A APOSTA
DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA POLO CÓMIC ACADA O PREMIO
OURENSE DE BANDA DESEÑADA
O
Consello da Cultura Galega foi elixido como gañador dos Premios
Ourense de Banda Deseñada no apartado dedicado ás personalidades
e institucións que máis destacaron polo seu traballo en beneficio
do cómic galego. Estes premios, outorgados pola Concellería de
Cultura do Concello de Ourense e a Casa da Xuventude de Ourense,
encádranse dentro da celebración da XIII Xornadas de Banda Deseñada
que a cidade das Burgas organiza entre o 5 e o 13 de outubro.
O galardón foi concedido ó Consello da Cultura Galega pola decidida
aposta que esta institución fixo pola banda deseñada, tanto desde
o punto de vista da súa difusión en internet, a través do especial
de Banda Deseñada do seu portal culturagalega.org, como pola recente
edición dos primeiros cadernos didácticos que empregan o cómic
para achegar o ensino da ciencia ós nenos dun xeito ameno.
A sección de banda deseñada do portal do CCG, Culturagalega.org,
leva funcionado desde principios de ano cunha actualización continua
que permite ós afeccionados ó cómic estar informados do que acontece
na banda deseñada galega. Entrevistas, reportaxes, galerías cos
traballos de autores de distintas épocas ademais da posibilidade
de descargarse fondos de escritorio ou consultar outras ligazóns
sobre o tema converten a este sitio en referencia para todas aquelas
persoas interesadas no cómic en Galicia.
Publicacións en banda deseñada
Ademais desta aposta pola banda deseñada desde internet, o Consello
da Cultura Galega tamén foi elixida para este galardón por empregar
a banda deseñada en dúas das súas últimas publicacións. Trátase
dous dous primeiros números da colección Ciencia para todos,
editada pola sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada
por Francisco Díaz-Fierros.
Con estes dous cadernos, ¿De quen é a auga? e Vivir
no Solo, preténdese comezar a sensibilizar ós nenos da precariedade
na que se atopan algúns bens tan sensibles como a auga ou o solo
e da necesidade de conservalos. A escolla do formato das publicacións
veu determinada porque os seus responsables consideraron que o
cómic era o mellor xeito de facerlles chegar contidos ós nenos.
O voto dos afeccionados
O premio Ourense de Banda Deseñada, sen dotación económica pero
dotado dun trofeo deseñado para cada edición polo artista ourensán
Manolo Figueiras, foi decidido polo voto de douscentos afeccionados
de Galicia á banda deseñada, que enviaron á súa decisión ós organizadores
das XIII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. O galardón será
entregado durante os actos de inauguración desta nova edición
da Festa Galega do Cómic, o 5 de outubro.
Enlaces
relacionados:
http://www.consellodacultura.org/mediateca/index.htm
http://www.culturagalega.org/especiais/banda/index.htm
(10/09/01)