----

As zarzuelas destacan na nova entrega do proxecto “Lousas”

“La Meiga” , “Maruxa”, “Los Gavilanes”, “Los Claveles”, “La del Soto del Parral” son algunhas das zarzuelas que se poden escoitar na nova entrega do proxecto “Lousas”. Esta proposta do Consello da Cultura Galega pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. Nesta ocasión súbense 18 novos rexistros entre os que se poderá escoitar a soprano estradense Mary Isaura, ou pezas dos coros: Aires d’a Terra de Pontevedra e de Coral de ruada de Ourense.

A sétima entrega do proxecto Lousas permite coñecer unha variada selección de zarzuelas compostas, interpretadas ou ambientadas en Galicia. Nas novas lousas pódese escoitar "La del Soto del Parral", obra composta por Reveriano Soutullo e Juan Vert e estreada en 1927; a zarzuela "La Meiga", drama rural que está ambientada na Galicia de finais do XIX; ou “Los Claveles”, obra composta por José Serrano con libreto de L. Fernández Sevilla e A. C. Carreño que conta coa interpretación da soprano cambadesa Matilde Vázquez no papel protagonista de Rosa.

Nesta ocasión destaca o célebre tango "Galleguita" (1924), convertido nun símbolo musical da emigración galega, con música de H. Pettorossi e letra de A. Navarrine. Aquí ofrécese unha interpretación de Fortunio Bonanova, barítono mallorquino, que desenvolve unha intensa carreira por México e Estados Unidos, tamén como actor. Esta gravación de Nova York forma parte das moitas que fai por mor do contrato da Columbia Company para "impresionar" discos. Como curiosidade, Bonanova é Matisti, o profesor de canto de "Ciudadano Kane" (Orson Welles, 1941).

Ademais, nesta ocasión poderase escoitar a voz da soprano estradense Mary Isaura, unha das voces exitosas no panorama musical dos anos vinte e trinta. Está en dúas lousas: unha na zarzuela “Los gavilanes”, e outra na música “Adios, mi lindo oficial”. Os coros Cántigas da Terra, Aires d’a Terra e Coral de Ruada tamén protagonizan algunha das lousas desta nova entrega.

O Proxecto Lousas
É unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra. A iniciativa, que se fixo pública no mes de marzo, posibilita a difusión de rexistros sonoros que van desde a primeira gravación sonora galega que se conserva, que é do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e de 1904 ata rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; xunto con composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra” interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto….
Este fondo que agora se pon na rede chegou ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns e cesións.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización.

Consulta as Lousas