O CONSELLO
DA CULTURA GALEGA PROMOVE A DEFENSA DO MEDIO A TRAVÉS DA
BANDA DESEÑADA
O Consello da Cultura Galega uniuse á celebración do Día Internacional
do Medio Ambiente coa presentación de dúas publicacións de banda
deseñada, De quen é a auga e Vivir no Solo, coas
que se pretende comezar a concienciar ós nenos galegos da precariedade
na que se atopan algúns bens tan sensibles como a auga ou o solo
e da necesidade de conservalos.
O acto de presentacións destas publicacións tivo lugar esta mañá
no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, nun acto organizado
pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedad, no que estiveron
presentes o coordinador da Sección, Francisco Díaz-Fierros, a
guionista dos contos, Marilar Aleixandre, así como o debuxante,
Francisco Bueno, e unha das asesoras, Mª Teresa Barral.
Durante a presentación, Francisco Díaz-Fierros, asegurou a escolla
do formato da publicación veu determinada porque "pensamos que
o cómic era o mellor xeito de facerlles chegar contidos ós nenos".
Díaz-Fierros aclarou que, aínda que De quen é a auga xa
fora publicado hai case un ano, "decidiuse facer a presentación
conxunta co segundo volume, para deixar claro que se trata dunha
colección e non de publicacións illadas".
Deste xeito, as dúas bandas deseñadas supoñen o número 1 e 2 da
colección Ciencia para todos, que xa ten un terceiro volume
en proceso de elaboración, "e que posiblemente estea dedicado
ó aire ou ó lixo", segundo afirmou o coordinador da sección.
Informe de percepción do entorno
Xunto a estas dúas publicacións elaborouse un informe, como complemento
ó proxecto da colección, que tiña como obxectivo coñecer a percepción
que os alumnos de ensino secundario, o público principal deste
publicación, tiñan do seu entorno. "A auga e o solo son recursos
difíciles de comprender, como de renovar, e por iso é difícil
concienciar de que están en perigo", declarou Marilar Aleixandre,
guionista e coordinadora da colección.
Para profesores e concellos
Na súa intervención, Marilar Aleixandre explicou que a tirada
destes dous libros, de 5.000 exemplares cada un, "vai ir dirixida
fundamentalmente ós profesores de ensino secundario, para que
traballen con alumnos", unha empresa da que, segundo Aleixandre,
"veremos os seus resultados no futuro, nas próximas xeracións,
porque é un traballo a moi longo prazo pero que hai que empezar
xa".
De quen é a auga e Vivir no Solo, tamén serán distribuídas
entre os concelleiros de medio ambiente dos distintos concellos
galegos e, todo aquel que estea interesado nas publicacións, poderá
descargalas do web do Consello da Cultura Galega en Internet,
na dirección www.consellodacultura.org/mediateca
(05/06//01)