----

O Arquivo Sonoro de Galicia propón captar a identidade sonora de Ribadavia cunha actividade

“Cal e á paisaxe sonora de Ribadavia? Axúdanos a buscala”. Esta é a proposta que o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), departamento do Consello da Cultura Galega (CCG), realiza os vindeiros días 17 e 24 de setembro no Museo Etnolóxico de Ribadavia. O director do ASG, Xosé Ramón Pousa, é o encargado de impartir dúas actividades encamiñadas visibilizar o proxecto e a convidar á veciñanza a que rexistre os sons característicos desta vila para incorporalos ao Mapa Sonoro de Galicia.

Este venres, 17 de setembro, terá lugar a primeira das actividades previstas para visibilizar o Mapa Sonoro de Galicia. O director deste centro, Xosé Ramón Pousa, fará unha presentación do centro e da historia da gravación sonora a través dunha selección dos máis de 400 discos de pedra relacionados con Galicia con gravacións realizadas entre 1904 e 1950.

A segunda terá lugar o vindeiro venres, 24 de setembro, e consistirá nun obradoiro de son sobre as paisaxes sonoras co obxectivo de que as persoas interesadas colaboren co Arquivo Sonoro de Galicia gravando co seu teléfono móbil aqueles sons que para cada un deles sexa característico da vila.

Esta actividade está realizada coa colaboración do Museo Etnolóxico, Concello de Ribadavia e Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia.

Mapa Sonoro de Galicia
O Mapa Sonoro de Galicia (mapasonoro.consellodacultura.gal) é un proxecto web do Consello da Cultura Galega (CCG) que ofrece unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras custodiadas pola institución. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización.

Hoxe en día o ASG conta con máis de 20 000 rexistros sonoros, procedentes de adquisicións e doazóns, entre os que se atopan 7000 rexistros das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século XX. Unha das xoias do ASG é a colección de máis de setecentos discos de pedra producidos en Galicia ou con contidos galegos, moitos dos cales xa se poden oír na web do Arquivo. As “lousas” son pezas únicas, cunha tiraxe de 200 exemplares que non son exactamente iguais entre si. Na maior parte son gravacións impulsadas dende a emigración para levar a América os sons de Galicia.