ALONSO
MONTERO EXPLORA A FIGURA DE CURROS ENRÍQUEZ COMO AUTOR
COMPROMETIDO
A recuperación da figura de Curros Enríquez, outorgándolle
no 150 aniversario do seu nacemento un recoñecemento que ata o
de agora se lle negou, centra a xornada inaugural do I Congreso
Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo", que se celebra
na vila natal do escritor, Celanova, baixo a organización do Consello
da Cultura Galega. O director do congreso, Xesús Alonso Montero,
foi o encargado de ofrece-la primeira das conferencias, centrada
nas ausencias que o nome e a figura de Curros sufriu durante a
Guerra Civil e a posguerra.
Neste
sentido, Alonso Montero destacou a pouca relevancia que tivo a
conmemoración do centenario do seu nacemento, en 1951, cando tivo
lugar un acto conmemorativo que foi cualificado por Alonso Montero
como "mero ritual".
Segundo o relator, durante todo o franquismo houbo continuos intentos
por silenciar a Curros, permitindo tan só aqueles actos que se
consideraban "obrigatorios", como era a celebración dos 100 anos
do seu nacemento. O profesor Alonso Montero incidiu en que, trala
Guerra Civil, Curros Enríquez, que fóra un autor reivindicado
polo republicanismo, comezou a ser cualificado como "un home torvo,
malhumorado e amigo de disputas políticas" aínda que a súa figura
como poeta foi salvada pero só como autor daqueles poemas máis
románticos e moi lonxe da súa faceta de escritor satírico.
Novas perspectivas de estudio
Ó longo da xornada da mañá, máis dunha ducia de expertos na vida
e obra de Curros Enríquez, completaron a primeira sesión do congreso
cun detallado repaso pola súa biografía, cartas e relación con
Cuba, así como o estudio de Curros como xornalista e traductor.
Deste xeito, abordouse o estudio das diferentes biografías que
se fixeron do escritor celanovés co obxectivo, non só de lembrar
grandes traballos bibliográficos feitos por Celso Emilio Ferreiro,
Alonso Montero ou Carlos Casares senón de abrir novas perspectivas
de estudio, aportando teorías innovadoras que expliquen feitos
da vida de Curros tan pouco coñecidos como o proceso penal que
sufriu o autor do Divino Sainete en 1880. Unha vida que
tamén se adiviña na correspondencia, que será obxecto de estudio
noutra das sesións do congreso, a través das cartas enviadas a
Martínez Salazar ou o poeta Antonio Feijoo.
Aproximación
ó Curros xornalista
A obra xornalística do poeta ourensán e as traduccións de Curros
e da obra de Curros, centrarán as sesións da tarde. Respecto do
seu traballo xornalístico, a súa magnitude fixo preciso un estudio
centrado en aspectos moi concretos.
Por iso, tanto o decano da Facultade de Xornalismo, Xosé López,
como outros profesores e investigadores da obra de Curros, van
ofrecer as súas conclusións a través de relatorios centrados en
épocas moi concretas como a de Curros Enríquez como correspondente
da guerra carlista para El Imparcial ou un estudio da súa
concepción xornalística durante a súa etapa en La Tierra Gallega,
a penas dous anos da vida do celanovés pero que son moi significativas
para facer unha aproximación ás modalidades xornalísticas do momento.
Enlaces
relacionados:
http://www.consellodacultura.org/xornadas/x1/programa.htm
(13/09/01)