O vindeiro día 16 de novembro é o Día Internacional do Patrimonio Mundial. Unha efeméride que catorce centros da memoria galegos, é dicir, bibliotecas, arquivos e museos, celebran con actividades individualizadas. O Consello da Cultura Galega súmase a esta conmemoración cun sitio web que agrupa as accións que cada centro decide facer. Unha iniciativa que recupera unha senda iniciada en 2017 cando todas as entidades implicadas decidiron xuntarse para divulgar as súas accións a través dunha plataforma única.
Accións variadas para un único día
Para celebrar este día hai máis de trinta actividades previstas, como difundir o álbum de autógrafos de Juana Fernández Pinto, isto é, un documento que concentra 137 sinaturas de persoeiros das primeiras décadas do século XX; unha exposición que difunde xornais, revistas e boletíns no comezo da Democracia (1975-1984) para dar a coñecer como foi o inicio dos impresos populares, que se produciu co cambio da ditadura a un estado constitucional democrático, que respectará os dereitos e liberdades da persoa, entre elas a liberdade de informar; o texto de Alba de Gloria; ou xornadas de portas abertas.
Os centros que se suman a esta iniciativa son o Arquivo da Real Academia Galega, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o Arquivo Intermedio Militar Noroeste, o Arquivo Municipal de Ferrol, o Ecomuseo de Arxeriz, a Fundación Penzol, a Fundación Vicente Risco, o MDC_L Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo das Peregrinacións e de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela.