LUISA
CASTRO: “A LITERATURA É MÁIS QUE PALABRA, É SENTIMENTO, E A VOZ,
O SEU MELLOR VEHÍCULO”
O presidente do Consello da Cultura Galega foi o encargado de
facer a presentación da nova publicación do Arquivo Sonoro de
Galicia, Poetas e narradores nas súas voces, un libro que
recolle textos de 31 autores galegos contemporáneos e que está
complementado cun doble CD, onde se atopan as voces destes literatos,
"unha obra que é o primeiro volume dunha serie que se quere proseguir,
recollendo as voces de poetas e dramaturgos galegos de hoxe",
segundo asegurou Carlos Casares no acto que tivo lugar esta mañá
no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.
O presidente do CCG asegurou que con esta publicación, que terá
continuidade nun segundo volume no que xa se está traballando,
preténdese "elaborar un patrimonio existente en moitos países
e que permite ó público coñecer ós seus escritores". Pola súa
parte, a coordinadora da publicación, a escritora Luísa Castro,
destacou que a finalidade da publicación era crear un vínculo
entre escritores e autores a través das súas voces xa que "a literatura
é moito máis que a palabra, é sentimento, e moitas veces a voz
é o mellor vehículo para plasmar ese sentimento e emoción", afirmou
a coordinadora da obra.
En canto ós criterios de selección dos autores para este primeiro
volume, Luísa Castro afirmou que decidiu fuxir de criterios academicistas,
seleccionando ós autores entre aqueles que foran máis coñecidos
e alcanzables para o público xeral, en lugar de optar por criterios
xeracionais. Por este motivo, "na lista de autores aparecen escritores
de distintas idades, mesturando temas e estilos", afirmou a coordinadora.
Relevo no Arquivo Sonoro de Galicia
No acto de presentación de Poetas e narradores nas súas voces,
tamén se fixo público o relevo do responsable do Arquivo Sonoro
de Galicia, posto que pasa a ocupar o lingüista Paulino Novo.
O anterior responsable, o historiador Afonso Vázquez-Moxardín
deixa o cargo por propia vontade, ante o convencemento de que
"é necesario un cambio para a consolidación definitiva do proxecto,
unha persoa que lle dé un novo pulo ó Arquivo Sonoro de Galicia",
aínda que no seu ánimo estea continuar colaborando co Consello
da Cultura Galega, segundo asegurou durante a súa intervención.
A labor de Vázquez-Moxardín desde a creación do Arquivo Sonoro
de Galicia, en 1992, foi amplamente recoñecida polo director do
ASG, Ramón Castromil, quen fixo a presentación do novo responsable,
o lingüista e asesor deste tema na Radio Galega, Paulino Novo.
Novo incidiu en que o Arquivo Sonoro de Galicia vai dedicar ós
seus esforzos "á recollida dun material que nestes momentos corre
o risco de desaparecer, xa que son moitos os sons que desaparecen
porque morren os informantes e o seu mundo".
"Atenderemos á recollida, á catalogación e á divulgación que poña
en mans do público a posibilidade de coñecer os sons do patrimonio
natural e etnográfico", concluíu o novo secretario do Arquivo
Sonoro de Galicia.
(08/06//01)