----

A delegación da Academia de Ciencias Sociais de China visita o Consello da Cultura Galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita da delegación da Academia de Ciencias Sociais de China. A comitiva estaba integrada polo actual vicepresidente da Academia e un dos estudosos máis importantes en materia de nacionalidades minoritarias en China; a voceira de Exteriores no Parlamento chinés e unha investigadora. Na reunión tamén estaba presente o membro do plenario do CCG e coordinador da Sección de Acción Exterior, Xulio Ríos.
A delegación da Academia de Ciencias Sociais de China visita o Consello da Cultura Galega

A visita encádrase no marco dunha viaxe desta entidade para coñecer o estado actual e funcionamento das autonomías en España. Realízase ao abeiro dun programa de intercambio entre Galicia e China que permitiu a tradución do estatuto galego ao chinés, que serviu de referencia para un proxecto de lei de estatuto de Mongolia Interior. A Academia de Ciencias Sociais de China é unha entidade que asesora ao Goberno chinés en materia autonómica.

No marco da visita interesáronse pola composición, funcionamento e financiamento do Consello, pola súa acción exterior e polas formas de protección da lingua e a cultura galega.