|
UN CENTENAR
DE TÉCNICOS ANALIZAN DESDE MAÑÁ NO CCG AS POLÍTICAS
CULTURAIS DAS CIDADES
Santiago
de Compostela, 8 de xuño de 2006.- O Consello da Cultura
Galega (CCG) reunirá este venres e sábado, días
9 e 10 de xuño, a preto dun centenar de técnicos e
axentes culturais galegos e foráneos para reflexionar sobre
as políticas culturais nas cidades. A cita será na
quinta edición dos encontros Cultura e Concellos, que nesta
ocasión xirarán arredor da "Acción cultural
nos espazos urbanos". Estas xornadas constitúen unha
cita anual fundamental para os actores culturais galegos, para intercambiar
información, coñecementos e iniciativas nun fructífero
diálogo entre territorios e realidades culturais diferentes.
Nesta ocasión, a acción cultural urbana, as súas
características, protagonistas e espazos, serán os
protagonistas.
O coordinador
principal das xornadas, Xan Bouzada, destaca a importancia de analizar
este fenómeno xa que Galicia viviu nos últimos
anos unha auténtica revolución nas políticas
culturais, unha intensa eclosión que as converten na actualidade
en eixes centrais das políticas do concellos. Deste
xeito, sinala, na actualidade as políticas culturais urbanas
constitúen un soporte institucional imprescindible para unha
articulación social, política e territorial eficiente,
capaz de dar conta dos profundos cambios que a nosa sociedade está
a experimentar nestes inicios do século XXI.
O presidente
do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaugurará
o encontro o venres ás 10:30 horas. Coa súa intervención
darán comezo unhas xornadas que se agarda que reúnan
a preto dun centenar de técnicos e axentes. O primeiro día
de traballo, exporán a súa experiencia en acción
cultural os directores do Centre d'Estudis i Recursos Culturals
de Barcelona, Eduard Miralles, e do Observatorio Cultural de Languedoc-Rousillon,
Emmanuel Negrier, recoñecido experto europeo en políticas
culturais en áreas metropolitanas. Completarán o programa
técnicos culturais de cidades como Eibar, Guimarães,
Granollers e da Fundación Barrié de la Maza.
FORGES E
A CIDADE
O segundo día, as xornadas comezarán cunha intervención
de Antonio Fraguas "Forges" sobre "A Cultura na cidade,
vivir a cidade". Xan Bouzada destaca a pertinencia de contar
con este humorista nas xornadas porque o seu traballo de reflexión
sobre a vida e a cultura na cidade supón un complemento perfecto
ao programa técnico. As sesións continuarán
cunha mesa redonda sobre os actores e espazos da acción cultural
urbana na que participarán o director do CGAC, Manuel Olveira;
a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira;
Xesús Ron, da Sala Nasa; Xabier Paz, da Libraría Torga-Ourense,
e a profesora Ana Belén Fernández. Pechará
o encontro o presidente da FEGAMP, Xosé Crespo. Con esta
participación, o Consello da Cultura quere abrir as súas
portas tamén a experiencias culturais alternativas e a proxectos
innovadores.
|