DIRECTORIO
Centro de prensa
Salón de Actos
Noticias
Boletín
Centro de Ideas
Congresos

Correos

Historia
Lexislación
Composición
Seccións
Mediateca
Convocatorias
SCR
Exposicións





NOTICIAS>>NOTICIA
(24/11/04)


O CONSELLO DA CULTURA GALEGA RECUPERA A OBRA FOTOGRÁFICA DE XOCAS NUNHA EXPOSICIÓN ITINERANTE

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2004. O Consello da Cultura Galega continúa afondando na figura de Xocas coa organización dunha exposición itinerante sobre a súa obra fotográfica. A mostra "Don Xaquín Lorenzo: o fotógrafo" estivo exposta no Liceo de Ourense entre o 27 de outubro e o 6 de novembro e continúa agora o seu percorrido pola Fundación Wenceslao Fernández Flórez e o Concello de Cambre.

A mostra permite aos visitantes descubrir unha faciana pouco coñecida da personalidade de Xaquín Lorenzo, a do ensaio sobre a fotografía. O mestre da Etnografía galega, a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, foi un home polifacético e un espírito inquedo, atento a todo o que podía facilitarlle as posibilidades de estudo e coñecemento da realidade de Galicia, no mellor ronsel da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos.

Na exposición pódense ver unhas corenta tomas de diferente temática, como bodegóns, retratos, paisaxes e escenas rurais e ensaios e interiores. O criterio de elección das fotografías consistiu, segundo sinala Tomás Vega Pato, comisario da exposición, "en elixir entre as dispoñíbeis aquelas que mellor definen ao autor como fotógrafo artístico e creativo, en contraposición á súa faceta de fotógrafo documentalista na procura de tomas apropiadas para a ilustración da súa obra escrita de carácter etnográfico". Así, Xocas complementaba en ocasións con estas fotografías a representación debuxada dos elementos materiais e tamén das escenas activas ou pasivas da cultura tradicional. "A idoneidade da interacción entre a fotografía e o debuxo na ilustración etnográfica era unha cuestión moi importante para Xaquín Lorenzo", destaca o comisario da exposición.

 

Consello da Cultura Galega, 2004
Inicio | Historia | Lexislación | Seccións | Mediateca

Centro de prensa | Salón de Actos | Noticias | Boletín de novidades | Centro de Ideas

Xornadas e Congresos| Correo

Pazo de Raxoi, 2º Andar
15704 Santiago de Compostela - Galicia - (España)
Tfno: 981 957202 | Fax: 981 957205