|
FORGES REIVINDICA
A CULTURA E O HUMOR PARA REMATAR COA DESORIENTACIÓN DOS CIDADÁNS
Santiago
de Compostela, 10 de xuño de 2006.- O humorista Antonio Fraguas
Forges reivindicou esta mañá no Consello
da Cultura Galega (CCG) o papel do humor e a cultura para axudar
a rematar coa desorientación dos cidadáns na sociedade
actual. No marco da quinta edición dos Encontros Cultura
e Concellos A acción cultural nos espazos urbanos,
Forges expuxo con moito humor e ironía a súa particular
visión da cultura e a vida na cidade.
Estas xornadas
constitúen unha cita anual fundamental para os actores culturais
galegos, para intercambiar información, coñecementos
e iniciativas nun fructífero diálogo entre territorios
e realidades culturais diferentes. Nesta ocasión, a acción
cultural urbana, as súas características, actores
e espazos, son os protagonistas do evento, ao que asisten un cento
de profesionais.
O debuxante,
que colabora en xornais e publicación como El País,
El Jueves e Interviú e que vén de publicar Historia
de aquí, la Guerra inCivil desde el desastre del 98 hasta
la II República foi debullando ante os asistentes con
moita ironía as claves da vida e a cultura urbana e as súas
contradicións: o paro, a vivenda, o tráfico, as relacións
de parella, os avances da ciencia, etc. Todo elo para dar conta
da necesidade do humor e a cultura para orientar aos cidadáns.
Así, salientou que a sociedade actual está marcada
por unha sobreabundancia de información e moito ruído
de fondo, polo que animou aos técnicos culturais presentes
a traballar para que os cidadáns poidan acceder e adquirir
coñecementos veraces e queiran facelo. O maior inimigo
da cultura é o sofá, dixo Forges.
O debuxante,
de pai galego, de A Fonsagrada, tamén destacou como o humor
das persoas está condicionado polo tipo de cidade ou vila
na que vive e no caso de Galicia asegurou que o humor na vida
cotiá ten unha presenza moi importante. Eu, cando
me quero rir de verdade fágoo coa miña familia lucense
e non en Madrid, dixo. Do mesmo xeito, tamén quixo
aproveitar a ocasión para reivindicar a importancia do humor
na educación e na formación das persoas explicando
como a súa última obra, que anunciou que será
traducida ao galego, será material de apoio das materias
de historia nos centros de Secundaria.
ACTORES E
ESPAZOS URBANOS
Trala intervención
de Forges, a mesa redonda que clausurou os Encontros, amosou distintas
iniciativas e propostas para a mellor captación do interese
dos públicos. O director do CGAC, Manuel Olveira, referiuse
aos públicos como polimorfos e cambiantes e chamou
a atención sobre a necesidade de atender ás minorías.
A miña experiencia obrígame desde o CGAC, institución
pública, a implementar proxectos que resposdan á pluralidade
dos públicos, asegurou.
Nesta mesma
idea abundou o actor Xesús Ron, da Sala Nasa, unha iniciativa
cultural de carácter privado asentada nun barrio da cidade
de Santiago. A nosa preocupación é captar novos
públicos e traballar moi especialmente coas minorías
para servir de contrapunto á actividade importante que acolle
cada día a cidade.
Pola súa
banda, Xabier Paz, da Libraría Torga, subliñou a dimensión
de espazo participado do local que rexenta no casco
vello ourensán. A nosa librería é un
pretexto para pór en marcha un proxecto de intervención
cultural en distintas direccións, pero tendo sempre presente
que cada acto de venda dun libro é en si mesmo un acto cultural,
dixo.
A directora
da Fundación Luís Seoane da Coruña, Silvia
Longueira, referiuse á importancia de apostar por proxectos
relacionados coa cultura contemporánea e subliñou
o compromiso de intentar vertebrar diferentes aspectos da acción
cultural na Coruña. A Fundación Luís
Seoane deberá aglutinar tamén movementos culturais
que están xurdindo o van xurdir na cidade.
Para rematar,
a profesora da Universidade de Vigo Ana Belén Fernández,
falou da presenza de Galicia na rede e da importancia e significación
dos blogs na acción cultural. Salientou as características
de linguaxe próxima, carga opinativa e interacción,
que definen estes novos soportes atendidos e seguidos por xente
nova, de formación media ou alta e con espírito crítico.
Un campo de traballo e de divulgación cultural emerxente
que vén enriquecer o espazo creado polos medios convencionais.
UNHA APOSTA
POLAS DEPUTACIÓNS
No marco destas
xornadas tamén hai que destacar a intervención onte
de Eduard Miralles, do Centre d'Estudis i Recursos Culturals de
Barcelona Deputación de Barcelona, que se referiu ao ámbito
provincial da cultura e o papel das Deputacións. Miralles
reivindicou o papel destes organismos na xestión dese espazo
intermedio entre a Comunidade Autónoma e o Concello. O
territorio real a administrar é máis pequeno que o
autonómico e máis grande que o local-municipal, polo
que Provincia e Deputación teñen moito futuro sempre
que sexan quen de adaptárense ao marco legal e ás
necesidades do territorio, afirmou.
Desde estas
consideracións, Eduard Miralles, convencido de que a cultura
non pode ser xestionada hoxe tan só desde a perspectiva local,
advertiu contra a decisión de suprimir as Deputacións.
Se non existisen, poida que houbera que inventalas,
dixo.
Pola súa
parte, Hector Pose, da Universidade da Coruña, ocupouse das
políticas culturais urbanas en Galicia e do seu sentido diferencial.
Botou de menos unha estratexia de comunicación global municipal
e unha maior facilidade para obter información na súa
condición de investigador e estudioso. Tamén invocou
a necesidade de máis plataformas de participación
cidadá, máis animación sociocultural, máis
sensibilidade coa creatividade local, máis traballo en rede
con outras cidades e menos predominio do que definiu como trivialización
mediático-cultural. Pose asegurou que no binomio 2001-2002,
tempo do seu estudo, as cidades de Pontevedra e A Coruña
foron as máis eficaces e coherentes nos seus plantexamentos
culturais.
|