----

O Consello da Cultura Galega, o CSIC e a Xunta de Galicia presentan a reedición e as unidades didácticas do cómic Vivir no Solo

Hoxe, 5 de decembro, é o Día Mundial do Solo, que este ano se celebra baixo o lema “Sé a solución á contaminación do solo”. Con esta data, o Consello da Cultura Galega, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Xunta de Galicia colaboraron xuntos para presentar a reedición e as unidades didácticas da banda deseñada Vivir no solo. A presentación contou coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez; da responsable da Unidade de Cultura Científica, Luísa Martínez; da investigadora científica do Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia (IIAG), Montserrat Díaz Raviña, e do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López. Canda eles estaba Francisco Díaz-Fierros, promotor inicial deste título de banda deseñada que cumpre 18 anos.

A colaboración institucional permitiu presentar hoxe unha dobre iniciativa: dunha banda, a reedición en formato web do cómic e cunha tiraxe de 10 000 exemplares impresos co apoio de “Ciudad Ciencia”, un proxecto de divulgación científica que pretende que os habitantes de núcleos de poboación afastados das grandes cidades coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. Da outra, o lanzamento das unidades didácticas da banda deseñada en formato papel (con 500 exemplares en tres idiomas) e dixital. Estas unidades didácticas pódense descargar desde a plataforma da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e en diversas páxinas relacionadas co estudo do solo. A unidade didáctica consta de dúas partes: unha xenérica de contextualización, obxectivos, contidos, métodos e criterios de avaliación; e unha segunda onde se propoñen actividades para facilitar o labor do profesorado na transmisión dos coñecementos incluídos no cómic.
“Vivir no solo” é moito máis que unha banda deseñada, é un proxecto de difusión científica de amplo percorrido con formato pensado para a xuventude. Xestouno o Consello da Cultura Galega no ano 2000. Quince anos despois, co gallo do Ano internacional do suelo, a Delegación da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo en Galicia e o CSIC promoveron a súa adaptación e reedición ao castelán para difundila a nivel nacional. Posteriormente, foi obxecto de diversas traducións e adaptacións: ao catalán, co financiamento do Centro de Estudios Catalanes e a Diputación de Lleida; ao inglés, con cargo á Universidade de Santiago de Compostela e ao italiano ao abeiro da Sociedade Italiana da Ciencia do Solo.
O cómic, que consta de 20 páxinas, ten como protagonistas, por unha parte, a uns mozos que viven nunha vila na que se dan diferentes problemáticas relacionadas co uso do solo e, por outra, aos seres vivos que viven nel. Na realización do cómic participaron María Teresa Barral Silva e Francisco Díaz-Fierros como responsables da documentación e asesoramento e mais Fran Bueno, que fixo as ilustracións.

“Vivir no solo” foi o primeiro título dunha serie de bandas deseñadas ideadas desde o Consello da Cultura Galega co obxectivo de incorporar a ciencia dentro da bagaxe cultural da cidadanía. No caso da poboación infantil, buscáronse os cómics como maneira directa e popular de chegar aos máis pequenos. A idea partiu dun asesoramento científico, ao que se lle sumou o labor dunha escritora especializada en literatura infantil e o dun recoñecido debuxante para darlle forma. Con estas premisas editáronse catro cómics: “O sabor das Mazás”, “Parando a marea negra”, “De quen é a auga” e o que hoxe se reedita, “Vivir no solo”.

A través destas historias coñeceremos o valor do solo e a necesidade de protexer este recurso, fundamental para asegurar a vida so ser humano e o mantemento dos ecosistemas, tal e como destacou a súa autora, María Pilar Jiménez Aleixandre, e Marilar Aleixandre, a responsable do guión.