DIRECTORIO
Centro de prensa
Salón de Actos
Noticias
Boletín
Centro de Ideas
Congresos

Correos

Historia
Lexislación
Composición
Seccións
Mediateca
Convocatorias
SCR
Exposicións





NOTICIAS>>NOTICIA
(17/02/06)

CARRACEDO DESTACA QUE O NOROESTE PENINSULAR É UNHA DAS ZONAS XENETICAMENTE MÁIS UNIFORMES

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 de febreiro de 2006.- A Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta mañá o libro "Xenética e Historia no Noroeste Peninsular". A obra está coordinada polo experto en xenética Anxo Carracedo e polo catedrático de Historia Antiga da USC Gerardo Pereira-Menaut e aborda a relación entre as ciencias de carácter histórico (como a arqueoloxía ou a lingüística) e a xenética para explicar a evolución dos pobos e as súas características actuais. O acto de presentación contou coas intervención do presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, do coordinador da Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros, e dos coordinadores da edición, Anxo Carracedo e Gerardo Pereira.

A obra recolle as actas das xornadas que co mesmo nome se celebraron en abril de 2002 na sede do CCG, en Santiago de Compostela, e que reuniron a destacados expertos en xenética e historia baixo a perspectiva de que o camiño axeitado para avanzar no coñecemento é o diálogo entre as diferentes disciplinas.

Os coordinadores da edición, Anxo Carracedo e Gerardo Pereira, explican que "para comprender e explicar fenómenos que descobre a xenética temos que acudir ás ciencias que describen e estudan os pobos do mundo, ás ciencias de carácter histórico: a lingüística, a arqueoloxía, a antropoloxía e a propia historia". Así, sinalan que aos xenetistas interésalles o que é a poboación na actualidade pero que precisan da axuda dos historiadores para interpretar esas diferenzas que observan con outras poboacións.

"A historia dos pobos é moito máis que a historia xenética dos pobos pero pode axudar a comprendela" puntualiza o catedrático de xenética forense Anxo Carracedo, que tamén chama a atención sobre o feito de que "cousas que culturalmente foron moi importantes para un pobo xeneticamente non o son". É dicir, que pobos que culturalmente deixaron grandes pegadas na lingua, nas tradicións, etc. non o fixeron no aspecto xenético.

No caso concreto do Noroeste da Península Ibérica, Carracedo destaca que se trata dunha das zonas xeneticamente mellor estudadas do mundo. Nela, sinala, aínda que poida haber diversidade lingüística e cultural "xeneticamente hai moitísima uniformidade". Para comprender este fenómeno, Carracedo destaca que podemos acudir a feitos históricos como unha grande mobilidade interna pola ausencia de barreiras xeográficas, escasa mobilidade foránea, e a falla de contacto xenético con outras comunidades como a norteafricana.

Froito desta uniformidade, explica o director do Instituto de Medicina Legal da USC, hai efectos moi típicos nesta zona, como determinadas mutacións xenéticas en casos de cancro, como o de mama, que só se dan en persoas do Noroeste da Península.

INTERDISCIPLINAR

Pola súa banda, o catedrático de Historia Antiga da USC, Gerardo Pereira, subliña o feito de que "os pobos están definidos polas súas creacións culturais" e no caso do Noroeste da Península, desde o punto de vista etno-histórico, hai moitos "feitos diferenciais". Para este historiador, co traballo interdisciplinar feito nesta obra entre historiadores e xenetistas, ábrense novas perspectivas moi interesantes para o coñecemento dos pobos.

Para o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destaca que "a xenética e a historia, ademais de aproveitarse reciprocamente dos seus respectivos coñecementos, teñen que enriquecerse coas perspectivas doutras disciplinas". Unha perspectiva imprescindible xa que, sinala o coordinador da Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros, "a ciencia do futuro vai rachar coas barreiras das especialidade".




 

Fotografía (De esqueda a dereita): Anxo Carracedo, Francisco Díaz-Fierros, Alfonso Zulueta de Haz e Gerardo Pereira

(Premer para ver ampliada)

Descarga de balde

 

 

Consello da Cultura Galega, 2006
Inicio | Historia | Lexislación | Seccións | Mediateca

Centro de prensa | Salón de Actos | Noticias | Boletín de novidades | Centro de Ideas

Xornadas e Congresos| Correo | Aviso legal

Pazo de Raxoi, 2º Andar
15704 Santiago de Compostela - Galicia - (España)
Tfno: 981 957202 | Fax: 981 957205