----

O Consello da Cultura Galega conmemora o Día do Orgullo cunha xornada e novos materiais

Cada 28 de xuño a comunidade LGTBQ+ celebra unha serie de accións para reafirmaren a súa orientación sexual, reivindicaren os seus dereitos e mais para faceren denuncia das actitudes homófobas. Nas vésperas desta celebración, o Consello da Cultura Galega (CCG) prepara diferentes accións. Dunha banda, organizará mañá martes, 22 de xuño, a segunda edición da xornada “Pensar con orgullo”. No marco desa cita estrearase a curtametraxe documental “Dereito a existir: falan elas” dirixida por Carme Adán e Cristina de la Torre, que recolle o testemuño de tres xeracións de mulleres transexuais. Da outra banda, no propio día 28 incorporarase unha nova cabeceira ao repositorio documental hemerográfico “A saia”.

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá mañá martes a segunda cita de “Pensar con orgullo”, unha sesión coordinada por Carme Adán que propón “matinar sobre unha realidade que busca palabras para ser pensada, unha realidade que cuestiona verdades tan ben asentadas como a diferencia sexual”. Esta cita busca xerar un novo espazo de reflexión sobre as identidades, os corpos e a súa performatividade así tamén debater sobre as confrontacións que agroman nas relacións entre os feminismos e a teoría queer.

A xornada de mañá conta coa presentación da curtametraxe documental “Dereito a existir: falan elas”, dirixida por Cristina de la Torre e Carme Adán e creada expresamente para a cita. Este traballo que dá voz a tres xeracións de mulleres transexuais en Galicia e conta coa participación de Laura Bugallo, Daniela Ferrández e Aura Leirós
Trala proxección terá lugar a mesa redonda “Dereito a existir: disidencias e novas perspectivas LGBTIQ+ de Galicia”que modera Enrique Latorre e conta coa participación de Ana Amigo da Rede Galega de Estudos Queer; Paloma García da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia; e Cristina Palacios, presidenta da Asociación de familias de menores trans, Arelas.

Ademais, como marco teórico e conceptual desta xornada, hoxe luns púxose en rede o relatorio gravado titulado “Corpos vulnerables e rebeldes” da cargo de Elvira Burgos, profesora de pensamento feminista e de filosofía do corpo na Universidad de Zaragoza.

Nova incorporación á hemeroteca A Saia
No propio día 28 de xuño incorporaranse á hemeroteca feminista “A Saia. Publicacións periódicas feministas e LGTBIQ+” novos materiais para entender o movemento feminista e LGTBIQ+. Son 11 dos 12 números da revista “S’homos”, editada entre 1991 e 1996 polo Colectivo Homosexual de Compostela (CHC), que a partir de 1992 pasa a se denominar Colectivo Gai de Compostela (CGC). A publicación tiña como obxectivo servir de instrumento para a concienciación, difusión, denuncia, crítica, reflexión e debate arredor das discriminacións sufridas por gais, e tamén lesbianas, bisexuais e transexuais. Naceu tamén coa intención de ser unha ferramenta de loita, que sen esquecer a parte lúdica, camiñe a prol da consecución dunha plena liberación sexual. Foi unha revista aberta á participación de colaboracións, presenta propostas culturais e de lecer, engade notas breves de información xeral e artigos encamiñados a recuperar a memoria do CGC e do movemento gai e lésbico ao longo da historia. Con esta son xa varias as publicacións que integran esta hemeroteca que documentan o movemento LGTBIQ como “Voces de Compostela” ou “boga”.

Sección de Pensamento
Esta xornada está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a Nieves Herrero, Marta Lois e Juan Tallón, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Karl Marx ou Hannah Arendt. Ademais, esta sección tamén sem encarga da programación do ciclo “Pensamos” que cada cuarto xoves de mes convida a pensar sobre un tema de actualidade.
L