----

O proxecto Voces centenarias achéganos á figura de Xaime Isla Couto

Xaime Isla Couto é o ímpeto imprescindible para algunhas das iniciativas culturais, políticas e sociais que se desenvolven na Galicia interior da segunda metade do século XX. A nova entrega de Voces Centenarias, proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), entidade do Consello da Cultura Galega (CCG) permite difundir tres audios preservados no ASG que nos axudan a debullar o labor deste traballador incansable .

Como economista preocupado pola nosa realidade socioeconómica fundou en 1958 a Revista de Economía de Galicia; oito anos antes, promoveu a Editorial Galaxia; en 1965 preside a Editorial SEPT, seguindo o seu compromiso cristián; impulsou na Transición a formación nacionalista Partido Popular Galego, e foi membro numerario da Real Academia Galega. Son algúns exemplos da personalidade creativa e entusiasta de Xaime Isla Couto, que protagoniza esta nova entrega do proxecto que busca dar a coñecer a figuras destacadas da cultura galega na súa propia voz.

O primeiro dos cortes é da colección doada por Antonio Montero e nel aborda a reconstrución nacional galega. É o 15 de xuño de 1996 e no Círculo Mercantil de Vigo, réndeselle unha homenaxe a Xaime Illa Couto. Coa emoción do momento, o economista compostelán contesta ás palabras de Alfonso Zulueta de Haz e fala da necesidade dunha acción plural e holística para a reconstrución nacional galega. Nel explica que Losada Diéguez e Vicente Viqueira son dous dos seus grandes referentes.

Os seguintes cortes son do arquivo de Radio Nacional de España e falan das persoas que marcaron a Isla Couto e da familia como xermolo comunitario dunha nova sociedade. A primeira delas é do 30 de abril de 1990 e con motivo do seu nomeamento como doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, Xaime Isla Couto ofrece unha pequena entrevista en RNE-Vigo na que fai un breve pero intenso repaso polas actividades e personalidades intelectuais que o influíron, sobre todo nos anos 30. O segundo é de 1992 dentro Semana da Familia, organizada polos Equipos de Nuestra Señora e realizada no Centro Cultural Caixavigo na que Isla Couto participa polo seu compromiso cristián. A súa conferencia ten como título «A familia como xermolo comunitario dunha nova sociedade» e nela fai un repaso por distintos modelos familiares para, finalmente, reivindicar o seu sentido humanista, a función estimuladora e creativa que desenvolve e o foco de diálogo no que se debe converter.

Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021 o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración... que axudaron a perfilar o noso pasado pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto comezou a andar con gravacións de Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga, Laxeiro, Osorio-Tafall.