|
O CONSELLO
DA CULTURA GALEGA TRADUCE AO GALEGO AS LICENZAS CREATIVE COMMONS
SANTIAGO
DE COMPOSTELA, 15 de xullo de 2005.- A partir de hoxe, calquera
internauta dispón en lingua galega da ferramenta máis
estendida no mundo para a cesión de dereitos de autor. O
Consello da Cultura Galega (CCG) realizou a versión no noso
idioma das licenzas Creative Commons, adaptadas ao ámbito
xurídico español. Estas licenzas permiten aos creadores
dispor dun marco flexible de cesión de dereitos de autor
en calquera soporte. A versión en galego incrementa as posibilidades
de uso da nosa lingua na rede e facilita a diversidade da creación
cultural dentro dun movemento de carácter mundial.
As licenzas
Creative Commons axudan a regular prácticas que son habituais
na rede. Un uso típico sería a copia e reprodución
dun contido orixinal por parte doutros usuarios sempre que non sexa
feito con ánimo de lucro e mencionando ao seu autor orixinal.
Na actualidade, o contido de varios millóns de páxinas
web do mundo están baixo o marco normativo facilitado por
Creative Commons. Entre elas, o arquivo da BBC, moitas das publicacións
científicas do Massachussets Institute of Technology (MIT),
proxectos musicais do músico e Ministro de Cultura do Brasil,
Gilberto Gil ou mesmo unha parte importante dos blogs que se editan
na rede.
AS ORIXES
As licenzas
Creative Commons naceron no ano 2001 na Universidade de Stanford
(California) da man de Lawrence Lessig, profesor da Escola de Dereito
desa universidade. Na actualidade, a Fundación Creative Commons
-unha entidade sen ánimo de lucro- conta con representantes
de 21 países e rexións e as súas licenzas xurídicas
están publicadas en 16 linguas e adaptadas ao marco normativo
de 29 países de todo o mundo. En España, a adaptación
ao ámbito xurídico estatal foi levada a cabo por un
equipo da Universitat de Barcelona baixo a dirección do profesor
Ignasi Labastida. A versión en galego foi realizada polo
Consello da Cultura Galega a través da iniciativa do sociólogo
e experto na Sociedade da Información Fernando Garrido e
o portal culturagalega.org.
PRECEDENTES
O Consello da
Cultura Galega facilita desde o ano 2.000 a copia e a descarga gratuíta
de case cen publicacións do seu fondo editorial. Ao mesmo
tempo, o seu portal de divulgación cultural culturagalega.org
ofrece aos seus usuarios dende o ano 2003 boa parte do seu contido
baixo as licenzas Creative Commons co obxectivo de potenciar a difusión
da lingua e da cultura galegas en Internet e noutros soportes. Con
esta versión galega das licenzas, o Consello quere contribuír
á riqueza e diversidade de formas de acción e difusión
cultural que están a caracterizar a emerxencia das novas
tecnoloxías.
Versión
en galego das licenzas:
http://creativecommons.org/license/?lang=gl
Creative Commons:
http://www.creativecommons.org
|