CASARES:
"TEMOS QUE RECUPERAR A MEMORIA DOS EXILIADOS GALEGOS E OFRECERLLES
UNHA HOMENAXE"
Máis de 130 participantes e 77 relatores participan no I Congreso
Internacional do "O exilio galego", que hoxe pola mañá celebrou
a súa primeira xornada, baixo a organización do Consello da Cultura
Galega. Un congreso que, segundo asegurou o presidente do Consello
da Cultura Galega, Carlos Casares, no transcurso do acto de inauguración
do congreso, "foi concibido en principio coma unha homenaxe a
Castelao, o primeiro gran exiliado" pero que, pouco a pouco foi
abríndose "a moitas outras exiliados menos coñecidos". Neste sentido,
Casares quixo destacar que este evento, que se desenvolve en Santiago
desde hoxe e ata o vindeiro sábado, ten coma obxectivos afondar
no fenómeno do exilio pero tamén "facer unha sentida homenaxe
a tódolos galegos que tiveron que sufrir esta desgracia histórica".
O presidente do CCG destacou que, desde a institución que preside,
coidaba chegado o momento que recuperar a memoria destes exiliados
xa que "durante o franquismo e incluso na democracia, os traballos
e a vida destas persoas foron intencionadamente ocultadas e esquecidas".
Perspectiva globalizada
A xornada de inauguración tamén contou coa participación da coordinadora
do congreso e directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar
Cagiao Vila, quen asegurou que este congreso, nacido tras un longo
ano de traballo, "trata por vez primeira do fenómeno do exilio
galego desde unha perspectiva globalizada". De aí, asegurou a
profesora Cagiao, a necesidade de elaborar un completo programa
no que se abordarán aspectos coma a historia, a política, a literatura
ou as artes plásticas no exilio, "aínda que terá que ser dun modo
case que maratoniano", afirmou.
España, "de coroas e sotanas"
O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago
de Compostela, Xosé Ramón Barreiro Fernández, foi o encargado
de abri-la sesión de relatorios da mañá e o fixo co único relatorio
que non aborda o fenómeno do exilio galego do 36. Baixo o título
de "Os precedentes históricos. O exilio político galego no século
XIX (1814-1880)", o profesor Barreiro falou do exilio non forzado
daqueles que abandonaron nese período unha España "de coroas e
sotanas", tal e como a cualificou o profesor.
Un exilio, asegurou Barreiro, "cuantitativamente menos importante
que o do 36 pero moito máis dramático" porque abandonaron Galicia
os intelectuais e políticos máis destacados, deixando atrás unha
España "totalmente desnatada". O profesor Barreiro fixo un miúdo
repaso por aqueles fuxidos, principalmente afrancesados, liberais
e, no último tercio do século XIX, aqueles ós que o relator cualificou
de "exiliados da utopía", xa que marcharon trala caída da I República.
"Ninguén os obriga a marchar pero o fan desencantados, foxen cara
á América, onde fundarán as bases da cultura galega no exterior",
concluíu o profesor Barreiro.
O concepto "exiliado"
Pola súa parte, o coordinador dos relatorios desta primeira xornada
e tamén ponente, o historiador, Xosé Manuel Núñez Seixas, centrou
a súa intervención nun debate conceptual en torno ó termo 'exiliado',
incidindo na necesidade de deslindar aqueles que son exiliados
daqueles outros grupos como os dos prófugos, emigrados ou refuxiados.
Neste sentido, Núñez Seixas afondou nos criterios que se tomaron
elaborar o diccionario biobibliográfica do exilio galego que vai
ser presentado ó final do congreso baixo o nome de "O exilio galego.
Un repertorio biobibliográfico:unha primeira achega".
Os relatorios continuarán esta tarde coa participación
de Enrique Líster, Rosario Alonso ou Víctor Santidrián,
nunha xornada que se completará cunha mesa redonda, ás
19 h., e a proxección do filme no CGAC, Castelao, de Jorge
Prelorán (Arxentina, 1976), ás 22 h., presentado
por Margarita Ledo.
(24s/09/01)