Nas sesións de hoxe déronse a coñecer experiencias educativas de intervención nos usos lingüísiticos da mocidade en institutos de Cangas do Morrazo e Melide, con propostas integradoras e proactivas para un alumnado en boa parte influído pola ruptura da cadea de transmisión do galego no seo das familias.
Belén Regueira moderou un coloquio con alumnas e alumnos da ESO, que chamaron a atención sobre a necesidade de máis iniciativas en galego para o tempo de lecer e unha programación televisiva máis atenta ás demandas da xente nova, nomeadamente en áreas como o deporte e o humor.
A xornada cerrouse con senllos coloquios sobre propostas de interacción coa xuventude no tempo libre e verbo doutros espazos de comunicación, especialmente na Rede.
NOVOS MEDIOS E REDES SOCIAIS
Mañá venres 9 de marzo as sesións comezarán ás 10´30 horas co relatorio de Manuel Barreiro: “Movementos sociais emerxentes: a mobilización xuvenil”, ao que seguirán a presentación de novos medios de comunicación (Praza pública, Sermos Galiza e Dioivo) e o relatorio de Fernando Ramallo “Mocidade, linguas e redes sociais”.
Na sesión da tarde as dúas últimas mesas redondas analizarán o traballo normalizador. A primeira baixo o epígrafe “O traballo xusto e ilusionante dos Servicios de Normalización Lingüística”, con Nel Vidal, Socorro García, Alicia Otero e Celso Rodríguez, e a segunda co enunciado “Como mellorar o labor normalizador dos Equipos de Normalización Lingüística”, con Carlos Negro, Mercedes Queixas, Xabier Camba e Roberto Catoira.
A clausura os Encontros está prevista para as 19´30 horas.