O CONSELLO
DA CULTURA GALEGA EDITA O ORIXINAL DA OBRA DE CASTELAO OS DOUS
DE SEMPRE
Coa
pretensión de ofrecer un documento cun indubidable valor estético
e filolóxico, o Consello da Cultura Galega acaba de publicar unha
edición facsímile do manuscrito orixinal da obra de Alfonso R.
Castelao, Os dous de sempre. A presentación da edición,
coordinada polo secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique
Monteagudo, terá lugar mañá, martes 24 de xullo, ás 12h. na sede
do Museo de Pontevedra.
A escaseza de orixinais literarios de Castelao foi un dos motivos
polos que xurdiu a idea de editar este facsímile, que reúne o
texto orixinal, co seu obvio valor estético, testemuñal e sentimental,
e as ilustracións, que estaban no Museo de Pontevedra.
Ademais, a publicación deste orixinal permite a lectores de Castelao
e estudiosos da obra do escritor facer un exame do orixinal e
comparalo coa edición que en 1934 publicou a Editorial Nós e no
que se basearon tódalas demais edicións posteriores.
Orixinal valorado nun peso
O manuscrito, que cando foi requisado polas autoridades en 1939
á familia Castelao foi valorado en cinco pesetas, percorreu un
longo periplo ata chegar finalmente ás mans do industrial padronés
X.M Cortizo. O seu actual propietario foi quen puxo a disposición
da Fundación Castelao o orixinal para o seu exame, reproducción
fotográfica e escaneado.
Este traballo contou coa colaboración do herdeiro da familia Castelao,
Javier Baltar, así como o fotógrafo Jesús Martínez 'Xogaina',
o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle Pérez e a Editorial
Galaxia.
(24/07/01)