----

O Consello da Cultura Galega felicita a María Rosa Lojo polo Gran Premio de Honor que concede a Sociedad Argentina de Escritores

María Rosa Lojo (Bos Aires, 1954) é arxentina de nacemento pero galega de pensamento. É unha das voces máis notables do ámbito hispanoamericano e na súa ampla e variada obra goza de numerosos recoñecementos, como o Prix International de Poésie Antonio Viccaro 2017, o Premio Konex ás letras, a Medalla da Hispanidade ou o Premio Saúl Taborda en Letras. A eles hai que lle engadir o “Gran Premio de Honor” da Sociedad Argentina de Escritores (SADE), distinción creada en 1945 que antes recibiron creadores como Jorge Luis Borges, Olga Orozco, Antonio Di Benedetto ou M. Elena Walsh. Lojo recollía o premio este martes 11 de decembro en Bos Aires.

Filla de pai galego, a súa obra rezuma cultura galega. Recentemente tivemos a honra de que participase na xornada “Conversas trasatlánticas” do Consello da Cultura Galega xunto con Mirta Yáñez e Inma López Silva. Alí recoñeceu ter o corazón partido entre Galicia e Arxentina, falou de viaxes de idas e voltas e como a pegada da emigración inflúe na súa obra.

Conta cunha vintena de publicacións entre as que figuran varios textos en galego, como a novela “A fin da terra” e o “Libro das Seninguais e do único Senigual”, publicadas por Galaxia.