----

Santiago e Ourense acollen o II Festival de Filosofía de Galicia

O pensamento de filósofas destacadas como Hannah Arendt ou Simone de Beauvoir serve de punto de partida para as mesas de debate do II Festival de Filosofía de Galicia. Un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) que arrinca mañá en Compostela cun programa que está pensado para dar a coñecer as mulleres destacadas da Historia do Pensamento e da Filosofía que permanecen invisibilizadas. Ata o domingo, entre diferentes localizacións de Santiago e de Ourense, haberá conferencias e espectáculos para convidar ao público a pensar e a facelo cun punto de vista distendido.

Carme Adán é a directora dun encontro que busca achegarse ao pensamento feito por mulleres e repensar a importancia da súa contribución e o seu esquecemento na actualidade. A cita arrinca este venres, 30 de setembro, no Centro Sociocultural de Santa Marta en Santiago cunha mesa redonda na que participan destacadas figuras da filosofía contemporánea, coma os galegos María Xosé Agra e Jorge Álvarez Yagüez xunto con Fina Birulés e Nuria Sánchez, que partindo da coñecida frase de Hannah Arendt reflexionarán sobre a identidade de xénero. Ese mesmo día terá lugar un espectáculo poético musical de Silvia Penas titulado Cinta adhesiva, que cuestiona os esquemas sociais predominantes e os estereotipos de xénero.
Outra frase doutra coñecida filósofa coma Simone de Beauvoir, Non se nace muller, chégase a selo, abre o marco de reflexión para que Carme Adán, Lourdes Méndez, Beatriz Suárez Briones e Concha Roldán, presidenta da Asociación Española de Ética e Filosofía Política, repensen sobre un aspecto tan de actualidade coma a identidade de xénero. Despois, Gena Bahamonde e Andrea Quintana poñerán en escena Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, un espectáculo que definen como conferencia-freak en formato desbordado e no que propoñen expandir e traducir á linguaxe escénica a tese de doutoramento Sexualidades Des-generadas en la Práctica escénica contemporánea.
O día remata cun café filosófico que aborda a contribución das mulleres á filosofía. África López Souto e Zeltia Laya, con moderación de Diego Horschovski, estarán na Casa do Taberneiro para reclamar que na filosofía as mulleres foron ocultadas e invisibilizadas e destacar a necesidade de reivindicar a súa figura.

O festival medrou nesta edición e ampliouse ata Ourense, onde se desenvolverán máis actividades de carácter lúdico. Dunha banda, no Café Torgal con dous espectáculos. Un a cargo de Silvia Penas, Cinta de adhesiva e outro en forma de café filosófico con Quico Cadaval, moderado por Celia Pereira, titulado Pensar incomoda (como cando chove). Da outra, no Auditorio Municipal co espectáculo de teatro Si esto es un hombre, a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio. Nel, o autor propón poñerse na pel de Primo Levi, deportado a Auschwitz en 1944 cando contaba con só 24 anos. Unha estadía na que escribiu o coñecido libro que dá nome a este espectáculo e cuxa experiencia revive para tratar de comprender o que pasou con Auschwitz e o que significa para nós, espectadores do século XXI, que este lugar existise no corazón de Europa a mediados do século pasado. Unha viaxe ao lado máis escuro do ser humano e do noso mundo contemporáneo.

Ademais, no marco do festival estrearanse as Sophias, sete pezas audiovisuais breves que realizou o Consello da Cultura Galega, co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral de Igualdade que buscan divulgar o pensamento de mulleres destacadas da Historia da Filosofía desde a antigüidade ata o presente.

Festival de Filosofía
O Consello da Cultura Galega puxo a andar en 2020 o I Festival de Filosofía coa intención de ofrecer unha forma de achegarse ao pensamento e á reflexión desde unha forma lúdica e atractiva. Na primeira edición reflexionouse sobre o concepto de liberdade desde diferentes ópticas e nomes recoñecidos, coma a sexóloga Valérie Tasso, a xornalista Lucía Taboada ou o columnista Rafa Cabeleira, reflexionaron sobre Tinder, o poliamor, o fútbol e as series de televisión.

Sección de Pensamento
A Sección de Pensamentos do Consello da Cultura Galega está coordinada por Celia Pereira e ten como membros a Juan Tallon, Xoán Antonio Pérez Lema, Marta Lois, Ramón Máiz, Francisco Castro, Mariló Candedo, Nieves Herrero e Luisa Martínez Lorenzo. Entre as actividades desta sección destaca o ciclo “Pensarmos”, que convoca cada cuarto xoves de mes a figuras relevantes do ámbito filosófico para repensar a actualidade. Ademais, no marco das actividades desta Sección está a revisión de personaxes destacados e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.