ZUBILLAGA
AFIRMA QUE OS EXILIADOS FIXERON DE MONTEVIDEO A CAPITAL DA GALICIA
LIBRE
Arxentina, Chile, México, Porto Rico, Estados Unidos e Europa
foron os principais países de acollida para os exiliados galegos,
na maioría das casos acabaron converténdose na segunda patria
para os que fuxiron da guerra e da represión franquista. Exiliados
e emigrantes chegaron a conformar amplas comunidades galegas que
prolongaron, máis aló da terra natal, costumes e a fala. "Estas
comunidades galegas, moitas das cales xa existían ante do 36,
transformáronse en núcleos de loita contra o réxime franquista",
asegurou a directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao.
A profesora Cagiao foi a encargada de presentar a xornada de hoxe
do I Congreso "O Exilio Galego", dedicada ós destinos do exilio.
De xeito sintético, a directora do AEG, expuxo as características
dos distintos países de acollida, analizando tamén os diferentes
camiños polos que os galegos chegaron a América. Coa súa intervención,
Pilar Cagiao creou o marco xeral sobre o que se apoiaron o resto
dos relatores da xornada, que se centraron na análise dos exilios
galegos en Arxentina, Uruguai, Cuba, Porto Rico ou Estados Unidos,
entre outros.
A xornada contou coa participación dun gran coñecedor do exilio
galego, Xosé Neira Vilas, quen asegurou que "os anos que pasei
en Bos Aires foron definitivos para a miña formación". Segundo
o escritor, "os galegos que xa residían alí traballaron moito
por Galicia, informando ós recén chegados e desenvolvendo un activismo
cultural moi importante". Neira Vilas aproveitou a súa intervención
no Congreso do Exilio para lembrar figuras tan senlleiras no exilio
arxentino como Castelao, Dieste ou Ramón de Valenzuela pero tamén
ós exiliados "de segundo orde, ós que eu chamo os 'escuros', exiliados
menos coñecidos pero que seguiron os mesmos principios que Suárez
Picallo ou Seoane".
Experiencia propia
Trala testemuña de Neira Vilas, Carlos Zubillaga fixo a súa contribución,
analizando pormenorizadamente o exilio galego en Uruguai, caso
no que expuxo a situación particular do colectivo galego en Montevideo.
Desta cidade "Castelao diría que era como a capital metropolitana
da Galicia libre pola que loitaron", asegurou o relator, quen
resaltou a situación que viviron os galegos naqueles anos, co
apoio da poboación pero cunhas autoridades que non eran moi favorables
ó acollemento dos exiliados republicanos.
Alex Cornejo, co caso do exilio de Suárez Picallo en Chile, Matilde
Albert, sobre Porto Rico, Jorge Domingo, co caso cubano, Enrique
Tuñón, de México, Víctor Fuentes, de Estados Unidos, e Isabel
Gómez, en torno ó exilio galego en Europa, completaron a xornada
dedicada ós destinos dos exiliados.
Pola tarde, a proxección de Mauthausen: regreso ó campo da morte,
de Manuel Torrente (1989) porá fin ós actos do Congreso do Exilio
en Santiago xa que a xornada de clausura terá lugar en Sada e
Betanzos, coa presentación, respectivamente, da base biobibliográfica
dos exiliados galegos, O Exilio Galego. Repertorio biobibliográfico:
unha primeira achega, e do libro Homenaxe ós mártires de
Betanzos.
(28/09/01)