MANUEL
PORTAS ASEGURA QUE O GALEGO
SE CONSOLIDA ENTRE OS HOSTALEIROS COMPOSTELÁNS
O concelleiro de Normalización Lingüística
de Santiago sinalou no primeiro relatorio desta tarde a necesidade
dun compromiso por parte de toda a cidadadanía compostelá
para que o Consello Municipal de Normalización Lingüística
acade unha efectiva difusión da lingua en tódolos
niveis sociais e empresariais.
A primeira
medida que se tomou dende o departamento de Normalización
de Santiago foi un estudio da empresa Cidadanía, no que
se examina a situación da lingua en sectores concretos
como a mocidade, a administración municipal, o ámbito
empresarial e a cultura. A creación do citado Consello,
a comezos de ano, obedeceu á intención de celebrar
reunións entre os actores sociais que pertencen a estes
sectores, para deseñar entre todos actividades de dinamización
e que, en palabras da técnica de normalización,
Socorro García, posibilitan a maior implicación
da poboación santiaguesa a favor da lingua e que xa se
reflexa no incremento do galego no sector hostaleiro.
Na mesa de
traballo sobre a relación entre a lingua e as novas tecnoloxías,
sinalouse o labor da Comisión Técnica de Linguaxes
de Especialidade, creada no seo do Consello da Cultura, e que
ten como obxectivo dotar á lingua dun carácter científico,
obxectivo que tamén pretende o Observatorio de Neoloxía,
que desde 1999 rexistra e analiza os neoloxismos que se empregan
na prensa galega. Por outra banda, o traductor automático
Es-Ga, un proxecto iniciado en 1998, permite a conservación
dos xiros lingüísticos do noso idioma ó traducir
textos españois ó galego.
Máis
investimentos da UE na aprendizaxe do galego
A última xornada dos Encontros serviu para reflexionar
sobre a política europea, da que Miquel Strubell sinalou
claras deficiencias á hora de apoia-la difusión
e aprendizaxe daquelas linguas non oficiais na UE, entre as que
se encontra o galego. Strubell sinalou que, malia estar aínda
no Ano Europeo das Linguas, paradoxicamente "a inversión
da Unión Europea no galego é cero", posto que
se subvencionan cursos e actividades para idiomas que xa están
asentados coma o inglés ou o alemán. Se embargo,
Strubell, redactor dun informe que está a punto de ser
publicado sobre as minorías lingüísticas dos
seis Estados que están negociando o seu ingreso na Unión
Europea, confía en que esta apertura traia consigo unha
"maior sensibilidade das maiorías lingüísticas
cara ás comunidades que falan linguas rexionais¨.
En canto ó
labor dos servicios lingüísticos das deputacións,
os catro representantes incidiron na progresiva capacitación
do persoal para escribir en galego, aínda que segue a ser
precisa unha maior dinamización que contemple
a organización de máis cursos e congresos sobre
lingua.
A quinta edición
dos Encontros será clausurada esta tarde polo secretario
do CCG, Henrique Monteagudo, o presidente da CTNL, Valentín
García, e o presidente da Egap, Domingo Bello Janeiro.