O CCG
ACOLLE A PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS DE DINAMIZACIÓN
NA COMARCA DE TERRA DE TRIVES
Con motivo da presentación das actas do I Congreso Manuel
Luís Acuña, a sede do Consello da Cultura Galega
acolle un completo programa de actividades enmarcadas no desenvolvemento
cultural da comarca de Terra de Trives e que terán lugar
na tarde de mañá mércores, 12 de decembro.
O acto central deste programa será a presentación
do volume no que se recollen as actas do I Congreso Manuel Luís
Acuña, celebrado o pasado ano na comarca de Terra de Trives.
O secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal
de Galicia, Andrés Precedo Ledo, e o secretario do Consello
da Cultura Galega, Hernique Monteagudo, serán os encargados
de levar adiante a presentación destas actas, previsto
para as 19,00h. de mañá no Salón de Actos
da institución.
O desenvolvemento
comarcal, a dinamización sociolingüística e
o proxecto Manuel Luís Acuña en Terra de Trives,
serán os eixes en torno ós que se desenvolverá
a intervención do secretario xeral de Planificación
e Desenvolvemento Comarcal de Galicia. Precedo Ledo estará
acompañado polo subdirector xeral de Promoción do
Ensino da Lingua Galega, Xose Antón Pombo Mosquera, que
falará do Plan de traballo da Dirección Xeral de
Política Lingüística, mentres que Xoán
Carlos Domínguez Alberte, responsable do Programa de Dinamización
Sociolingüística das Comarcas de Galicia, e Ramón
Nicolás Rodríguez, profesor de Lingua e Literatura
Galega, serán os encargados de centrar o programa de intervencións
no proxecto Manuel Luís Acuña e a súa materialización
a través do congreso celebrado na comarca de Terra de Trives
no 2000 e o simposio, que tivo lugar o 30 de novembro pasado.
Traballo
dinamizador das comarcas
Pola súa parte, o secretario do Consello da Cultura Galega,
Hernique Monteagudo, intervirá para facer referencia á
labor de dinamización idiomática e cultural que
desenvolve o Consello da Cultura Galega mediante o Arquivo de
Planificación e Normalización Lingüística
(APNL), do que é director.
Os actos,
nos que tamén está previsto que participen representantes
da comarca de Terra de Trives, onde se desenvolveron tanto o Congreso
do que agora se publican as actas como o I Simposio Manuel Luísa
Acuña, rematarán cunha degustación dos productos
típicos desa comarca.