----

O proxecto audiovisual Axudádeme a cantar pon en valor o legado das tocadoras

Axudádeme a cantar é o nome do último proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG), unha serie documental que pretende visibilizar o canto acompañado con percusión de man. Seis capítulos percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, Carmen García Mateo, e mais as tres responsables do proxecto, Carme López, Renée DePalma e Xulia Feixoo, presentaron a serie audiovisual, que xa se pode ver no web do CCG e nas súas redes. “Hai tempo que traballamos na proxección de contidos que permanezan no tempo ademais de homenaxear a toda a cultura de base” apuntou Rosario Álvarez sobre esta iniciativa que terá a primeira exhibición pública no Serán dos Namorados, en Toutón (Mondariz), o vindeiro 11 de febreiro.

Cando as Pandeireteiras de Mens pisaron as madeiras do Teatro Colón (A Coruña) en 1971, inauguraron un rexurdimento contemporáneo do canto galego acompañado de percusión de man que, xunto coa historia das tocadoras, se pode ver no novo proxecto documental Axudádeme a cantar. Pandeiras, pandeiretas, cunchas, sachos, caixóns de lata de pemento…, son múltiples os instrumentos (ou aparellos diarios reconvertidos en instrumentos) que pasaron de xeración en xeración tocados por moitas mulleres, que permanecen invisibilizadas. “Falamos moito dos grandes gaiteiros, pero non das mulleres cantantes acompañadas de percusión de man que estiveron nas festas, no día a día e nos ritmos de traballo e descanso”, apuntou Renée DePalma ao describir a xénese deste proxecto. Ademais, apuntou que escolleron ese título porque é unha letra que se repite constantemente.

En seis capítulos achégasenos non só ao pasado deste tipo de literatura oral, senón tamén ao seu presente, no que atopamos tocadoras tradicionais que non aprenderon en ningunha escola ou asociación, senón polo método tradicional, así como participantes en procesos de recollida e divulgación e tamén artistas modernas que beben das fontes desta tradición e que falan das súas experiencias e comparten a súa arte. Arte que desapareceu, segundo explicou Xulia Feixoo, “nos anos sesenta cando as formas de lecer se foron modernizando e quedaron relegadas a un segundo plano”. Carme García Mateo destacou que “este proxecto está subtitulado en galego, en inglés e español para axudar á súa difusión”.

Malia que Renée DePalma, Xulia Feixoo e Carme López foron as responsables do proxecto, a produción audiovisual correu a cargo de Alejandro Gándara e Olaia Tubío.

Seis capítulos
O primeiro capítulo leva como título “O serán en Toutón: pasado e presente da festa tradicional” e nel a tocadora tradicional Lucinda Barcia Garrido “do Peseto” e a súa filla Montse Alvariño expoñen a iniciativa de revitalización do Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz, Pontevedra). No episodio amosan algúns cantos e toques típicos da zona, transmitidos de xeración en xeración desde a cociña e o salón. Cantan acompañadas coa pandeireta e co legón —unha ferramenta agrícola transformada en instrumento musical— e comparten as súas lembranzas como participantes nas festas de tempos pasados, interrompidas pola desaprobación institucional e polos cambiantes modos de socializar. O capítulo proxectarase no vindeiro serán, que terá lugar o 11 de febreiro e no que haberá un coloquio tras a proxección.

O segundo dos capítulos, “A festa da pandeira: celebrando a recuperación dun instrumento”, trasládase a Piornedo, na serra dos Ancares, para falar deste evento que desde o 2006 reúne tocadoras tradicionais con novas xeracións de músicos e público xeral. Da man de dúas tocadoras tradicionais, Inés de Naipes e Amparo Voces, e dúas das impulsoras destes procesos de produción e reprodución artística, Isolina Rodríguez e Carolina Vázquez, cantan e comparten as súas experiencias.

Unha lata de pemento e unha pandeireta servíronlles a Sira Paz e Orestina Busto, tocadoras tradicionais de Liñares (Avión, Ourense), para contribuír á rica tradición oral e musical da zona. Protagonizan o terceiro episodio, “Pandeirada en Liñares: canto, identidade e emigración”, que introduce o efecto da emigración nas prácticas culturais da zona de Avión, onde moita xente emigrou, principalmente, a México. Outra tocadora, Rosalía Portos, nacida na diáspora, proporciona tamén a perspectiva do retorno.

“Historia da compilación musical nos grupos folclóricos” é o título do cuarto episodio, no que María Vidal (Pontevedra), Olga Kirk (A Coruña) e Xabi Iglesias (Lugo) contan as súas respectivas experiencias nas décadas dos oitenta e dos noventa cando houbo un momento de fervedoiro na recollida.

O quinto episodio, “As novas raíces: resocializando o rural a través da música tradicional”, céntrase no traballo de dúas asociacións da Coruña (unha de Ordes e outra de Malpica de Bergantiños) que amosaron como a música de tradición oral serviu, e segue servindo, de ferramenta potente para fortalecer a identidade, o apego territorial e as relacións sociais da comunidade local.

Pecha a serie o capítulo “Das aldeas aos escenarios: a música de tradición oral no panorama musical galego”, que recolle o traballo pioneiro da histórica agrupación Leilía, que, con base nas súas propias recollidas, empezou unha longa traxectoria na que imbuíu estes materiais a través da súa interpretación. Canda elas, Anaïs Barbier, cantante e percusionista do grupo Caldo, e Alberto Cernadas, compositor de música electrónica, amosan estilos e visións diferentes e a multiplicidade de vías posibles para manter viva esta riqueza patrimonial.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Axudádeme a cantar é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, unha área coordinada por Carmen García Mateo e que ten entre os seus membros a Burghard Balstrusch, Renée DePalma, Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Carlos Pereiro, Pablo Romero, Eva Sánchez, Mercedes Queizas, María Ángles Rodríguez e Nel Vidal.