas a curto e medio
prazo que dependen dos servizos contra os lumes e das accións
preventivas que se poñan en marcha. Pero hai outras a máis
longo prazo que atinxen fundamentalmente aos valores, tanxibles
e intanxibles, que se poñen en xogo e que, polo tanto, se
deben entender como unha acción cultural de cara a toda a
sociedade, algo moi propio e pertinente no campo de actividade do
CCG".
O CCG vén
ofrecendo a posibilidade de descargar gratuitamente máis
de 130 libros e documentos editados pola institución a través
do portal www.culturagalega.org e do seu web institucional www.consellodacultura.org,
que, en xuño de 2006, obtiveron en conxunto máis de
126.000 descargas.
Consulte de balde
o libro
|
| (03/07/06) |
|
DIRECTORES
E CREADORES DANSE CITA ESTA SEMANA NO CCG PARA ANALIZAR A SITUACIÓN
DA ARTE CONTEMPORÁNEA
Santiago
de Compostela, 3 de xullo de 2006.- A Sección de Artes Plásticas
do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará os días
6, 7, 20 e 21 de xullo un seminario que baixo o título "Arte:
identidade e globalización" reunirá na capital
galega a algúns dos máis destacados creadores, críticos,
teóricos e directores de centros de arte da Península,
como Lourdes Fernández, directora de ARCO, Rafael Doctor,
director do Museo de Arte Contemporánea de León (MUSAC),
o creador Santiago Cirugeda e a crítica Anna María
Guasch.
O obxectivo
do encontro é analizar o que se está facendo en distintos
focos artísticos activos na Península que destacan
pola súa situación periférica e pola forte
presenza da súa identidade e memoria, como Cataluña,
País Vasco, Lisboa e a propia Galicia. Trátase de
achegarse a como a arte axuda a entender a tensión e a dialéctica
que xorde na actualidade entre o local, o contorno inmediato, e
o global, o internacional.
Para achegarse
á topografía social, cultural e política que
afecta a cada unha destas xeografías, participarán
no encontro algúns dos máis activos profesionais do
sector, axentes que participan da empresa da creación para
explicar a súa experiencia e os seus campos de traballo e
investigación. Entre a lista de participantes destaca un
amplo abano de responsables de destacados centro de arte. Estarán
Lourdes Fernández, directora de ARCO, a feira de referenza
de arte contemporánea na Península e unha das máis
recoñecidas no ámbito europeo; Rafael Doctor, director
do Museo de Arte Contemporánea de León (MUSAC), un
dos centros de arte punteiros na actualidade; Juan de Nieves, director
do Espai d'Art Contemporani de Castelló (EACC); Pedro G.
Romero, director do emerxente Centro das Artes de Sevilla, Nuria
Enguita Mayo, directora de Proxectos da Fundació Antoni Tàpies
e Pedro Lapa, director do Museo do Chiado (Portugal).
O punto de vista
dos creadores estará representado na xornada por recoñecidos
creadores cunha longa traxectoria, como Santiago Cirugeda e Francesc
Abad, xunto a artistas das novas e puxantes xeracións, como
Daniel García Andújar e Toño Barreiro. Con
eles, nomes como Manuel Vilariño, Antón Patiño
e Fernando José Pereira amosarán a puxanza da arte
contemporánea en España. Completan o programa críticos,
comisarios e teóricos como Anna María Guasch, unha
das máis recoñecidas no ámbito nacional, Nilo
Casares, Jesús Rubio, Peio Aguirre, Miguel von Hafe Pérez
e Javier Hernando.
O último día de traballo, as xornadas estarán
dedicadas a Galicia e serán os creadores, directores e críticos
galegos os encargados de amosar as súas inquedanzas e perspectivas
propias. Concretamente, estarán Alberto Ruiz de Samaniego,
crítico de arte e profesor da Facultade de Belas Artes de
Pontevedra; Carme Nogueira, artista visual; Pedro de Llano Neira,
crítico de arte e investigador; Silvia Longueira, directora
da Fundación Luis Seoane e Manuel Olveira, director do CGAC.
Coa celebración
deste encontro, a Sección de Artes Plásticas quere
continuar aportando novas perspectivas na formación dos profesionais
galegos e novos elementos ao debate da creación actual en
Galicia. Así, o seminario está dirixido a creadores,
estudantes e investigadores de diversas disciplinas, como a Arquitectura,
Belas Artes, Humanidades, Historia de Arte e Deseño.
Máis
información, programa e inscrición
|
| (13/06/06) |
|
RAMÓN
VILLARES DEFENDE O CARÁCTER SINGULAR DO CONSELLO DA CULTURA
NA COMISIÓN DO ESTATUTO
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 13 de xuño de 2006.- O presidente do Consello
da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, defendeu hoxe o
carácter singular da institución e o seu rango estatutario
no curso da súa comparecencia na Comisión para a Reforma
do Estatuto de Autonomía, no Parlamento de Galicia. Subliñou
asemade a independencia, o pluralismo e a autonomía na xestión
como características a considerar e manter nunha entidade
que cumpre unha función mediadora entre a sociedade
e os poderes públicos e posúe unha lexitimidade de
exercicio construída ao longo de 23 anos.
Para Ramón
Villares o CCG é unha institución representativa
da cultura galega, da que forman parte as Universidades, as Academias,
as Fundacións e os centros de investigación. Por eso
entendo que poida debaterse sobre as funcións, e mesmo sobre
a composición, pero conservando sempre a idea do Consello,
dixo. Estas características e funcións, precisou Ramón
Villares, fan necesaria a existencia dun organismo como o Consello
da Cultura, coa consideración de alta institución
do réxime autonómico e concibido con carácter
independente e fortemente corporativo.
O presidende do CCG aludiu á necesidade dunha reorientación
das súas funcións, máis concibidas na dinamización,
ordenación e proxección da Cultura e menos no sentido
da defensa e preservación desta. Concibimos o Consello
non como unha academia, nin unha institución de investigación,
senón como un centro de alta asesoría no que estean
presentes as máis relevantes institucións públicas
e privadas de Galicia, cun orzamento público acordado polo
Parlamento de Galicia e como un observatorio permanente
da cultura galega en todas as súas dimensións,
afirmou Villares.
Os voceiros
dos tres grupos parlamentarios coincidiron en salientar o traballo
desenvolvido polo CCG. Manuel Parga Núñez (BNG), Abel
Losada (P.S. de G.-PSOE) e Ignacio López Chaves (PP) fixeron
algunhas reflexións sobre a consideración que a Cultura
e o Consello deben ter no novo texto estatutario.
|
| (10/06/06) |
|
FORGES REIVINDICA
A CULTURA E O HUMOR PARA REMATAR COA DESORIENTACIÓN DOS CIDADÁNS
Santiago
de Compostela, 10 de xuño de 2006.- O humorista Antonio Fraguas
Forges reivindicou esta mañá no Consello
da Cultura Galega (CCG) o papel do humor e a cultura para axudar
a rematar coa desorientación dos cidadáns na sociedade
actual. No marco da quinta edición dos Encontros Cultura
e Concellos A acción cultural nos espazos urbanos,
Forges expuxo con moito humor e ironía a súa particular
visión da cultura e a vida na cidade.
Estas xornadas
constitúen unha cita anual fundamental para os actores culturais
galegos, para intercambiar información, coñecementos
e iniciativas nun fructífero diálogo entre territorios
e realidades culturais diferentes. Nesta ocasión, a acción
cultural urbana, as súas características, actores
e espazos, son os protagonistas do evento, ao que asisten un cento
de profesionais.
O debuxante,
que colabora en xornais e publicación como El País,
El Jueves e Interviú e que vén de publicar Historia
de aquí, la Guerra inCivil desde el desastre del 98 hasta
la II República foi debullando ante os asistentes con
moita ironía as claves da vida e a cultura urbana e as súas
contradicións: o paro, a vivenda, o tráfico, as relacións
de parella, os avances da ciencia, etc. Todo elo para dar conta
da necesidade do humor e a cultura para orientar aos cidadáns.
Así, salientou que a sociedade actual está marcada
por unha sobreabundancia de información e moito ruído
de fondo, polo que animou aos técnicos culturais presentes
a traballar para que os cidadáns poidan acceder e adquirir
coñecementos veraces e queiran facelo. O maior inimigo
da cultura é o sofá, dixo Forges.
O debuxante,
de pai galego, de A Fonsagrada, tamén destacou como o humor
das persoas está condicionado polo tipo de cidade ou vila
na que vive e no caso de Galicia asegurou que o humor na vida
cotiá ten unha presenza moi importante. Eu, cando
me quero rir de verdade fágoo coa miña familia lucense
e non en Madrid, dixo. Do mesmo xeito, tamén quixo
aproveitar a ocasión para reivindicar a importancia do humor
na educación e na formación das persoas explicando
como a súa última obra, que anunciou que será
traducida ao galego, será material de apoio das materias
de historia nos centros de Secundaria.
ACTORES E
ESPAZOS URBANOS
Trala intervención
de Forges, a mesa redonda que clausurou os Encontros, amosou distintas
iniciativas e propostas para a mellor captación do interese
dos públicos. O director do CGAC, Manuel Olveira, referiuse
aos públicos como polimorfos e cambiantes e chamou
a atención sobre a necesidade de atender ás minorías.
A miña experiencia obrígame desde o CGAC, institución
pública, a implementar proxectos que resposdan á pluralidade
dos públicos, asegurou.
Nesta mesma
idea abundou o actor Xesús Ron, da Sala Nasa, unha iniciativa
cultural de carácter privado asentada nun barrio da cidade
de Santiago. A nosa preocupación é captar novos
públicos e traballar moi especialmente coas minorías
para servir de contrapunto á actividade importante que acolle
cada día a cidade.
Pola súa
banda, Xabier Paz, da Libraría Torga, subliñou a dimensión
de espazo participado do local que rexenta no casco
vello ourensán. A nosa librería é un
pretexto para pór en marcha un proxecto de intervención
cultural en distintas direccións, pero tendo sempre presente
que cada acto de venda dun libro é en si mesmo un acto cultural,
dixo.
A directora
da Fundación Luís Seoane da Coruña, Silvia
Longueira, referiuse á importancia de apostar por proxectos
relacionados coa cultura contemporánea e subliñou
o compromiso de intentar vertebrar diferentes aspectos da acción
cultural na Coruña. A Fundación Luís
Seoane deberá aglutinar tamén movementos culturais
que están xurdindo o van xurdir na cidade.
Para rematar,
a profesora da Universidade de Vigo Ana Belén Fernández,
falou da presenza de Galicia na rede e da importancia e significación
dos blogs na acción cultural. Salientou as características
de linguaxe próxima, carga opinativa e interacción,
que definen estes novos soportes atendidos e seguidos por xente
nova, de formación media ou alta e con espírito crítico.
Un campo de traballo e de divulgación cultural emerxente
que vén enriquecer o espazo creado polos medios convencionais.
UNHA APOSTA
POLAS DEPUTACIÓNS
No marco destas
xornadas tamén hai que destacar a intervención onte
de Eduard Miralles, do Centre d'Estudis i Recursos Culturals de
Barcelona Deputación de Barcelona, que se referiu ao ámbito
provincial da cultura e o papel das Deputacións. Miralles
reivindicou o papel destes organismos na xestión dese espazo
intermedio entre a Comunidade Autónoma e o Concello. O
territorio real a administrar é máis pequeno que o
autonómico e máis grande que o local-municipal, polo
que Provincia e Deputación teñen moito futuro sempre
que sexan quen de adaptárense ao marco legal e ás
necesidades do territorio, afirmou.
Desde estas
consideracións, Eduard Miralles, convencido de que a cultura
non pode ser xestionada hoxe tan só desde a perspectiva local,
advertiu contra a decisión de suprimir as Deputacións.
Se non existisen, poida que houbera que inventalas,
dixo.
Pola súa
parte, Hector Pose, da Universidade da Coruña, ocupouse das
políticas culturais urbanas en Galicia e do seu sentido diferencial.
Botou de menos unha estratexia de comunicación global municipal
e unha maior facilidade para obter información na súa
condición de investigador e estudioso. Tamén invocou
a necesidade de máis plataformas de participación
cidadá, máis animación sociocultural, máis
sensibilidade coa creatividade local, máis traballo en rede
con outras cidades e menos predominio do que definiu como trivialización
mediático-cultural. Pose asegurou que no binomio 2001-2002,
tempo do seu estudo, as cidades de Pontevedra e A Coruña
foron as máis eficaces e coherentes nos seus plantexamentos
culturais.
Máis
información e fotografía
|
| (09/06/06) |
|
OS EXPERTOS
SALIENTAN NO CCG A ECLOSIÓN DAS POLÍTICAS CULTURAIS
EN GALICIA NOS ÚLTIMOS ANOS
Santiago
de Compostela, 9 de xuño de 2006.- A quinta edición
dos Encontros Cultura e Concellos (CCG) deu comezo esta mañá
no Consello da Cultura Galega analizando o fenómeno emerxente
das políticas culturais nos municipios ao abeiro da promoción
turística e a institucionalización da cultura. Estas
xornadas constitúen unha cita anual fundamental para os actores
culturais galegos, para intercambiar información, coñecementos
e iniciativas nun fructífero diálogo entre territorios
e realidades culturais diferentes. Nesta ocasión, a acción
cultural urbana, as súas características, actores
e espazos, son os protagonistas do evento, ao que asisten un cento
de profesionais.
O coordinador
principal das xornadas e responsable do Observatorio da Cultura
Galega do CCG, Xan Bouzada, destacou na inauguración esta
mañá dos Encontros que Galicia vive nos últimos
anos unha eclosión das políticas culturais.
Así, subliñou o aumento extraordinario de técnicos
de cultura nos municipios galegos, sinalando que se en 1990 tan
só un 15% deles dispoñían deste tipo de persoal,
na actualidade arredor do 50% dos concellos contan con técnicos
ou xestores culturais. Esta cifra, apuntou Bouzada, é aínda
reducida comparativamente con outros focos culturais pero está
a medrar moito no campo do voluntariado e agárdase que tamén
o faga desde o punto de vista profesional. Este fenómeno,
salientou, evidencia a vontade de institucionalización
e municipalización da cultura nos concellos. No caso
concreto das cidades galegas, dixo que están facendo
un esforzo moi importante para estabilizar as súas accións
culturais, para transcendelas, renovalas e proxectalas cara ao exterior,
cun interese crecente turístico-cultural.
O auxe destas
políticas culturais, explicou Bouzada, está vencellado
fundamentalmente a dous factores: ao interese económico e
á maior sensibilidade co papel da cultura na sociedade e
á súa capacidade de tender pontes entre os colectivos
para acadar unha maior cohesión e forxar unha identidade
máis definida. As políticas culturais en Galicia
están moi vencelladas a políticas de carácter
turístico, para atraer visitantes e crear equipamentos, pero
na actualidade o interese económico da cultura materialízase
tamén en novos proxectos empresariais emprendedores, na hostelería,
na xestión cultural, etc., sinalou.
Pola súa
banda, o director do Observatorio Cultural do Languedoc-Roussillon,
Emmanuel Negrier, un dos maiores expertos europeos en políticas
culturais, destacou que os concellos e as cidades están
na primeira liña dos retos das políticas culturais.
Sen embargo, apuntou o paradoxo de que por unha banda se considera
que a cultura é un dos elementos fundamentais do desenvolvemento
das cidades e por outra o sector cultural público está
ameazado polos que consideran a cultura como un ben de luxo e polos
que entenden que a cultura é un problema privado e non público.
O presidente
do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, fixo pola
súa banda fincapé no importante papel que realiza
e pode realizar no futuro o Observatorio da Cultura Galega desta
institución para avaliar as políticas culturais
que se desenvolven na Comunidade e para propor novos modelos que
permitan seguir traballando na promoción cultural en Galicia,
unhas das funcións fundamentais do Consello da Cultura Galega.
Neste primeiro
día de traballo tamén expuxeron a súa experiencia
no sector técnicos culturais de cidades como Eibar, Guimarães
(Portugal), Granollers e da Fundación Barrié de la
Maza. Xa pola tarde está prevista a intervención de
Eduard Miralles, director do CERC da Deputación de Barcelona,
e de Héctor Pose (Universidade da Coruña - Consello
da Cultura Galega) e Xan Bouzada (Universidade de Vigo - Consello
da Cultura Galega)
PARTICIPACIÓN
DO HUMORISTA FORGES
As xornadas continuarán mañá sábado
cunha intervención de Antonio Fraguas "Forges"
sobre "A Cultura na cidade, vivir a cidade". Xan Bouzada
destaca a pertinencia de contar con este humorista nas xornadas
porque o seu traballo de reflexión sobre a vida e a cultura
na cidade supón un complemento perfecto ao programa técnico.
As sesións continuarán cunha mesa redonda sobre os
actores e espazos da acción cultural urbana na que participarán
o director do CGAC, Manuel Olveira; a directora da Fundación
Luís Seoane, Silvia Longueira; Xesús Ron, da Sala
Nasa; Xabier Paz, da Libraría Torga-Ourense, e a profesora
Ana Belén Fernández. Pechará o encontro o presidente
da FEGAMP, Xosé Crespo. Con esta participación, o
Consello da Cultura quere abrir as súas portas tamén
a experiencias culturais alternativas e a proxectos innovadores.
Máis
información e fotografía
|
| (08/06/06) |
|
O PRESIDENTE
DO CONSELLO DA CULTURA PARTICIPOU NOS ACTOS INAUGURAIS DO INSTITUTO
CERVANTES DE PALERMO (ITALIA)
Santiago
de Compostela, 8 de xuño de 2006.- O presidente do Consello
da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, foi convidado a
participar nos actos oficiais de inauguración do Instituto
Cervantes de Palermo (Italia) e interveu como relator na mesa redonda
"Cultura e diversidade", celebrada o pasado 7 de xuño.
No panel, que
reflexionou sobre a presenza actual das linguas cooficiais dentro
e fora de España e os retos que afrontan, interviron tamén
como relatores, Ascensiò Figueres, presidenta da Academia
Valenciana de la Llengua; Henrike Knorr, director de Investigación
de Euskaltzaindia, e Caterina Ruta, catedrática de Lengua
y Literatura Española da Universidade de Palermo.
O Instituto
Cervantes de Palermo, ubicado na igrexa de Santa Eulalia de los
Catalanes, do século XVII, situada no casco histórico
da cidade, foi inaugurado o 5 de xuño polos Príncipes
de Asturias, don Felipe de Borbón e dona Leticia Ortiz. Asistiu
asemade o ministro español de Asuntos Exteriores, Miguel
Angel Moratinos.
O centro de
Palermo ven unirse en Italia aos de Roma, Milán e Nápoles
e fai o número 47 dunha estructura operativa nos cinco continentes.
O Instituto Cervantes é unha institución creada en
España en 1991 para promocionar a lingua española,
as linguas cooficiais e a cultura dos países hispano-falantes.
O seu presidente é o escritor e xornalista galego, César
Antonio Molina.
|
| (08/06/06) |
|
UN CENTENAR
DE TÉCNICOS ANALIZAN DESDE MAÑÁ NO CCG AS POLÍTICAS
CULTURAIS DAS CIDADES
Santiago
de Compostela, 8 de xuño de 2006.- O Consello da Cultura
Galega (CCG) reunirá este venres e sábado, días
9 e 10 de xuño, a preto dun centenar de técnicos e
axentes culturais galegos e foráneos para reflexionar sobre
as políticas culturais nas cidades. A cita será na
quinta edición dos encontros Cultura e Concellos, que nesta
ocasión xirarán arredor da "Acción cultural
nos espazos urbanos". Estas xornadas constitúen unha
cita anual fundamental para os actores culturais galegos, para intercambiar
información, coñecementos e iniciativas nun fructífero
diálogo entre territorios e realidades culturais diferentes.
Nesta ocasión, a acción cultural urbana, as súas
características, protagonistas e espazos, serán os
protagonistas.
O coordinador
principal das xornadas, Xan Bouzada, destaca a importancia de analizar
este fenómeno xa que Galicia viviu nos últimos
anos unha auténtica revolución nas políticas
culturais, unha intensa eclosión que as converten na actualidade
en eixes centrais das políticas do concellos. Deste
xeito, sinala, na actualidade as políticas culturais urbanas
constitúen un soporte institucional imprescindible para unha
articulación social, política e territorial eficiente,
capaz de dar conta dos profundos cambios que a nosa sociedade está
a experimentar nestes inicios do século XXI.
O presidente
do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaugurará
o encontro o venres ás 10:30 horas. Coa súa intervención
darán comezo unhas xornadas que se agarda que reúnan
a preto dun centenar de técnicos e axentes. O primeiro día
de traballo, exporán a súa experiencia en acción
cultural os directores do Centre d'Estudis i Recursos Culturals
de Barcelona, Eduard Miralles, e do Observatorio Cultural de Languedoc-Rousillon,
Emmanuel Negrier, recoñecido experto europeo en políticas
culturais en áreas metropolitanas. Completarán o programa
técnicos culturais de cidades como Eibar, Guimarães,
Granollers e da Fundación Barrié de la Maza.
FORGES E
A CIDADE
O segundo día, as xornadas comezarán cunha intervención
de Antonio Fraguas "Forges" sobre "A Cultura na cidade,
vivir a cidade". Xan Bouzada destaca a pertinencia de contar
con este humorista nas xornadas porque o seu traballo de reflexión
sobre a vida e a cultura na cidade supón un complemento perfecto
ao programa técnico. As sesións continuarán
cunha mesa redonda sobre os actores e espazos da acción cultural
urbana na que participarán o director do CGAC, Manuel Olveira;
a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira;
Xesús Ron, da Sala Nasa; Xabier Paz, da Libraría Torga-Ourense,
e a profesora Ana Belén Fernández. Pechará
o encontro o presidente da FEGAMP, Xosé Crespo. Con esta
participación, o Consello da Cultura quere abrir as súas
portas tamén a experiencias culturais alternativas e a proxectos
innovadores.
Máis
información e programa
|
| (31/05/06) |
|
OS ASESORES
LINGÜÍSTICOS REÚNENSE NO CONSELLO DA CULTURA
PARA ANALIZAR A SITUACIÓN DO SECTOR
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 31 de maio de 2006.- O encontro Asesores lingüísticos
na Galicia actual reunirá este xoves e venres, días
un e dous de xuño, a técnicos e asesores da lingua
galega para analizar a situación do sector. O encontro, organizado
pola Sección
de Lingua do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Coordinadora
de Traballadores/as de Normalización da Lingua, xorde ante
as novas demandas profesionais e formativas creadas pola crecente
importancia adquirida pola calidade lingüística en todos
os ámbitos.
Para analizar
este novo contexto, participarán no encontro asesores e técnicos
lingüísticos de empresas, de departamentos e servizos
de normalización lingüística, de medios de comunicación,
de editoriais e doutras entidades implicadas no sector. Estes profesionais
exporán como están a mudar as necesidades lingüísticas
de entidades privadas e públicas, así como tamén
as metodoloxías, ferramentas de traballo e mesmo o perfil
formativo dos profesionais do asesoramento lingüístico.
Coñecer estas mudanzas e fomentar o intercambio de experiencias
entre os profesionais é un obxectivo que o CCG considera
prioritario para consolidar un sector profesional de servizos en
emerxencia.
O encontro,
coordinado por Xoán Antón Lado Lago, pretende reunir
a representantes de diferentes sectores nos que opera o asesor lingüístico
(desde a Administración ao sector editorial) para coñecer
as súas condicións laborais e as súas problemáticas
concretas de traballo no contexto galego, co obxectivo final de
acadar ferramentas que permitan unha maior eficacia no exercicio
do seu labor.
Con esta iniciativa
tamén se pretende satisfacer a necesidade de crear foros
profesionais de intercambio de información e coñecer
e difundir aqueles puntos de referencia profesional (asociacións,
sociedades, etc.) que poden ser de apoio para todo asesor lingüístico.
Persíguese impulsar a proxección destes traballadores
porque só garantindo a súa profesionalización
se pode asegurar a calidade nos servizos, o que redunda na garantía
da calidade lingüística e na proxección social
da imaxe da lingua galega.
O seminario,
aberto á participación de asesores lingüísticos,
técnicos de Servizos de Normalización Lingüística
e de Servizos Lingüísticos, correctores, tradutores
e todos aqueles profesionais e persoas interesadas, desenvolverase
en mesas de traballo onde o debate será a ferramenta principal
para intercambiar experiencias e información.
Completa
información e programa
|
| (31/05/06) |
|
PRESENTACIÓN
DOS "V ENCONTROS CULTURA E CONCELLOS: A ACCIÓN CULTURAL
NOS ESPAZOS URBANOS"
Santiago
de Compostela, 31 de maio de 2006.- O Consello da Cultura Galega
(CCG) celebrará este xoves, día 1 de xuño,
ás 12:30 horas, a rolda de prensa de presentación
dos "V ENCONTROS CULTURA E CONCELLOS: A ACCIÓN CULTURAL
NOS ESPAZOS URBANOS". Estas xornadas, que se celebrarán
os días 9 e 10 de xuño, constitúen unha cita
anual fundamental para os actores culturais galegos, para intercambiar
información, coñecementos e iniciativas nun fructífero
diálogo entre territorios e realidades culturais diferentes.
Nesta ocasión, a acción cultural urbana, as súas
características, protagonistas e espazos, será a protagonista.
Na rolda de
prensa de presentación participarán o coordinador
principal dos Encontros, Xan Bouzada, e o secretario do CCG, Henrique
Monteagudo.
· DÍA:
1 de xuño de 2006
· HORA:
12:30 horas
· LUGAR:
salón de actos do Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi,
2º Andar. 15704 Santiago de Compostela
|
| (24/05/06) |
|
O CONSELLO
DA CULTURA GALEGA REIVINDICA UN DOMINIO GALEGO PROPIO EN INTERNET
Santiago
de Compostela, 24 de maio de 2006.- O Consello da Cultura Galega
(CCG) quere amosar o seu apoio oficial á iniciativa dun dominio
galego propio (.gal) en Internet. O desenvolvemento nos últimos
anos da World Wide Web pon de manifesto a importancia de situarmos
á cultura galega cun lugar propio e diferenciado en Internet.
A existencia dun enderezo único e fixo na rede para a nosa
cultura tería implicacións de orde económica,
social e cultural ao permitirmos identificar todos os contidos creados
en Galicia coa mesma terminación.
O que se solicita
é un sufixo de Internet específico para unha comunidade
lingüística e cultural. A Internet Corporation for Assigned
Numbers (ICANN) concede terminacións de dúas letras
(.es, .fr) para Estados constituídos, e de tres ou máis
letras (.org, .edu, .net) para organizacións e, por extensión,
para comunidades lingüísticas e culturais. Deste xeito,
cando a ICANN concedeu o .cat a Cataluña, en realidade estaba
concedéndoo a un espazo lingüístico e social,
e non territorial.
A iniciativa
dun dominio galego propio en Internet, da que xa se leva falando
anos, vén de tomar un novo e decisivo pulo coa constitución
da Asociación PuntoGal. Segundo eles mesmos indican, a Asociación
PuntoGal conta cunha promotora conformada por representantes da
Asociación de Editores de Galicia, da Asociación de
Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, da Asociación
Fillos de Galicia, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia,
do Consello da Xuventude de Galicia, das Empresas Galegas Adicadas
a Internet, de Galicia Hoxe, do Idesga-Galego 21, do ISOC-Galicia,
da Mesa pola Normalización Lingüística, da Real
Academia Galega (RAG) e de Vieiros. A asociación nace coa
arela de sumar o maior número posible de apoios sociais á
iniciativa e realizará accións de concienciación
entre a cidadanía sobre a necesidade de que Galicia dispoña
dun dominio propio. O colectivo convida a cidadáns, asociacións,
institucións e grupos diversos a unírense á
plataforma para avalar a petición diante da Internet Corporation
for Assigned Names and Numbers, a ICANN, organismo internacional
que decide sobre a solicitude.
O Consello da
Cultura Galega, como institución cultural que conta entre
os seus obxectivos a promoción e difusión da lingua
e da cultura galega, quere sumarse a esta petición dun dominio
galego propio en Internet. A presenza en Internet da cultura galega
é actualmente imprescindible para situarnos na modernidade
e lograr a difusión da nosa cultura tanto dentro coma fóra
das nosas fronteiras, ademais de permitir o contacto de todos os
galegos espallados polo mundo. Unha terminación común
e única daríalle sentido e unidade a todos os contidos
galegos da rede.
|
| (11/05/06) |
|
O CONSELLO
DA CULTURA PRESENTA O FACSÍMILE DA OBRA DE MANUEL LUGRÍS
"GRAMÁTICA DO IDIOMA GALEGO"
Santiago
de Compostela, 11 de maio de 2006.- Co gallo da celebración
do Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, o Consello
da Cultura Galega (CCG) presentará en rolda de prensa este
venres, día 12, ás 13:00 horas, a edición facsímile
da obra de Manuel Lugrís Freire "Gramática do
idioma galego".
A importancia
desta obra, que segundo as información da época foi
un éxito de vendas sen precedentes, radica en que supuxo
unha ruptura coa práctica tradicional ata entón de
considerar a gramática do español como norma subsidiaria
para o galego. A publicación constitúe ademais unha
manifestación do compromiso cívico-patriótico
de Lugrís.
Na rolda de
prensa participarán o presidente do Consello da Cultura Galega,
Ramón Villares; o secretario da institución e coordinador
da súa Sección de Lingua, Henrique Monteagudo, e o
neto do homenaxeado, Manuel Lugrís Rodríguez.
- HORA: 13:00
- LUGAR: salón
de actos do CCG. Pazo de Raxoi, 2º Andar. Santiago de Compostela
|
| (10/05/06) |
|
FRANCISCO
DÍAZ-FIERROS PRESENTA NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA A SÚA
ÚLTIMA OBRA: "A CUESTIÓN AMBIENTAL EN GALICIA"
O Consello
da Cultura Galega (CCG) acollerá este xoves, día 11
de maio, ás 12:00 horas, a rolda de prensa de presentación
do libro da Editorial Galaxia "A cuestión ambiental
en Galicia", de Francisco Díaz-Fierros Viqueira, vicepresidente
do CCG e coordinador da Sección de Ciencia, Técnica
e Sociedade desta institución. O acto contará coa
participación de Víctor F. Freixanes, director xeral
de Editorial Galaxia; Uxío Labarta, biólogo; e Francisco
Díaz-Fierros, autor do libro.
Neste libro
Díaz-Fierros achéganos a un ensaio no que analiza
as orixes e a evolución do pensamento sobre os límites
dos recursos naturais da sociedade galega. A cultura ambiental dos
galegos e galegas agroma dunha ética e dunha sensibilidade
que se configuran ao longo da historia e os
problemas ecolóxicos e ambientais que afectan a todo o globo
preocupan cada vez máis á sociedade, pero cada cultura
reacciona ante eles dunha maneira diferente.
Francisco Díaz-Fierros
propón en "A cuestión ambiental en Galicia"
un achegamento sobre os límites dos recursos naturais na
sociedade galega; para iso centra o seu traballo nun período
de tempo esencial, desde mediados do século XVIII, en que
se acada un desenvolvemento tecnolóxico que altera considerablemente
en en pouco tempo o medio natural, ata 1972, ano no que se celebra
o cumio de Estocolmo.
A natureza
como recurso, a recepción do pensamento ecolóxico,
o enfoque sanitario da problemática ambiental son os eixes
ao redor dos cales se desenvolve este ensaio histórico no
que se recollen os principais fitos que acabarán constituíndo
as raíces e desenvolvemento dunha cultura moi presente na
sociedade de hoxe.
FRANCISCO
DÍAZ-FIERROS
Catedrático
de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade
de Santiago de Compostela. Foi Presidente da Sociedade Galega de
Historia Natural. Autor de monografías coma As concas fluviais
de Galicia. Características e riscos de contaminación
difusa (1993) e O medioambiente: do control da emisión á
incerteza do risco (2000). Obtivo o Premio da Crítica de
Galicia en investigación no ano 1997.
Díaz-Fierros
é vicepresidente do Consello da Cultura Galega e coordinador
da súa Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade.
Ademais é membro numerario da Real Academia Galega desde
o 28 de setembro do ano 2002.
- DÍA:
xoves, 11 de maio
- HORA:
12:00
- LUGAR:
salón de actos do Consello da Cultura Galega. Pazo
de Raxoi, 2º Andar. Santiago de Compostela
|
| (28/04/06) |
|
A ARQUITECTURA
GALEGA TENDE NOVAS PONTES DE INTERCAMBIO CULTURAL CON CASTELA-A
MANCHA E PORTUGAL
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 28 de abril de 2006.- A Sección de Arquitectura
do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará a vindeira
semana, os días 4, 5 e 6 de maio, un gran encontro que baixo
o título "A Arquitectura desde Castela-A Mancha, Azores
e Madeira" presentará por primeira vez na Comunidade
o mellor da creación neste territorios. Case unha vintena
de destacados arquitectos, como Manolo de las Casas, Bernardo Rodrigues,
Paz + Cal e Fredy César, presentarán aos profesionais
e estudantes galegos o mellor das súas obras para establecer
un fructífero diálogo cultural entre Galicia e estes
territorios, con inquedanzas culturais en moitos casos similares.
O CCG vén
analizando nos últimos anos de xeito pormenorizado a arquitectura
de distintos focos de especial significación creativa nos
nosos días. Froito deste proxecto e baixo o título
"Arquitectura e Identidade Cultural" celebráronse
diferentes xornadas sobre a situación actual e a historia
da arquitectura en Lisboa, Cataluña, País Vasco, Navarra,
Madrid, Andalucía e Canarias, onde algúns dos máis
destacados arquitectos e teóricos de cada territorio ofreceron
un achegamento ordenado e metódico á súa traxectoria
e á da arquitectura da súa comunidade.
Continuando
neste proceso, o CCG organiza agora as xornadas "A Arquitectura
desde Castela-A Mancha, Azores e Madeira", coas que pretende
ofrecer por vez primeira en Galicia unha visión ampla e pluriperspectiva
da arquitectura neses territorios. Trátase, en realidade,
de dúas convocatorias celebradas de xeito sucesivo nas que
o nexo de unión serán os debates entre arquitectos
e investigadores destes tres territorios. "A pesares de ser
áreas moi diferentes entre si, con problemáticas propias
e con perspectivas de futuro claramente diferenciadas, son, ao mesmo,
tempo, territorios que comparten un presente común de inquedanza
cultural, de vontade de renovación e de intención
de instalarse na vangarda creativa e investigadora", explica
o coordinador da Sección organizadora, Iago Seara.
Tanto Castela-A
Mancha como Azores e Madeira son territorios culturalmente pouco
explorados fóra das súas fronteiras, quedando en moitas
ocasións á sombra das grandes áreas como Madrid
ou Lisboa. Sen embargo, nos últimos anos están a dar
sinais dunha reactivación cultural de enorme interese que,
no terreo arquitectónico, vese reflectida na aparición
de novos profesionais e dunha actitude crítica sen precedente
nestes territorios. No caso de Azores e Madeira son o propio carácter
insular, xunto coa distancia ós grandes centros de ensino
e de actividade cultural e unha poboación moi reducida os
que tradicionalmente condicionaron este illamento, mentres que en
Castela-A Mancha son probablemente a proximidade á capital
do estado e a enorme extensión do seu territorio, cunha poboación
moi atomizada, os factores determinantes da súa evolución.
O coordinador
da Sección de Arquitectura do CCG subliña a importancia
que ten para Galicia o coñecemento "de periferias culturais
que traballan por atopar o seu lugar dentro da Cultura dos Estados
portugués e español e que están a ofrecer interesantes
exemplos de independencia creativa e de reflexión arredor
do feito arquitectónico sen renunciar por isto á súa
tradición cultural".
DIÁLOGO
E DIVULGACIÓN
A Sección
de Arquitectura quere suscitar con estes encontros a dialéctica
entre zonas tradicionalmente moi afastadas, establecer diálogos
entre profesionais que xorden de contextos radicalmente diferentes
pero que afrontan problemáticas semellantes na súa
vontade de modernidade. Deste xeito, preténdese afondar no
estudo das claves para o desenvolvemento de áreas tradicionalmente
esquecidas, destas illas culturais que traballan por atopar o seu
lugar dentro da cultura contemporánea peninsular e que están
a ofrecer interesantes exemplos de independencia creativa e de reflexión
arredor do feito arquitectónico sen renunciar por isto á
súa ampla tradición cultural.
O Consello da
Cultura Galega presenta estas Xornadas, coordinadas por Laura Espejo,
Arturo Franco e Iago Seara, como resultado dun esforzo por divulgar
entre o público galego a actual arquitectura, pero tamén
como un paso máis no establecemento de novos lazos culturais
e puntos de referencia para continuar traballando na formación
dos profesionais e investigadores da arquitectura en Galicia. O
obxectivo é establecer diálogos entre profesionais
que xorden de contextos radicalmente diferentes pero que afrontan
problemáticas semellantes na súa vontade de modernidade,
tratando de afastarse de ideas preconcibidas e subliñando
as liñas de actividade e de creatividade que nestes momentos
están a cobrar forma.
Completa
información, programa, inscrición e galería
fotográfica
|
| (24/04/06) |
|
O CONSELLO
DA CULTURA ACOLLE ESTE MARTES UNHA CONFERENCIA DA PRESIDENTA DA
ASOCIACIÓN EUROPEA DE TERMINOLOXÍA
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 24 de abril de 2006.- O Consello da Cultura Galega
(CCG) acollerá este martes, día 25 de abril, a conferencia
'A cooperación en terminoloxía no contexto internacional'
da Prof. Dra. Rute Costa Vilhena, presidenta da Asociación
Europea de Terminoloxía (AET) e da Associação
Portuguesa de Terminologia (TERMIP). O acto está organizado
pola Sociedade Galega de Terminoloxía coa colaboración
da Sección de Lingua do CCG.
A celebración
desta conferencia enmárcase dentro da liña de traballo
da Sección de Lingua da institución, que vén
desenvolvendo diversos traballos relacionados coa Terminoloxía
desde a creación no seu seo da Comisión Técnica
de Linguaxes de Especialidade no ano 2001. Nesta
liña de investigación enmárcase, entre outras
actividades, a posta en funcionamento dunha lista de correo especializada
en terminoloxía (con 329 subscritores/as actualmente), a
coordinación de publicacións relacionadas coa materia
(actualmente esgotadas e con miles de descargas a través
da rede) e a organización de congresos en coordinación
con outras entidades, por exemplo o 1º Simposio Galego de Terminoloxía,
organizado desde a Sección en colaboración con Termigal.
Concretamente, a celebración desta conferencia dá
continuidade á celebrada anteriormete pola prestixiosa profesora
Teresa Cabré Castellví.
- DÍA:
martes, 25 de abril
- HORA: 17.30
- LUGAR:
salón de actos do Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi,
2º Andar. Santiago de Compostela - ACTO ABERTO AOS INTERESADOS
|
| (24/04/06) |
|
PRESENTACIÓN
DAS XORNADAS "A ARQUITECTURA DESDE CASTELA-A MANCHA, AZORES
E MADEIRA"
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 24 de abril de 2006.- A Sección de Arquitectura
do Consello da Cultura Galega (CCG) presentará este martes,
25 de abril, ás 12:30, as xornadas "A ARQUITECTURA DESDE
CASTELA - A MANCHA, AZORES E MADEIRA" que se celebrará
a vindeira semana, os días 4, 5 e 6 de maio. No encontro,
destacados arquitectos, como Manolo de las Casas, Paz + Cal e Fredy
César ofrecerán un rico achegamento á arquitectura
nestas zonas e á súa obra. A pesar de ser áreas
moi diferentes entre si, con problemáticas propias e con
perspectivas de futuro claramente diferenciadas, estes tres territorios
comparten un presente común de inquedanza cultural, de vontade
de renovación e de intención de instalarse na vangarda
creativa e investigadora de grande interese para os investigadores
e profesionais do sector.
Estas xornadas
celébranse no marco do macro proxecto "Arquitectura
e Identidade Cultural", que vén analizando nos últimos
anos de xeito pormenorizado a arquitectura de distintos focos de
especial significación creativa nos nosos días, como
Lisboa, Cataluña, País Vasco, Navarra, Madrid, Andalucía
e Canarias.Na rolda de prensa participará Alfonso Zulueta
de Haz, presidente en funcións do CCG, e Iago Seara, coordinador
da Sección de Arquitectura da institución.
- DÍA:
martes, 25 de abril de 2006
- HORA: 12:30
- LUGAR:
salón de actos do Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi,
2º Andar. Santiago de Compostela
|
| (19/04/06) |
|
INTELECTUAIS
E MÚSICOS GALEGOS RENDEN HOMENAXE ÁS CANTIGAS DE SANTA
MARÍA NUN DISCO DO CCG
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 19 de abril de 2006.- O Consello da Cultura Galega
(CCG) presentou esta mañá en Santiago o disco "Galicia
e as Cantigas de Santa María de Afonso X", de Antoni
Rossell & G. Courtly Music Consort. A gravación ofrece
un excepcional achegamento musical ao repertorio mariano alfonsino
coa colaboración de destacados intérpretes, escritores
e intelectuais galegos e foráneos, desde Mercedes Peón,
Pascal Caumont e Maria Incoronata Colantuono a Xosé Luis
Méndez Ferrín, Xohana Torres, Valeria Bertolucci e
Manuel María. No acto de presentación participaron
o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz,
e o director do proxecto, Antoni Rossell.
Esta iniciativa
pretende ofrecer unha aproximación musical desde o punto
de vista galego ás Cantigas de Santa María de Afonso
X, un dos cumes da cultura europea medieval polo seu valor literario,
pola súa riqueza iconográfica e polo tesouro das partituras
que o acompañan. Froito deste afán naceu a gravación
"Galicia e as Cantigas de Santa María de Afonso X",
unha selección de catorce Cantigas nas voces e música
de Antoni Rossell & G. Courtly Music Consort.
A elección
do repertorio fíxose, tal e como sinala o Rossell, escollendo
aquelas cantigas que dalgún xeito, pola situación
xeográfica, por referenzas ao Camiño de Santiago,
etc, poderían situarse en Galicia. Para acentuar a
galeguidade do repertorio mariano alfonsino, tívose especial
coidado na inclusión, ademais de intérpretes internacionais,
de intérpretes galegos de música tradicional. Deste
xeito, no disco participan músicos da calidade de Mercedes
Peón, Pascal Caumont, Eliseo Parra, Sonia Reborido, Ana Fernández,
Maria Incoronata, Clara Hernández, Iván Costa, Antonio
Sánchez, Xavi Lozano, Henrique Peón, Jorge del Río,
Julio César Amaro e Belén Mato.
A gravación
conta ademais co enorme valor engadido da participación de
destacadas voces da cultura galega e foránea, que poñen
voz a diferentes fragmentos de texto intercalados en cada tema.
como os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín,
Xohana Torres, Pilar Pallarés, profesores das Universidades
de Santiago, Vigo, Xenebra, Haifa, Tréveris, Pisa, Berkeley
e Barcelona, (como Henrique Monteagudo, Antón Santamarina,
Hans Joseph Niederehe e Aviva Doron), ou a actriz Dorotea Barcia.
Coa participación
destes ilustres intelectuais, o Consello quere render tamén
homenaxe tamén ao mundo académico que traballou ao
longo destes anos no coñecemento do mundo medieval e que
moitas veces non acadou a difusión mediática necesaria.
Ademais, o disco
conta cunha coidada ambientación a cargo de Carlos de Hita,
que introduce nas cantigas paisaxes sonoras procedentes da natureza,
como os temporais nas praias de Carnota e o ambiente no porto de
Malpica, e de elementos como muíños, claustros e xardíns,
lugares que serviron para situar tanto a acción do texto
literario como as persoas que protagonizaron a creación e
difusión deste repertorio, en especial o seu autor,
o rei Afonso X.
O presidente
do CCG, Alfonso Zulueta, destacou durante a presentación
da obra que a edición é froito de cinco anos de traballo
e supón a consecución dun vello soño
do Consello da Cultura Galega: dar a coñecer as Cantigas
de Santa María universalmente. O director do proxecto
sinalou pola súa banda que o noso propósito
foi realizar un traballo que tivese elementos orixinais e que de
algún xeito fosen innovadores, ofrecer unha nova maneira
de cantar estas Cantigas. Para acadalo, o seu primeiro obxectivo
foi contextualizar a interpretación nun mundo medieval real,
fóra das perspectivas románticas de moitas gravacións
actuais. A nosa concepción deste mundo estriba na acumulación
e presenza no disco de diferentes rexistros lingüísticos,
culturais e de obras e autores medievais, xa que o universo medieval,
o alfonsino especialmente, créase e difúndese nun
contexto intertextual e intermelódico. Así,
destaca a reconstrución musical a través da investigación
musicolóxica, filolóxica e estética e a ambientación
dos temas deste disco, que pretenden situar ao oínte actual
no mundo en que vive o home medieval.
Co gallo da
edición desta obra, o Consello da Cultura Galega celebrará
mañá xoves un concerto de presentación no marco
do Refertorio do Pazo de Xelmírez (Praza do Obradoiro) a
cargo de Antoni Rossell & G. Courtly Music Consort. No acto
participarán os intérpretes Mercedes Peón,
Sonia Reborido, Ana Fernández, Iban Costa, Henrique Peón
e Jorge del Río, ademais do propio Antoni Rossell. Os sons
e a ambientación carrerá a cargo de Carlos de Hita.
O acto, aberto ao público, comezará ás 20:15.
|
| (19/04/06) |
| RAMÓN
VILLARES É ELIXIDO NOVO PRESIDENTE DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA
SANTIAGO DE
COMPOSTELA, 20 de abril de 2006.- O Consello da Cultura Galega (CCG)
celebrou este xoves, día 20, un Pleno Extraordinario no que
se elixiu a Ramón Villares como novo presidente da entidade
en substitución de Alfonso Zulueta de Haz. A candidatura
de Villares foi a única presentada e acadou o voto positivo
de 23 dos 25 membros do Plenario presentes.
Alfonso Zulueta
de Haz foi presidente do CCG desde que asumiu o cargo o 17 de abril
de 2002, despois da inesperada morte do seu antecesor, o escritor
Carlos Casares. Cumpridos os seus catro anos de mandato, procedeuse
hoxe á renovación da presidencia da institución.
A elección, seguindo a normativa vixente, fíxose na
sede da entidade en Santiago de Compostela, en votación secreta
dos membros do seu Plenario, formado por:
- A conselleira
de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo
- 15 membros
designados en representación das principais institucións
culturais da Comunidade: Joaquín Arias y Díaz de Rábago
(Fundación Barrié de la Maza), José María
Barja Pérez (rector da Universidade da Coruña), Senén
Barro (rector da Universidade de Santiago), Domingo Docampo (rector
da Universidade de Vigo), Xosé Ramón Barreiro Fernández
(presidente da Real Academia Galega), Manuel Cecilio Díaz
y Díaz (Instituto de Estudios Xacobeos), Francisco Díaz-Fierros
(Seminario de Estudios Galegos), Francisco Fariña Busto (Consello
Galego de Museos), Francisco Fernández Rei (Instituto da
Lingua Galega), Santiago Nogueira Romero (Academia Galega de Xurisprudencia
e Lexislación), Eduardo Pardo de Guevara y Valdés
(Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento), Helena Villar Janeiro
(Fundación Rosalía de Castro), Ernesto Viéitez
Cortizo (Real Academia Galega de Ciencias) e Ramón Yzquierdo
Perrín (Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora
do Rosario). Por motivos de saúde estivo ausente Blanca Jiménez
Alonso (Fundación Penzol).
- 10 persoeiros
elixidos polo Pleno polo seu destacado traballo nos diversos campos
da cultura: Alfonso Zulueta de Haz, Ramón Castromil Ventureira,
Henrique Monteagudo Romero, Víctor F. Freixanes, Xosé
López García, Ramón Máiz Suárez,
Francisco Río Barja, Iago Seara Morales, Andrés Torres
Queiruga e Ramón Villares Paz.
Unha vez electo,
o novo presidente será nomeado posteriormente por decreto
da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte.
BALANCE E AGRADECEMENTOS
Durante a celebración
do Pleno, o presidente saínte fixo balance do seu mandato
e agradeceu especialmente o apoio recibido. Do traballo feito, Zulueta
de Haz destacou con humildade que "foron estes últimos
catro anos unha etapa máis na que o Consello quixo cumprir
responsablemente as súas obrigas de defensa e promoción
dos valores culturais do pobo galego e a consideración como
órgano consultivo e asesor dos poderes públicos, esforzándonos
por dar resposta aos cambios e requirimentos da sociedade".
"Remato
catro anos inesquecibles nos que, coa vosa axuda, puiden seguir
prestando colaboración e esforzo no complexo eido cultural
ao servizo de Galicia, nai e señora nosa, dedicación
sumamente gratificante e chea de ilusións, soños e
realidades, que marcan a miña vida" salientou. Nas súas
palabras quixo deixar constancia do seu enorme agradecemento polo
compromiso, o traballo e o afecto recibido dos traballadores da
institución e dos membros do Pleno, Seccións, Arquivos,
Comisións Técnicas e moi especialmente da Comisión
Executiva (Ramón Castromil, Francisco Díaz-Fierros,
Xosé López e Henrique Monteagudo) e do seu xerente,
Antonio Montero, por compartir estes anos de "reflexións,
desvelos, proxectos e anceios comúns".
Tamén
tivo unhas palabras para o novo presidente da institución,
Ramón Villares, ao que lle ofreceu "os mellores desexos
para o seu labor, no que tamén, como foi no meu caso, de
seguro contará co apoio e o afecto de todos". Sobre
o futuro do Consello, Zulueta de Haz subliñou a aposta por
potenciar e desenvolver plenamente as funcións de alto organismo
consultivo e asesor da Administración, política que
redundará na súa opinión nunha mellor realización
das políticas culturais. "Defender a cultura é
defender a identidade e a singularidade dos pobos e velaí
o noso reto en tempos de globalización: fronte as tendencias
homoxenizadoras temos a necesidade ineludible de defender a nosa
lexitimidade cultural e identitaria, a nosa singularidade, aportando
ao mundo a nosa potencia creadora e innovadora nun fecundo diálogo
pluricultural" destacou.
Pola súa
banda, Ramón Villares agradeceu ao presidente saínte
e aos membros do Pleno a abrumadora confianza depositada nel na
elección e amosou a súa disposición de levar
a cabo "un tránsito tranquilo de presidencia".
Sobre os plans de futuro, o historiador subliñou a que a
súa intención é manter unha liña de
traballo de "moita continuidade e algunhas innovacións"
que comezará cunha avaliación da situación
do Consello, da percepción e expectativas que ten a xente
depositadas nel e facer, en base a este estudo, un plande acción.
Tamén fixo fincapé na importancia de que a súa
elección é froito da votación dos membros dun
plenario independente.
Ramón
Villares será o quinto presidente que dirixa o Consello da
Cultura Galega desde a súa creación en 1983. Precedérono
no posto ilustres persoeiros da cultura galega: Ramón Piñeiro
López (1983-1990), Xosé F. Filgueira Valverde (1990-1996),
Carlos Casares Mouriño (1996- 2002) e o presidente saínte,
Alfonso Zulueta de Haz (2002-2006).
O Consello da
Cultura Galega é a primeira institución cultural de
Galicia, creada o 8 de xullo de 1983 coa súa aprobación
unánime no Parlamento de Galicia, de acordo co previsto no
artigo 32 do Estatuto de Autonomía e grazas ao esforzo de
sobranceiros persoeiros da cultura galega. A súa función
é a defensa e promoción dos valores culturais do pobo
galego e ser órgano asesor e consultivo da Administración.
Está composto por membros representativos das principais
entidades culturais da Comunidade e por personalidades destacadas
no eido cultural galego. A súa actividade artéllase
arredor de trece Seccións (Antropoloxía Cultural,
Arquitectura, Artes Plásticas, Ciencia, Técnica e
Sociedade, Comunicación, Cultura Galega no Exterior, Dereito,
Filosofía e Pensamento, Lingua, Literatura e Industrias da
Edición, Música e Artes Escénicas, Patrimonio
Histórico e Patrimonio Natural) e catro arquivos (Arquivo
de Comunicación, Arquivo Sonoro de Galicia e Arquivo da Emigración
Galega e o Centro de Documentación Sociolingüística
de Galicia).
Despois da votación, os membros do Plenario acudirán
ao concerto "Galicia e as Cantigas de Santa María de
Afonso X", interpretado por Antoni Rossell & G. Courtly
Music Consort, que terá lugar ás 20:15 no Refertorio
do Pazo de Xelmírez. Posteriormente, sobre as 21:15 horas,
celebrarase unha cea no Hostal dos Reis Católicos en homenaxe
ao presidente saínte do Consello da Cultura Galega, Alfonso
Zulueta de Haz. Está previsto que, ademais dos membros do
Plenario da institución xa citados asista o presidente da
Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presidente
de Honra do CCG.
ALFONSO ZULUETA
DE HAZ (Vigo, 1924)
Licenciado en
Dereito e de profesión notario, Alfonso Zulueta de Haz entrou
en 1996 a formar parte do Pleno do Consello da Cultura Galega e
en 17 de abril de 2002 foi nomedo presidente do CCG, cargo que desenvolveu
ata este momento.
Foi relator
no anteproxecto realizado polo Consello da Cultura Galega para a
Lei de Dereito Civil Galego e nos Congresos de Dereito Civil Galego
entre 1972 e 1985. Exerceu como profesor no Curso de Dereito Galego
na Universidade da Coruña e no de Especialización
do mesmo Dereito, e así mesmo ten pronunciado conferencias
sobre este tema, especialmente aos profesionais de Dereito. Foi
membro da Corte arbitral da Cámara de Comercio, Industria
e Navegación de Vigo.
Fundador e primeiro
presidente do Ateneo de Pontevedra (1966-1969), tamén foi
o fundador e primeiro presidente do Padroado de Educación
e Cultura de Gaucin (Málaga), cidade onde exerceu por primeira
vez como notario. Este organismo foi creado para contrarrestar o
paro estacional que padecía esta comarca a través
da preparación das persoas para exercer outro tipo de empregos
distintos aos agrícolas. Tamén ocupou o cargo de vicepresidente
do Cine - Club de Pontevedra entre 1962 e 1976. Foi ademais presidente
do Consello Social da Universidade de Vigo (1996-2003).
Rector do Colexio
Maior Universitario para Graduados "César Carlos"
de Madrid entre 1955 e 1956, ocupou o cargo de secretario do Comité
Hispano-Británico de intercambio entre as Universidades de
Madrid e Oxford nos mesmos anos. Posteriormente foi o fundador e
primeiro vicepresidente do Partido Galego Social Demócrata
(1974-1978) e persoeiro do Partido Galeguista.
O cargo de presidente
do Consello da Cultura Galega compatibilizouno co de vicepresidente
primeiro e membro do Consello de Administración de Caixanova;
fundador e presidente da Fundación Tutelar Galega para Minusválidos
Psíquicos Sálvora; fundador e membro do Padroado e
Asesor Xurídico da Asociación Juan XXIII para Deficientes
Psíquicos; fundador e presidente da Fundación Pedras
Vivas; presidente da Editorial SEPT (Sociedade de Estudios, Publicacións
e Traballos), responsable da tradución e a publicación
da Biblia en galegos desde as lingua orixinais; vicepresidente da
Fundación Penzol; conselleiro da Editorial Galaxia; Académico
de Honra da Academia de Lexislación e Xurisprudencia de Galicia;
membro da comisión para a constitución da Fundación
Gonzalo Torrente Ballester e vocal do seu padroado; vocal da Fundación
Wenceslao Fernández Florez e do Padroado da Confederación
Española de Fundaciones, entre outros cargos.
Por último,
indicar que Alfonso Zulueta foi distinguido coa primeira clase da
Orde de San Raimundo de Peñafort e coa Medalla Castelao.
RAMÓN VILLARES PAZ (Cazás, Xermade- Lugo, 1951)
Ramón
Villares é membro electo do Pleno do Consello da Cultura
Galega desde 2003, ano no que comezou a dirixir o seu Arquivo da
Emigración Galega e a Sección de Cultura Galega no
Exterior. É Doutor en Historia desde 1980 e Catedrático
de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de
Compostela desde 1987.
É autor
de máis de setenta publicacións, entre as que destacan
libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, (1982),
Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia,
(1982), Galicia. A Historia, (1984) (con versión en lingua
española e portuguesa), Figuras da nación, (1997),
El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX, (2001) (en colaboración
con A. Bahomonde) e Historia de Galicia (2004). Tamén foi
editor de libros como Donos de seu, (1988) e de Señores y
campesinos en la península ibérica, siglos XVIII-XX,
(1991) (en colaboración con Pegerto Saavedra).
Decano da Facultade
de Xeografía e Historia (1986-1990) e Rector Magnifico da
Universidade de Santiago (1990-1994), membro fundador e Presidente
(1996-2002) da Asociación española de Historia Contemporánea,
foi Director en Galicia da UIMP desde 1998 ata 2006. Dirixiu dezaseis
Teses de doutoramento e vinte Memorias de Licenciatura, ademais
de ter sido tamén Investigador Principal de cinco Proxectos
de Investigación (CYCIT e Xunta de Galicia), así como
de varios Convenios de Asistencia Técnica.
Realizou estadías de investigación na Universidade
de Bologna (Italia) e no centro "Alcide Cervi" de Roma,
ademais de ser Profesor convidado na Ecole de Hautes Etudes (París)
e no Instituto de Ciencias Sociais (Lisboa). Forma parte do Consello
Editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia e pertence ao consello
asesor de revistas como Ayer (M.Pons Ediciones de Historia), Historia
Social (Valencia), Hispania (Madrid), Ler Historia (Lisboa) ou Perspectivas
Históricas (México).
|
| (18/04/06) |
|
A COMUNIDADE
BLOGUEIRA GALEGA E PORTUGUESA DÁSE CITA ESTE MÉRCORES
NO CONSELLO DA CULTURA
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 18 de abril de 2006.- A Sección de Comunicación
do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará mañá
mércores, día 19, EnBlogs06:
Encontro de blogs de Galicia e Portugal. Durante a reunión,
presentarase Blogoteca, o primeiro sistema aberto e gratuíto
de creación e xestión de blogs en galego, que dará
resposta á gran demanda existente entre a comunidade blogueira
galega de ter un sistema propio. Ademais, no encontro daranse a
coñecer dous importantes estudos sobre a blogosfera galega,
sobre as súas características e perfís: o sociólogo
Fernando Garrido (Observatorio da Cibersociedade) fará públicos
os datos galegos da III Enquisa a Webloggers, e a investigadora
Silvia Canabal, do Grupo de Novos Medios da USC, amosará
os resultados dun estudo sobre a demografía blog en Galicia.
O encontro,
ao que asistirán unas 150 persoas, pretende reflexionar sobre
os grandes e pequenos temas que rodean a creación de bitácoras:
a tecnoloxía, o marco legal, os cambios sociais, as experiencias
persoais e colectivas de creación, difusión e distribución
de información e ideas a través deste formato.
Con esta convocatoria,
o CCG quere abrir as súas portas ao debate, a reflexión
e o intercambio entre os membros da comunidade blogueira galega
e portuguesa e a todos os interesados nos novos fenómenos
de comunicación en Internet. A súa Sección
de Comunicación, que analiza dende hai máis dunha
década os cambios producidos na comunicación e na
sociedade pola irrupción das novas tecnoloxías, non
podía ser allea ao fenómeno dos blogs: diarios persoais
na web e o formato emerxente máis coñecido deste novo
movemento. Na actualidade, cóntanse por centos o número
de blogs activos en Galicia e Portugal que, en moitos casos, comparten
e intercambian ideas e contidos. Este fenómeno forma parte
da tendencia que nos últimos anos levou a Internet a gañar
unha importante dimensión social: ferramentas accesibles
e unha maior facilidade no acceso á informática facilitan
a proliferación de novas voces que enriquecen a cultura,
multiplican a presenza da lingua galega na rede e abren novos camiños
para a comunicación e a creación.
BLOGUEIROS
E EXPERTOS
Para dar conta
desta tendencia, o EnBlogs06 está pensado como unha
xuntanza dun día de duración. Pola mañá,
diferentes expertos debaterán sobre as cuestións globais
que afectan aos blogs e aos movementos sociais na rede. Marcus Fernández
(codigocero.com) falará sobre o futuro dos blogs e as últimas
tendencias tecnolóxicas asociadas a esta ferramenta; Fernando
Garrido (Observatorio da Cibersociedade) describirá como
medra a sociedade blog e Víctor Salgado (Avogado, Pintos
& Salgado Asociados, A Coruña) e Javier de la Cueva (Avogado,
Barcelona) analizarán os dereitos de autor e marco legal
en Internet. Pola súa banda, Silvia Canabal (Grupo de Novos
Medios da USC) e Manuel Pinto (Universidade de Braga) exporán
a demografía blog en Galicia e Portugal e Amador Loureiro
(dorfun.bitacoras.com) a sindicación de contidos.
Pola tarde,
dez blogueiros contarán en primeira persoa as súas
experiencias de creación. Como nas propias bitácoras,
todas as intervencións serán puntos de partida para
unha conversa aberta a quen desexe participar desde o público.
A primeira mesa será sobre A creatividade dixital asociada
ás bitácoras, estará moderada por Pedro
Silva (www.blogaliza.org) e contará coa participación
de Berto Yáñez (www.aduaneirossemfronteiras.org);
Catuxa Seoane (deakialli.bitacoras.com); Paulo Querido (pauloquerido.net/blogportugues)
e María Yáñez (www.todonada.com). Seguiralles
outra mesa sobre A diversidade das historias, moderada
por Ascárida (orballo.f2o.org/weblog) e coa participación
de Manuel Bragado (bretemas.blogspot.com), Miguel Vila (www.colineta.com),
Isaac Cordal (www.alg-a.com) e Mónica André (b2ob.blogspot.com).
Por último, Juan Varela (periodistas21.blogspot.com) falará
sobre Xornalismo de cidadáns, un novo desafío
para o xornalismo de calidade.
Para rematar,
o encontro de blogueiros trasladarase entón ao Casino de
Santiago, onde baixo o título Beers & Blogs
terá lugar un encontro informal e aberto a calquera que queira
compartir experiencias cibernéticas.
A xornada está
organizado por Xosé López, coordinador da Sección
de Comunicación do CCG; Rosa Aneiros (Sección de Comunicación)
e Manuel Gago (director de culturagalega.org). O Comité Científico
que o avala está formado por Alfonso Zulueta de Haz (presidente
do Consello da Cultura Galega); Xosé López e Henrique
Monteagudo (CCG, USU); Rosental C. Alves (University of Texas);
Anibal Alves e Manuel Pinto (Universidade do Minho); Jorge Pedro
Sousa (Universidade Fernando Pessoa do Porto); Emilio Prado (Universitat
Autònoma de Barcelona); Xosé Rúas e Alberto
Pena (Universidade de Vigo); e María del Carmen Pérez
Pais e Antonio Sanjuán (Universidade da Coruña).
EnBlogs´06 entróncase coa celebración do VII
Congreso Internacional da Comunicación Lusófona en
Compostela (LUSOCOM), un evento de grandes dimensións que
reunirá a profesionais e investigadores dos diferentes ámbitos
da comunicación lusófona no mundo a partir do día
20 de abril de 2006.
Máis
información e programa
|
| (06/04/06) |
|
A REVISTA
ESTUDOS DE COMUNICACIÓN ANALIZA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO
A FORMACIÓN AUDIOVISUAL EN GALICIA
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 6 de abril de 2006.- A Sección
de Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) analiza
no último número da súa revista Estudos de
Comunicación a formación audiovisual en Galicia e
o traballo xornalístico en América de tres figuras
da cultura galega: Carlos Velo, Suárez Picallo e Blanco Amor.
Ademais, no recén editado terceiro volume desta publicación,
destacados investigadores estatais e internacionais ofrecen un achegamento
a temas históricos e de actualidade no ámbito da comunicación,
desde a o fenómeno da "manta radio" ata a fotografía
publicitaria en Galicia.
Estudos de Comunicación
Nº 3-4 contén un monográfico no que oito formadores
de comunicación audiovisual, como Xaime Fandiño, Manuel
González e Emili Prado, achegan a súa visión
sobre a ensinanza neste sector e sobre os proxectos educativos dos
centros que en Galicia ofertan estes estudos. A publicación
ofrece unha panorámica sobre os estudos de comunicación
en Galicia, desde a Escola de Imaxe e Son de Ourense ata o recente
nacemento das Facultades de Comunicación Audiovisual no marco
dun puxante crecemento do audiovisual galego.
Pero sobre todo,
a obra aborda os retos que ten que afrontar a formación audiovisual.
Manuel González, da Universidade de Vigo, apunta algunha
destas posibles liñas estratéxicas de futuro: creación
de centros de alta especialización, maior coordinación
entre as universidades que imparten estudos de comunicación
audiovisual, actualizar as infraestructuras técnicas e humanas
destes centros, establecer un programa permanente de actualización
profesional, estimular a investigación, a creatividade e
o talento e fomentar a alfabetización audiovisual da sociedade
galega. A esta listaxe, Xosé Ramón Pousa, da Universidade
de Santiago de Compostela, engade que "a política educativa
ten que fomentar, ademais das destrezas técnicas, o respecto
pola diversidade cultural, formar profesionais sensibilizados co
fortalecemento da nosa cultura fronte a tendencia uniformizadora
dos medios de comunicación de masas".
Da importancia
de avanzar na formación audiovisual, Alberto Pena, da Universidade
de Vigo, destaca nesta publicación que "no contexto
transformador que vive a industrial audiovisual galega, a formación
dos profesionais desempeña un papel transcendental para consolidar
e para contribuír decisivamente ao desenvolvemento de proxectos
innovadores que convertan a Galicia nun polo atractivo para un sector
en expansión".
ALÉN
DO MAR
Ademais de afondar
na formación dos profesionais do sector audiovisual, a revista
tamén dedica un especial tratamento á produción
xornalística en América de tres destacados intelectuais
galegos. A través dunha investigación da profesora
Esperanza Mariño, podemos coñecer a traxectoria conxunta
de Eduardo Blanco Amor e Ramón Suárez Picallo desde
que en 1924 inician a codirección en Bos Aires da revista
cultural Céltiga. A publicación continúa o
periplo de Blanco Amor por numerosos xornais americanos onde realizou
colaboracións, como La Nación, El Mercurio, La Hora
e El Día, e cabeceiras de órganos galegos como Acción
Gallega, Céltiga, Terra, El Despertar Gallego, Galicia e
Galicia Emigrante. "Neste labor prolífico -sinala o
profesor Xosé Rivero- Blanco Amor destacou pola súa
ambición literaria, a dedicación aos temas galegos
-tanto culturais como de xeración de conciencia propia- e
o gusto pola expresión barroca".
Completan este
achegamento polo exilio creativo Luís Álvarez Pousa
e Miguel Anxo Fernández, que realizan un minucioso percorrido
pola traxectoria persoal e profesional do cineasta galego Carlos
Velo, un dos representantes máis ilustre do exilio galego.
Por último,
indicar que a revista contén tamén un amplo abano
de artigos de investigadores estatais e internacionais sobre diversos
temas relacionados co sector, como o fenómeno da "manta
radio" en España, a fotografía publicitaria en
Galicia, as comisións fílmicas, o discurso electoral
ou as promocións de vendas dos xornais.
Consulte
a publicación de balde
Número
anteriores de Estudos de Comunicación
|
|
|