----

Mañá comezan no Consello da Cultura Galega as xornadas que analizan a situación do Museo Carlos Maside

O Museo Carlos Maside foi o centro que supuxo a recuperación da arte galega da vangarda. Iniciativa de Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane e un grupo de intelectuais do exilio republicano, foi un destacado proxecto artístico tanto polo espazo deseñado por Fernández Albalat como polo conxunto de obras que o conforman. O centro pechou ao público en 2016 e está nun serio risco de deterioro. O Consello da Cultura Galega (CCG), o concello de Sada e a Universidade de Santiago organizan unhas xornadas tituladas “O museo Carlos Maside: un patrimonio cidadán” encamiñadas a revisar a súa historia e reivindicar a súa protección. A primeira destas sesións está organizada polo CCG, desenvólvese mañá na súa sede é pretende situar o centro no seu contexto. Esta sesión rentransmitirase en directo desde o web do CCG e as súas redes sociais.

A sesión inicial que organiza o Consello da Cultura Galega dentro do programa das xornadas “O Museo Carlos Maside: un patrimonio cidadán” divídese en dous paneis. O primeiro titúlase “Os futuros do Museo Maside: perspectivas legais, patrimoniais e institucionais”. Comeza coa intervención de Anxo Lorenzo, o secretario xeral da Xunta de Galicia; ao que lle segue o de Patricia Gabeiras, avogada especialista en dereito da cultura que falará das “Fisuras legais para a protección pública do Museo Carlos Maside”. Despois, o museólogo e colaborador do Laboratorio de Formas de Galicia Felipe Senén, abordará ¿Por qué debe ser BIC o Museo Carlos Maside?. O debate deste primeiro panel está moderado polo profesor de dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xavier Ferreira.
O segundo dos paneis pretende situar o centro no seu contexto. Leva por título “A importancia dun museo da posguerra e o exilio” e nel participan a directora xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Blanco que ofrecerá un relatorio titulado “Galicia no campo cerrado da posguerra”. Despois, a investigadora Inmaculada Real López abrirá o foco para integralo na rede mundial de Museos do exilio. Por último, Rosario Peiró, directora da Área de Coleccións do Museo Reina Sofía, centrará a importancia do exilio e da posguerra na colección permanente do Museo Nacional Reina Sofía (MNCARS). Este debate está moderado pola profesora da Universidade da Coruña (UdC)María Antonia Pérez Rodríguez.

O CCG e o Museo Carlos Maside
O Consello da Cultura Galega realizou en xaneiro de 2018 un informe no que un grupo de especialistas coordinados por Marisa Sobrino, instaban á protección do conxunto (das obras e do espazo que as albergaba) e solicitaban a máxima figura de proteción: a delcaración como Ben de Interese Cultural. O informe establecía que “os fondos pictóricos do MGACM, xunto co edificio que os alberga, recollen un conxunto artístico e arquitectónico único pola calidade das obras que a compoñen e polo alcance simbólico e representativo da evolución da arte contemporánea galega dos últimos tempos”.

Sobre o centro
O Museo Carlos Maside (1970) é un dos proxectos creados ao abeiro do Laboratorio de Formas de Galicia, impulsado por Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e un grupo de intelectuais desde o exilio republicano en Buenos Aires. A fundación do MCM supuxo a recuperación da arte galega da vangarda e a vontade por superar as fracturas do pasado recente dende a restitución da memoria histórica. O seu valor patrimonial, conformado, na súa orixe, polas doazóns dos fundadores, incrementouse cos legados de diversos exiliados, tamén de persoas e entidades interesadas no movemento renovador da arte galega a partir do seu primeiro referente, A. R. Castelao.
Os contidos e a museografía do MCM foron variando minimamente dende o traslado da colección permanente, en 1982, ao edificio actual de Andrés Fernández-Albalat en O Castro, Sada. Nel proponse un percorrido preciso, coas pezas de Castelao e do Movemento Renovador no andar baixo, autores e movementos dende a Guerra Civil ata a actualidade no andar intermedio, e unha última sala no andar alto dedicada ao debuxo humorístico e a banda deseñada. O propio Díaz Pardo supervisou a última instalación da colección, organizando as salas, a museografía, e historiando o relato da nosa arte nas cartelas e textos que aínda permanecen no espazo.