|
RAMONET
ANALIZARÁ NO CONSELLO DA CULTURA OS GRANDES CAMBIOS DA COMUNICACIÓN
NO SÉCULO XXI
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 27 de outubro de 2005.- O catedrático e xornalista
Ignacio Ramonet, director do xornal "Le Monde Diplomatique",
expoñerá no Consello da Cultura Galega (CCG) a súa
visión sobre os grandes cambios que está sufrindo
a comunicación no novo século e sobre os seus retos
de futuro. Ramonet participará en Santiago nas xornadas que
celebrará o Arquivo
de Comunicación do CCG sobre "Documentación
e poder nas sociedades da información. O papel dos arquivos
e os observatorios de comunicación" os días 30
de novembro e 1 de decembro.
O autor de libros
como A Tiranía da Comunicación e Como nos venden a
moto explicará o funcionamento e actividades do Observatorio
Internacional de Medios de Comunicación (Media Watch Global),
iniciativa xurdida no transcurso do Foro Social Mundial de Porto
Alegre do ano 2002 e creado oficialmente en 2003, e da que Ramonet
foi un dos principais promotores. Este Media Watch Global, con sede
en París, naceu coa vocación declarada de forxar unha
arma colectiva de debate e de acción democrática en
defensa do dereito de expresión e está formado por
xornalistas, universitarios, militantes de asociacións, lectores
de diarios, oíntes de radios, telespectadores e usuarios
de internet. A entidade trata polo tanto de protexer á sociedade
contra os abusos e as manipulacións, así como defender
a información coma un ben público e reivindicar o
dereito dos cidadáns a ser informados. Uns obxectivos que
se enmarcan dentro do debate que o Consello da Cultura pretende
suscitar coa celebración destas xornadas sobre a complicada
relación entre poder e comunicación.
MEDIOS E
INVESTIGADORES
Ademais da intervención
de Ramonet, está prevista a participación de destacados
investigadores e representantes dalgúns dos principais medios
de comunicación galegos e estatais. O encontro e a participación
destes expertos supón un importante paso máis no intento
de establecer unha ponte de comunicación entre a teoría
e a práctica, entre os académicos e os profesionais
do sector, para debater sobre o poder da documentación na
actual sociedade da información, desbordada en numerosas
ocasión polo inxente caudal de datos e opinións que
chegan aos medios e aos cidadáns día a día.
Para dar conta
deste fenómeno, as xornadas comezarán abordando os
desafíos da comunicación e da cultura no terceiro
milenio de man de tres recoñecidos especialistas: Bernardo
Díaz Nosty, da Universidade de Málaga, Enric Saperas,
da Universidade Rei Juan Carlos e Marcial Murciano, da Universidade
Autónoma de Barcelona. Esta
perspectiva teórica sobre a información completarase
coas achegas de Mariano Cebrián e Emilio García, da
Universidade Complutense de Madrid, e Emilio Prado, da Universidade
Autónoma de Barcelona, que analizarán a comunicación
de proximidade na sociedade global.
Tras estas aproximación
xerais aos retos da comunicación, os encontros centraranse
en abordar a achega concreta dos arquivos e os observatorios de
comunicación á sociedade e á súa información.
Representantes dalgúns dos principais medios de comunicación
estatais e galegos, como El País, a axencia EFE, La Vanguardia,
CRTVG, TVE-Galicia, Grupo Voz, Faro de Vigo, Grupo Correo Gallego,
La Región, El Progreso e El Ideal Gallego, debaterán
sobre como se manexa diariamente nas súas redaccións
a relación entre información e influenza. A súa
visión práctica será completada coas achegas
de investigadores de diferentes universidades españolas sobre
bases de datos e novas tecnoloxías, sobre procesos de dixitalización
e recuperación de material e sobre os centros de información
e documentación nos medios.
BASES DE
FUTURO
Os organizadores
do encontro destacan a importancia de reflexionar sobre estes aspectos
desde un punto de vista teórico e práctico, porque
a celeridade da información na actualidade implica establecer
canles para a súa conservación, localización
e uso nun tempo en que prima a caducidade e as dificultades de almacenamento,
dada a cantidade inxente de datos producidos. A frase "quen
ten a información ten o poder" farase cada vez máis
patente nos vindeiros anos e converterase nun importante factor
económico de uso e cambio, así como necesario alicerce
para recuperarmos a memoria."A documentación é
poder para aqueles medios que saiban aproveitar o seu potencial,
dispoñendo dos recursos necesarios. É unha aposta
polo pasado para ser capaces de establecer o futuro", advirte
Xosé López, director do Arquivo de Comunicación.
|