DIRECTORIO
Centro de prensa
Salón de Actos
Noticias
Boletín
Centro de Ideas
Congresos

Correos

Historia
Lexislación
Composición
Seccións
Mediateca
Convocatorias
SCR
Exposicións





NOTICIAS>>NOTICIA
(09/06/06)

OS EXPERTOS SALIENTAN NO CCG A ECLOSIÓN DAS POLÍTICAS CULTURAIS EN GALICIA NOS ÚLTIMOS ANOS

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2006.- A quinta edición dos Encontros Cultura e Concellos (CCG) deu comezo esta mañá no Consello da Cultura Galega analizando o fenómeno emerxente das políticas culturais nos municipios ao abeiro da promoción turística e a institucionalización da cultura. Estas xornadas constitúen unha cita anual fundamental para os actores culturais galegos, para intercambiar información, coñecementos e iniciativas nun fructífero diálogo entre territorios e realidades culturais diferentes. Nesta ocasión, a acción cultural urbana, as súas características, actores e espazos, son os protagonistas do evento, ao que asisten un cento de profesionais.

O coordinador principal das xornadas e responsable do Observatorio da Cultura Galega do CCG, Xan Bouzada, destacou na inauguración esta mañá dos Encontros que “Galicia vive nos últimos anos unha eclosión das políticas culturais”. Así, subliñou o aumento extraordinario de técnicos de cultura nos municipios galegos, sinalando que se en 1990 tan só un 15% deles dispoñían deste tipo de persoal, na actualidade arredor do 50% dos concellos contan con técnicos ou xestores culturais. Esta cifra, apuntou Bouzada, é aínda reducida comparativamente con outros focos culturais pero está a medrar moito no campo do voluntariado e agárdase que tamén o faga desde o punto de vista profesional. Este fenómeno, salientou, “evidencia a vontade de institucionalización e municipalización da cultura nos concellos”. No caso concreto das cidades galegas, dixo que “están facendo un esforzo moi importante para estabilizar as súas accións culturais, para transcendelas, renovalas e proxectalas cara ao exterior, cun interese crecente turístico-cultural”.

O auxe destas políticas culturais, explicou Bouzada, está vencellado fundamentalmente a dous factores: ao interese económico e á maior sensibilidade co papel da cultura na sociedade e á súa capacidade de tender pontes entre os colectivos para acadar unha maior cohesión e forxar unha identidade máis definida. “As políticas culturais en Galicia están moi vencelladas a políticas de carácter turístico, para atraer visitantes e crear equipamentos, pero na actualidade o interese económico da cultura materialízase tamén en novos proxectos empresariais emprendedores, na hostelería, na xestión cultural, etc.”, sinalou.

Pola súa banda, o director do Observatorio Cultural do Languedoc-Roussillon, Emmanuel Negrier, un dos maiores expertos europeos en políticas culturais, destacou que “os concellos e as cidades están na primeira liña dos retos das políticas culturais”. Sen embargo, apuntou o paradoxo de que por unha banda se considera que a cultura é un dos elementos fundamentais do desenvolvemento das cidades e por outra o sector cultural público está ameazado polos que consideran a cultura como un ben de luxo e polos que entenden que a cultura é un problema privado e non público.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, fixo pola súa banda fincapé no importante papel que realiza e pode realizar no futuro o Observatorio da Cultura Galega desta institución para “avaliar as políticas culturais que se desenvolven na Comunidade e para propor novos modelos que permitan seguir traballando na promoción cultural en Galicia, unhas das funcións fundamentais do Consello da Cultura Galega”.

Neste primeiro día de traballo tamén expuxeron a súa experiencia no sector técnicos culturais de cidades como Eibar, Guimarães (Portugal), Granollers e da Fundación Barrié de la Maza. Xa pola tarde está prevista a intervención de Eduard Miralles, director do CERC da Deputación de Barcelona, e de Héctor Pose (Universidade da Coruña - Consello da Cultura Galega) e Xan Bouzada (Universidade de Vigo - Consello da Cultura Galega)

PARTICIPACIÓN DO HUMORISTA FORGES

As xornadas continuarán mañá sábado cunha intervención de Antonio Fraguas "Forges" sobre "A Cultura na cidade, vivir a cidade". Xan Bouzada destaca a pertinencia de contar con este humorista nas xornadas porque o seu traballo de reflexión sobre a vida e a cultura na cidade supón un complemento perfecto ao programa técnico. As sesións continuarán cunha mesa redonda sobre os actores e espazos da acción cultural urbana na que participarán o director do CGAC, Manuel Olveira; a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira; Xesús Ron, da Sala Nasa; Xabier Paz, da Libraría Torga-Ourense, e a profesora Ana Belén Fernández. Pechará o encontro o presidente da FEGAMP, Xosé Crespo. Con esta participación, o Consello da Cultura quere abrir as súas portas tamén a experiencias culturais alternativas e a proxectos innovadores.

 



 

Programa e inscrición gratuíta

Fotografía
De esquerda a dereita: Eduard Negrier e Xan Bouzada na inauguración das xornadas

 

 

 

Consello da Cultura Galega, 2006
Inicio | Historia | Lexislación | Seccións | Mediateca

Centro de prensa | Salón de Actos | Noticias | Boletín de novidades | Centro de Ideas

Xornadas e Congresos| Correo | Aviso legal

Pazo de Raxoi, 2º Andar
15704 Santiago de Compostela - Galicia - (España)
Tfno: 981 957202 | Fax: 981 957205