OS EXPERTOS
ABREN NOVAS PERSPECTIVAS DE ANÁLISE DA TRAXECTORIA DOS EXILIADOS
A reconstrucción desde o exilio dunha literatura nacional,
o título do relatorio do profesor González Millán e que foi lido
por Dolores Vilavedra, estableceu as características do discurso
do exilio: "por unha clara conciencia nacional, a necesidade de
volver á terra natal e a difícil experiencia de ter que abandonar
á forza un lugar". Segundo González Millán, son estas as claves
que os investigadores deben ter en conta á hora de realizar estudios
sobre exilio.
Mocidade e veteranía déronse a man na segunda xornada do I Congreso
Internacional "O Exilio Galego", que se celebra ata o sábado en
Santiago baixo a organización do Consello da Cultura Galega. Historiadores
menores de 30 anos atoparon un oco neste congreso para presentar
comunicacións coas que pretenden abrir novas perspectivas de estudio
do exilio.
O exilio de Luis Seoane
A difícil situación pola que tivo que pasar Luís Seoane no seu
periplo de exiliado fixo da figura deste escritor coruñés un caso
moi interesante de estudio que foi mencionado non só no relatorio
do profesor González Millán, como exemplo da renovación das formas
culturais, senón tamén nas intervencións de Alonso Montero e de
Gregorio Ferreiro Fente, que destacaron o seu traballo de reedición
dos clásicos da literatura clásica galega.
Pero, ó lado de persoeiros como Luís Seoane, Otero Espasandín
ou Gerardo Díaz, que centraron varios relatorios na xornada da
mañá, a Guerra Civil española e o exilio afectaron ás vidas de
outras persoas pouco coñecidas pero cunhas historias de vida que
permiten ós historiadores analizar un tipo de emigración concreta
ou a un colectivo escasamente estudiado.
É o caso de exiliados como o lugués José Almoina, que tralo alzamento
militar en España, chegaría a ocupar o posto de secretario persoal
do dictador Trujillo na República Dominicana. Co tempo, chegaría
a escribir unha obra en contra de Trujillo, libro que lle custou
a vida. Este caso foi obxecto dunha comunicación na sesión da
mañá a cargo de Afonso Pena Barreiro, que chegou a coñece-lo caso
gracias a súa estadía na República Dominicana como investigador.
Pero como este hai moitos outros, que dan exemplo das dificultades
polas que atravesan os investigadores para definir ós exiliados
e ós diferentes tipos de exilio e, en definitiva, para explicar
e entender un fenómeno tan complexo e que afectou a tantas persoas.
Tarde dedicada ó xornalismo
O congreso continuará esta tarde dedicando á sesión á análise
do xornalismo, a comunicación e á producción audiovisual que produciu
o exilio galego. Ademais dun coloquio e dunha mesa redonda, está
prevista a proxección dunha serie de documentais da emigración
e do exilio en Arxentina, obra de Elixio González.
(25/09/01)