----

Os poetas galegos honran o legado de Luz Pozo Garza nun especial

O Consello da Cultura Galega publica o especial "Dez voces para Luz Pozo Garza". Con el quere reivindicar unha poeta xa canónica da literatura galega de todos os tempos, falecida en abril deste mesmo ano 2020. O especial conta coas lecturas de sobranceiros poemas de Luz Pozo a cargo de Pepe Cáccamo, Yolanda Castaño, Xavier Seoane, Gonzalo Vázquez Pozo, Olivia Rodríguez, Eva Veiga, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xesús Alonso Montero, Carme Blanco e Kathleen March, quen tamén realiza a tradución ao inglés dos poemas.

A orixe do especial está no número especial dedicado pola prestixiosa publicación Asymptote -unha das principais revistas literarias online mundiais que conta xa con traballos de 121 países e 103 idiomas nos ámbitos da poesía, ficción, non ficción, drama e entrevistas a persoas da creación literaria e tradución- á poesía galega contemporánea.

Así, vén de publicar unha escolma de poemas de 8 poetas galegos coas súas traducións verquidas ao inglés. Podes ler os versos de Manuel Rivas, Chus Pato, Gonzalo Hermo, Eva Veiga, Luz Pozo, Alba Cid, Lara Dopazo e Ismael Ramos e as súas versións inglesas realizadas por Jacob Rogers, Jonathan Dunne, Lorna Shaughnessy, Kathleen March, Laura Cesarco Eglin, Erin Moure, Neil Anderson, Harriet Cook and Patrick Loughnane. Moitos deles podes mesmo escoitalos nas súas propias voces. Non é o caso de Luz Pozo Garza, a quen a morte veu visitar antes da publicación desta revista. Mais non quixemos deixala sen voz. Nove voces amigas len a súa escolma poética en galego e a tradutora Kathleen March fai o propio coas traducións ao inglés publicadas na revista.