CLARA
LIDA: "O EXILIO REPUBLICANO SUPUXO MÁIS DA METADE DA INMIGRACIÓN
ESPAÑOLA EN MÉXICO"
A catedrática de Historia e investigadora, Clara Eugenia Lida,
asegurou que México "distinguiuse por ser o país de Hispanoamericana
que máis exiliados republicanos recibiu e máis facilidades lles
deu para establecerse na sociedade mexicana". Esta profesora en
El Colegio de México, unha das institucións investigadoras
máis prestixiosas de ese país, ofreceu esta e outras conclusións
durante o relatorio que baixo o título Españois en México durante
o primeiro franquismo, ofreceu na tarde de onte no Salón de
Actos do Consello da Cultura Galega, nun acto organizado polo
Arquivo da Emigración Galega.
A doutora Lida asegurou que, a través desta esta investigación
sobre a inmigración española en México entre os anos 1939 e 1950,
"sabemos que a emigración política dos republicanos españois remata
moito antes do que pensábamos os historiadores, en torno ó ano
1946, e que, a partir de entón, México segue recibindo inmigrantes
españois pero que non chegan ó país por motivos políticos senón
económicos, como o facían antes da Guerra Civil española".
Estudio demográfico
Esta investigadora, autora de máis dun centenar de artigos e unha
ducia de libros sobre estes temas, fixo estas afirmacións gracias
a un exhaustivo estudio demográfico dos grupos migratorios que
chegaron a México entre 1939 e 1950 tendo en conta variantes coma
o sexo, a idade, a profesión ou a provincia da que eran orixinarios.
Estas investigacións permitíronlle diferenciar dúas leadas de
inmigrantes, cuns perfiles ben diferentes, en dúas décadas distintas.
"Unha primeira leada rexístrase entre 1939 e 1942, que ten unha
serie de características que identifica ós inmigrantes
como exiliados republicanos, e unha segunda, entre 1945-50, cun
perfil propio do exilio tradicional que se rexistraba antes da
Guerra Civil".
A partir destes datos, a profesora Lida, coa axuda dun grupo de
colaboradores e continuando un traballo persoal iniciado no libro
Una inmigración privilegiada, puido establecer que máis
da metade dos españois que se exiliaron a México entre 1939 e
1950 fixérono na primeira leada, especialmente en 1939, coincidindo
coa fin da Guerra Civil española, e, por tanto, "foron exiliados
republicanos ós que o goberno mexicano ofreceu apoio institucional
e económico xa que se trataba dunha inmigración cun alto nivel
de especialización, con capacidade para adaptarse á sociedade
mexicana e, sobre todo, que viñan avalados polas institucións
republicanas que se crearon no exilio trala caída da II República".
Facilidades para os exiliados
"Esto supuxo que, dos 20.000 españois chegados a México nas datas
da investigación, 10.000 foron exiliados republicanos que, a pesar
de que se lles facilitou a nacionalización, aínda tardarían moito
en facelo", aspecto que desbota, segundo asegurou Lida, outro
dos mitos da propaganda franquista, que afirmaba que os republicanos
eran uns apátridas que rapidamente desbotaron a súa nacionalidade.
Clara E. Lida rematou a súa intervención destacando
que, "foi posible realizar esta investigación a partir dunha fonte
tan importante como o Registro Nacional para Extranjeros,
un arquivo que alberga máis de 50.000 fichas de tódolos estranxeiros
que entran no país e na que se consignan datos como a idade, sexo,
profesión, relixión, raza ou profesión, pero que só é posible
consultar ata o ano 1950". (30/05/01)