----

O Consello da Cultura Galega lembra unha das representacións de Cantigas e Agarimos co gallo do seu centenario

O 25 de xullo de 1961 a praza da Quintana de Santiago de Compostela ateigouse de xente para asistir á primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse a cargo do coro Cantigas e Agarimos. Foi un fito histórico e cultural do país pero tamén un dos capítulos máis destacados desta formación histórica que hoxe, 29 de xullo, cumpre cen anos. O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra a efeméride nun especial que xunta imaxes, debuxos, recortes hemerográficos e diferentes materiais arredor daquela representación. Proceden de Son de Galicia, a mostra organizada polo CCG en 2018 que reconstrúe a historia do país a través do papel que desempeñaron os coros.

Imaxes, bosquexos da escenografía, un folleto de man e ata recortes de prensa forman parte do material que acompaña aquela representación, que supuxo todo un acontecemento, e non só artístico, xa que foi a primeira representación da obra que se produciu en Galicia. Todos os materiais proceden da documentación da exposición Son de Galicia, na que o Consello da Cultura Galega recupera o labor desenvolvido polos coros no noso país.

Cantigas e Agarimos
A exposición do CCG, que se pode ver en rede, explica que Cantigas e Agarimos xurdiu en Santiago por iniciativa de Bernardo del Río, Salvador Cabeza de León, Enrique S. Guerra e mais Camilo Díaz Baliño e presentouse o 29 de xullo de 1921 nesta cidade. Foi un inicio especialmente fecundo, no que representaron varias obras de teatro, participaron na rodaxe do filme La casa de la Troya en 1924 e estrearon a zarzuela A lenda de Montelongo, con música de B. del Río.
Tras a desfeita da Guerra, o coro pasou por diferentes etapas que tiveron varias denominacións. En 1940 apareceu co nome Masa Coral Gallega e integrouse na Obra Sindical de Educación y Descanso. Volveu mudar en 1951 para chamarse Coral Rosalía de Castro e en 1954 recuperou o primeiro nome.

Na súa traxectoria realizaron numerosas viaxes por España, gravaron varios discos e participaron en varias películas. O grupo de teatro xurdiu en 1960 dirixido por Rodolfo López-Veiga e un ano despois estreou Os vellos non deben de namorarse, do que dá conta o especial web creado para celebrar o centenario da formación. Foron varias as obras de teatro que representaron. Desde esta formación impulsaron a misa en galego e o primeiro oficio foi o 3 de marzo de 1968.
En 1973 emprenderon a súa primeira viaxe transatlántica, para actuaren en Bos Aires, Mar del Plata e Montevideo. A súa historia está anegada de premios, recoñecementos, gravacións e actuacións dentro e fóra de Galicia
A exposición
O Consello da Cultura Galega inaugurou a finais de 2018 a exposición Son de Galicia, na que trazou un discurso que permite coñecer a historia de catro formacións históricas e as características comúns a todas elas: o labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua ou, mesmo, os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións.

A orixe dos coros galegos nace con Perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro Aires da Terra, cun gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e con varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo e que nesa época non era considerada como lingua de prestixio. Foi a orixe e o modelo no que se basearon todos os coros que chegaron despois e nos que constaba unha intención explícita de contribuír a unha identidade galega nun contexto en que xorde o nacionalismo galego acubillado polas Irmandades da Fala. Isto é o que se recolle nos primeiros paneis dunha exposición que tamén percorre as semellanzas destas entidades e a súa propia especificidade.

Todas as sociedades corais creadas neste período do Romanticismo comparten varios denominadores comúns: unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político, un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade e, sobre todo, a toma de conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no marco dunha Galicia ruralizada. Ademais, tamén exhibiron o intento de crear un modelo de tipismo de indumentaria galega.

A exposición manifesta outras características comúns como o seu carácter afeccionado, non exento de tenzóns e retesías internas, onde os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e nos ocos libres que as súas vidas lles permitían; pero tamén a súa solidariedade, xa que os coros se sumaron a moitas campañas solidarias de Galicia e de fóra. Alén disto, tamén permite ver como actuaron de embaixadores da cultura galega con máis de setenta viaxes a lugares de todo o mundo como Lorient, Brest, Madrid, Avilés, Suíza, Venezuela ou Londres.