----

Representantes da organización para a defensa do frisón coñecen o Consello da Cultura Galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita de diversos representantes da organización frisoa DINGtiid, un órgano consultivo para a defensa do idioma frisón, declarado en 2014 lingua oficial. No marco da visita, a presidenta deu a coñecer as competencias do CCG, o seu funcionamento interno así como as accións presentes e futuras en materia de lingua.
Representantes da organización para a defensa do frisón coñecen o Consello da Cultura Galega

No marco da xuntanza a presidenta falou da preocupación do Consello da Cultura Galega pola transmisión da lingua cara os máis pequenos, aos que este ano se lles prestará unha especial atención coa elaboración dun informe e a realización de varias actividades. A vicepresidenta da DINGtiid, Hanny Elzinga, recoñeceu que comparten a mesma preocupación malia a diferenza de tamaño entre Galicia e a rexión de Frisia.

A delegación frisoa estaba composta por varios membros desta entidade, Freddy Weima, Hedzer Klarenbeek, Anne Popkema, Froukje Sijtsma e Tjallien Kalsbeek, xunto co profesor universitario e sociolingüista, Durk Gorter.

A xuntanza encádrase no marco dunha visita organizada por este órgano consultivo que pretende para coñecer a situación do galego e dos diferentes entidades e institucionais implicados no seu estudo e promoción. Unha acción que o levou a percorrer outras entidades como a Real Academia Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o Instituto da Lingua Galega entre outras entidades.

A DINGTIID
A DINGtiid é un órgano de carácter consultivo na defensa do idioma frisón nos Países Baixos que xorde a raíz dunha lei promulgada en 2014 para protexer e promover o frisón. No marco dese novo contexto xurídico, o frisón e o holandés son as linguas oficiais da provincia de Frisia, situada ao norte do país, e conta con novas normas e políticas que regulan o uso da lingua frisoa.