----

Un concerto e unha publicación, entre as actividades do Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas.

O Museo do Pobo Galego acolleu esta mañá un gran acto que xuntou a todas as institucións e entidades implicadas na celebración do Día das Letras Galegas e que este ano pon os ollos en Antonio Fraguas. Nel participou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, quen destacou o incansable labor do homenaxeado no tempo que permaneceu no Consello da Cultura Galega ao dicir que “foi un membro activo e, á fronte da Sección de Antropoloxía, amosou una gran capacidade e dispoñiblidade para conectar, para servir de ponte coa cultura tradicional”. Ademais, indicou as actividades que a institución prepara para este ano entre as que destaca unha publicación e un concerto.
Un concerto e unha publicación, entre as actividades do Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas

As actividades que o Consello da Cultura Galega ten previstas para recuperar e divulgar a figura de Antonio Fraguas están centradas en seguir co legado do homenaxeado, é dicir, na senda da preocupación e estudo pola cultura patrimonial. Como vén sendo habitual, terá lugar o concerto institucional que se celebra o 16 de maio e que servirá de antesala das actividades oficiais do Día das Letras Galegas. Este ano o concerto contará coa Orquestra Sondeseu e cun programa que servirá de homenaxe á cultura popular e que contará coa estrea dunha peza encargada para a ocasión. Un pouco antes, o 29 de abril, terá lugar a presentación da publicación especial que se edita anualmente para celebrar a efeméride e que nesta ocasión permitirá a edición de textos e colaboracións de Antonio Fraguas. Todos eses contidos, máis outros que se están a preparar, conformarán un sitio web específico. Nel se poderán ver imaxes de Fraguas, escoitar a súa voz e ler algunhas das publicacións que el promoveu.

Outra das actividades destacadas para este ano que prepara o CCG, é un roteiro polas terras de Cotobade e a súa contorna e que transcorrerá por lugares destacados da vida e do pensamento de Fraguas. Ademais, en colaboración co Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega, cara final de ano (do 26 ao 28 de novembro) terá lugar o simposio que achegará novas lecturas sobre a súa figura.

Por último, na programación das actividades do Consello da Cultura Galega previstas para este ano haberá numerosas chiscadelas á cultura patrimonial á que Fraguas tanto contribuíu a recuperar.