----

Suso de Toro cédelle á institución parte dos seus fondos sonoros

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o escritor Suso de Toro asinaron esta mañá un acordo polo que o autor lle cede á institución parte do seu fondo sonoro. Son medio centenar de cintas casete que recollen voces de máis dunha trintena de personalidades e que, segundo explicou o autor, “recollen a reconstrución do nacionalismo galego desde o punto de vista da esquerda, do galeguismo”. A presidenta do CCG destacou que o fondo, que se depositará no Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), “cobra agora unha nova vida para que calquera persoa interesada poida acceder a estes recursos, función que encaixa co mandato fundacional da institución de preservar os valores culturais do pobo galego”.

Durante dous anos, Suso de Toro realizou unha trintena de entrevistas como proceso de documentación para o seu libro Camilo Nogueira e outras voces. Ese material, que rexistrou en cintas de casete, é o que agora cede ao Consello da Cultura Galega. Entre as gravacións destaca unha longa conversa con Ramón Piñeiro, a derradeira entrevista que o intelectual e primeiro presidente do CCCG concedeu en vida e que se fixo xusto o día que pechou a súa casa en Santiago de Compostela.

Alén do propio Camilo Nogueira, que centrou a publicación, inclúense tamén as voces de Fernando Acuña, Xesús Alonso Montero, Alfonso Álvarez Gándara, Xosé Manuel Beiras Torrado, Manuel Caamaño, Manuel Currás Meira, Ceferino Díaz, Francisco Fernández del Riego, Xosé Manuel García Crego, Xosé González, Anxo Guerreiro, Henrique Harguindey, Xosé Antón Iglesias, Manuel Lima, Paz López Facal, Xoán López Facal, Xoaquín López Facal, Claudio López Garrido, Francisco Lores, Pedro Luaces, Fernando Martínez Randulfe, José Luis Meilán Gil, Xosé Luís Méndez Ferrín, Domingo Merino, entre moitos outros.