O CONGRESO
DO EXILIO GALEGO RECUPERA A MEMORIA ESQUECIDA DAS MULLERES EXILIADAS
As precarias condicións que miles de galegos que fuxían da
Guerra Civil e da represión franquista pola fronteira pirenaica
atoparon nos campos de concentración franceses, "onde só tiñan
os areais, as aramados e o mar en fronte", impresionaron a todos
aqueles que se achegaron esta mañá ó relatorio que ofreceu Rosa
López no Congreso do "Exilio Galego".
A accidentada fuxida, que superou tódalas estimacións por parte
das autoridades francesas, provocando unha situación que foi definida
pola prensa de época como "de fame, frío e miseria para os refuxiados",
concluiría para moitos cunha nova fuxida cara países de acollida.
Sen embargo, asegurou Rosa López, "moitos exiliados republicanos
acabarían cos seus ósos nos campos de concentración nazis, onde
máis de cen galegos morrerían".
Exiliadas esquecidas
Pero as historias que cobraron máis protagonismo na xornada da
mañá foron as das mulleres, mulleres exiliadas como a viúva de
Luís Seoane, Elvira Fernández, ou mulleres que sufriron nos campos
de concentración, como Mercedes Núñez Targa, escritora catalana
de pais galegos, quen foi obxecto dunha sentida homenaxe por parte
de Antía Cal, amiga e confidente de Mercedes Núñez e que acudiu
acompañada da viúva de Paco Comesaña, Choncha.
Historias pero, sobre todo, memorias de mulleres como a rescatada
pola profesora da Universidade de Maine, Kathleen March, quen
fixo un miúdo análise do manuscrito de Mª dos Anxos Tobío Fernández,
escrito ó redor dos anos 80. A relatora asegurou que este manuscrito,
que nunca foi concibido como obra para a súa publicación, "ten
un indubidable valor histórico e incluso literario xa que reflicte,
a través da súa experiencia persoal, un contexto histórico concreto".
As memorias desta muller, "Anacos da vida dunha muller galega:
silencio e historia", é un manuscrito de 190 follas que constitúe,
quizais, "o único documento coñecido deste xénero feito por unha
muller e retratando a situación de preguerra, Guerra Civil e exilio
en España", asegurou Kathleen March. Esta profesora, creadora
da Asociación Internacional de Estudios Galegos, incidiu na súa
intervención no feito de que as memorias estean escritas en galego,
feito que ten un valor especial "se temos en conta que ela foi
educada en castelán e no seu traballo como bibliotecaria nunca
empregaba o galego". March tamén resaltou que se trata "da testemuña
dunha muller, galega e republicana, e que foi tan comprometida
como o segue sendo hoxe".
Represión no ensino
As sesións da mañá tamén prestaron atención á situación vivida
polos profesores que, se ben durante a República melloraran a
súa situación salarial e material, sufriron duramente a represión
franquista. Segundo o catedrático Antón Costa Rico, "a partir
do 36 ponse en marcha a gran máquina represora", unha situación
que culmina coa suspensión de emprego de máis de 6.000 profesores
e co asasinato de, polo menos, 50 profesores, que foron fusilados
ou paseados, "aínda que a lista non está pechada e continuará
crecendo segundo se vaia afondando no estudio".
A análise do impacto que o exilio tivo no desenvolvemento da ciencia
en Galicia, da man do coordinador de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade
do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, xunto con
Manuel Bermejo e Ricardo Gurriarán, completou a xornada.
(27/09/01)