O CONSELLO
DA CULTURA GALEGA RECOLLE NUN LIBRO AS VIÑETAS DE CASTELAO
PUBLICADAS NO FARO DE VIGO
A
presentación do libro Cousas da vida no Faro de Vigo (1926-1933)
por Castelao, publicación do Consello da Cultura Galega na
que se recollen as colaboracións humorísticas do escritor no Faro
de Vigo entre 1926 e 1933, terá lugar na xornada de mañá, mércores
20 de xuño, ás 12.00h. na sede da Fundación Penzol, en Vigo, nun
acto ó que asistirán o presidente do Consello da Cultura Galega,
Carlos Casares Mouriño, o secretario desta institución, Henrique
Monteagudo, o director xeral do Faro de Vigo, Pedro Pablo Alonso,
así como Alfonso Zulueta de Haz, en representación da Fundación
Penzol e o responsable da edición do libro, Clodio González Pérez.
Trátase dunha publicación na que se recollen as 350 pezas que
compoñen a totalidade da colección que baixo o nome de Cousas
da Vida, publicou Castelao no Faro de Vigo entre 1926 e 1933,
ordenadas de xeito cronolóxico e indicando a data da súa publicación.
Na edición, que estivo a cargo de Clodio González Pérez, membro
da Sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega
e un dos mellores coñecedores do grafismo castelaiano, colaboraron
tamén numerosas persoas e institucións, como a Fundación Castelao,
a Editorial Galaxia, o Faro de Vigo, Museo de Pontevedra ou a
Biblioteca Público Provincial de Pontevedra.
Documentación e divulgación
En Cousas da vida no Faro de Vigo (1926-1933) por Castelao
recóllese un dos traballos gráficos menos coñecidos do ilustre
escritor, o que levou adiante no Faro de Vigo, e que ata agora
tivo moita menos sona que os traballos humorísticos noutros xornais
como o Galicia, o satírico rianxeiro El Barbero Municipal
ou no diario madrileño El Sol.
Con esta publicación, o Consello da Cultura Galega pretende completar
a documentación e divulgación do período máis prolífico na obra
de Castelao no eido do humorismo gráfico.
(19/06/01)