A correspondencia de Emilia Pardo Bazán que desde hoxe está na rede repousaba nos arquivos da Real Academia Galega ata o pasado mes de febreiro. No mesmo día en que se presentou unha nova edición do congreso internacional dedicado á súa figura, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (entidade depositaria do seu legado), asinaron un convenio que permitía a dixitalización e posta a disposición pública da face máis íntima da poliédrica Emilia Pardo Bazán.
O fondo epistolar dixitalizado consta de 156 cartas enviadas e recibidas entre os anos 1879 e 1917 con diferentes interlocutores. Aínda que hai nomes significativos como Eduardo Pondal ou o mesmo o rei Afonso XIII, o núcleo central está composto por 87 cartas dirixidas á súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada. Permiten explorar o universo íntimo da escritora, no que fala da morte de seu pai, de como é a súa vida en París ou Madrid ou das súas continuadas viaxes. Nelas xa se poden entrever trazos definitorios da súa personalidade, como é a súa claridade á hora de abordar a condición das mulleres e os seus dereitos, cun enfoque moderno e inigualable entre as escritoras do momento. “Mi influencia no existe. Si yo fuese un hombre, y hombre político, entonces se podría esperar algo. Pero desde mi posición literaria no debo esperar que me atiendan sinó en un grado muy relativo” afirma nunha das cartas que se poden ler no epistolario.
Na correspondencia publicada no marco do Proxecto Epístola que mantén o Consello da Cultura Galega hai outros interlocutores. As cartas enviadas a Eduardo Pondal, do que se confesa amiga e admiradora; ao director de “La Voz de Galicia”, Marcelino Dafonte, ao que lle comenta novas que aparecen nese xornal; ou a José Alguero Penedo, notario de Betanzos e artista que colabora no deseño e decoración figurativa na construción das Torres de Meirás, ao que lle di na “Torre en construción, que es la que yo he de habitar, quisiera imprimirle alguna huella personal, para cuando la visiten —si la visitan— los curiosos del año 2000”.
A riqueza deste conxunto epistolar recolle tamén cartas con destacados intelectuais franceses contemporáneos á escritora, como o escritor Jean Lorrain ou a viúva de Émile Bertaux, relevante historiador da arte hispana.
Ademais, o fondo inclúe borradores de cartas como a que a autora lle escribe ao rei Alfonso XIII. Nesta carta recoméndalle mellorar o papel da muller en España expoñendo que para iso é necesario aproximar o país ás correntes máis modernas do resto de Europa nese ámbito.
Emilia Pardo Bazán: unha biografía e un especial
O Epistolario chega acompañado de diferentes materiais sobre Pardo Bazán que hai nos arquivos do Consello da Cultura Galega. Entre eles destaca a súa entrada no Álbum de Galicia, na que se dá conta do carácter extraordinario desta intelectual respectada, pero tamén polémica e criticada, que tamén foi unha notable xornalista, crítica, historiadora da literatura e novelista. Viviu intensamente e tivo unha complexa vida persoal, na que tamén foi unha precursora. Casou, tivo fillos e separouse con discreción. Viviu varias relacións amorosas, algunhas tan soadas como a que mantivo con Benito Pérez Galdós. É de sobras coñecida a súa defensa pública dos dereitos das mulleres, como tamén a súa voz cosmopolita, europea e intensamente nacionalista española.
No especial incorpórase unha conferencia que Isabel Burdiel, biógrafa de Emilia Pardo Bazán, realizou no marco do Segundo Congreso Internacional "Irmandades da fala. Cultura e política na España de entreguerras", na que fala da visión que a escritora tiña do rexionalismo e do galeguismo. Ademais, inclúese un vídeo do ciclo "O mundo do porvir: bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte (1820-2020)", no que a profesora Pilar García Negro explora os vínculos entre catro mulleres destacadas do século XIX: Concepción Arenal Ponte con Juana de Vega, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Complétase co audiovisual “As mulleres do porvir”, lectura dramatizada do texto homónimo da desaparecida Dorotea Bárcena que pon en diálogo a Concepción Arenal con outras grandes figuras do seu tempo: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
Proxecto Epístola
En 2014, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o seu proxecto Epístola. Inseríase no marco da Colección Arquivos Particulares, que está constituído por máis de 25.000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntamentos...) orixinais ou copias. O proxecto, que segue criterios arquivísticos, naceu para ofrecer á cidadanía a correspondencia de figuras senlleiras da nosa cultura. Posibilítase así un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios, ao tempo que se abren novas perspectivas de coñecemento sobre a época da escritura e os seus contextos, e facilita a comprobación de datos e de circunstancias. No marco desta iniciativa púxose en rede unha importante colección de arquivos persoais, que arrincou con Luís Seoane e se incorporou con Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío, Otero Pedrayo, Carballo Calero ou Rosalía de Castro, entre outras figuras.