OS RECURSOS
PARA O ENSINO DO GALEGO CENTRAN A PRIMEIRA XORNADA DOS ENCONTROS
PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
A quinta edición dos Encontros para a Normalización
Lingüística inaugúrase mañá coa
presencia do director xeral de Política Lingüística,
Xesús P. González Moreiras, o director da Escola
Galega de Administración Pública, Domingo Bello
Janeiro, o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares,
e o director do Arquivo de Planificación e Normalización
Lingüística, Henrique Monteagudo.
Este último, que tamén é secretario do Consello
da Cutura Galega, será o encargado de presentar o primeiro
relatorio da xornada, no que abordará as liñas xerais
do Informe de Política Lingüística e Normalización
en Galicia, un proxecto da sección de Lingua desta entidade
no que se analiza o proceso normalizador no ensino, na economía
ou nas empresas culturais, e do que se irán expoñendo
as súas conclusións nos diversos relatorios da mañá.
Na sesión de tarde, Xesús Costas Abreu e Xaime Subiela
analizarán os obxectivos e resultados da Lei de normalización
lingüística, 17 anos despois da súa publicación.
Apoio das
editoriais
Os Encontros para a Normalización Lingüística
están organizados polo Arquivo de Planificación
e Normalización Lingüística e contan co apoio
das editoriais galegas máis recoñecidas, como A
Nosa Terra, Sotelo Blanco, Ir Indo, Galaxia e Xerais.
O citado Arquivo, tamén denominado Centro de Documentación
Sociolingüística de Galicia, ten por labor recompilar
información sobre o galego e outras linguas minorizadas,
poñendo a disposición de investigadores e lingüistas
unha ampla rede de contactos e materiais doutras entidades e institución
relacionadas coa difusión e promoción dos idiomas
menos extendidos