"INTERNET
NUNCA SUBSTITUIRÁ ÓS XORNAIS"
O
consultor Mario García ofreceu unha conferencia sobre ó
redeseño dos xornais impresos e electrónicos. Experto
deseñador e dono da súa propia empresa en EE.UU,
Mario García foi o encargado da renova-la imaxe de 450
publicacións en 35 países.
Ó longo
dunha intensa xornada, composta por dous seminarios e unha conferencia,
o doutor Mario García fixo un repaso polo estado actual
do deseño tanto dos xornais en papel como doutras publicacións
electrónicas en varios países. Durante
a súa intervención, García augurou unha maior
relación entre as publicacións en papel e as electrónicas.
Este
deseñador salientou que os periódicos do futuro deberán reducir
a súa carga visual e incrementa-las relacións entre a versión
en Internet e a versión en papel.
Mario García
adiantou cales serán as tendencias do futuro no deseño gráfico
dos xornais e das súas versións electrónicas na conferencia maxistral
“Novas tendencias mundiais no deseño da prensa tradicional e electrónica”
nun seminario organizado pola Sección de Comunicación do Consello
da Cultura Galega co patrocinio de Unión Fenosa.
Deseño minimalista
“O deseño dos xornais nos próximos anos será minimalista, moi
sobrio, moi preocupado polo contido”, asegurou o deseñador, director
de Mario García Media Group e un dos máis prestixiosos profesionais
da prensa na actualidade no mundo. Mario García analizou as claves
do deseño nos próximos anos: “ter moi en conta a relación coa
versión electrónica baixo a estratexia da complementación entre
os contidos da edición dixital e a edición en papel”. García asegurou
que os xornais “deben ter un editor de contidos on line que participa
das decisións da redacción en papel”. A conferencia foi retransmitida
a través de Internet coa colaboración da Radio Galega (Compañía
de Radio Televisión de Galicia).
Deseñador de máis de 450 xornais
Mario García é mundialmente coñecido como experto no deseño
de xornais impresos e electrónicos. De orixes cubanas, este asesor
dalgúns dos principais grupos de comunicación do mundo, participou
no deseño de preto de 450 xornais en 35 países a finais do pasado
ano. Propietario da empresa Mario Garcia Group, radicada nos Estados
Unidos, está especializado no desenvolvemento do deseño de publicacións,
e especialmente en crear contornos nos que as publicacións existentes
poden facer unha fácil transición cara á publicación electrónica.
(04/04/01)