----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega fai balance de 40 anos de políticas culturais

O Consello da Cultura Galega organiza este martes unha xornada que pretende facer balance de corenta anos de políticas culturais. Na xornada, coordinada por Xavier Campos, Marcos Lorenzo e Dolores Vilavedra, participan unha ducia de profesinais de diferentes ámbitos que identificarán as temáticas históricas máis relevantes, as fases principais e os fitos máis significativos das políticas culturais autonómicas neste período. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita presencial que tamén se pode seguir en directo polas redes sociais da institución.

A cita leva por título “40 anos de políticas culturais, a debate” e pretende facer un balance das políticas culturais en Galicia desde o inicio da autonomía. Faino a través de dúas mesas redondas. David Lombao, director do xornal dixital Praza Pública é o encargado de moderar a primeira das mesas e está encamiñada a analizar as institucións culturais da autonomía. Nela participan, Luís Álvarez Pousa, director da revista Tempos Novos e exdirector xeral de Cultura; a xonalista Mª Xosé Porteiro e o técnico de Cultura do Concello de Ferrol e membro da Comisión, Marcos Lorenzo.

A segunda das mesas, moderada pola profesora Dolores Vilavedra, buscará identificar etapas e fitos significativos das políticas autonómicas neste mesmo período. Nela están Xavier Campos, asesor da política cultural da Deputación da Coruña e membro da Comisión; Xesús Lage, profesor titular de Socioloxía da Universidade de Vigo; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello da Santiago de Compostela e Xavier Senín, exsubdirector xeral de Cultura e tradutor.

Contexto
A xornada toma como referencia que en 2021 se cumpriron 40 anos do inicio da autonomía O proceso de descentralización das competencias do Estado cara a comunidades autónomas e municipios foi acompañado por un incremento dos recursos dispoñibles nas mans das administracións públicas co obxecto de atender as novas necesidades e dereitos.

Nese contexto, as políticas culturais foron adquirindo un protagonismo ata entón descoñecido. As primeiras corporacións municipais democráticas, nas que participaron activistas dun vizoso asociacionismo cultural, deron un impulso á cultura mediante a dotación de infraestruturas (bibliotecas, museos, teatros e auditorios, casas da cultura) e a contratación de persoal especializado nos concellos.

Pola súa parte, a nacente Xunta de Galicia asumiu o mandato derivado do novo marco legal e comezou a despregar unha serie de medidas encamiñadas á “defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego”, tal e como reza o Estatuto de autonomía. Ademais doutras, entre 1983 e 1985, aprobouse a Lei de normalización lingüística (1983), e constituíronse o Consello da Cultura Galega (1983), o Centro Dramático Galego (1984) e a CRTVG (1985).