Coñecer os testemuños de persoas que viviron en carne propia o exilio e saber do contexto histórico arredor deste tema, sempre co enfoque científico, foi o cometido desta cita coordinada por Elena Vázquez Cendón. “Hoxe púxose sobre a mesa que existe unha perda de talento por parte dos países dos que foxen os cidadáns e que pode ser unha oportunidade de captar ese potencia por parte dos países de acollida” explicou a coordinadora. As historias de vida chegaron pola tarde desde unha perspectiva dobre. Dunha banda, dun matemático xa recoñecido como Eleuterio Toro, profesor emérito da Universidade de Trento. El mesmo recoñeceu que os motivos polos que el se tivo que exiliar son “en moitos casos, as mesmas razóns polas que marcha moita xente hoxe”. Da outra, tres estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) como Kamal Aldalati, Rania Ali Salman El-Kouz e Zaid AlHamwy contaron a súa experiencia desde o presente, desde o caso de talento que está por formar.
A represión histórica na ciencia
Luis Enrique Otero Carvajal, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade Complutense de Madrid, foi o encargado de abrir a cita explicando o caso español, a análise da destrución da ciencia en España, concretamente co exilio científico e a depuración universitaria tras a Guerra Civil. “Dos seiscentos catedráticos que tiña a Universidade Española á altura de 1936, preto duns 140 foron expulsados, o que foi unha sangría para o incipiente sector da ciencia con consecuencias para as seguintes décadas”. Ricardo Gurriarán na sesión da tarde, ofreceu o caso concreto desde Galicia.
A perspectiva histórica completárona tanto José Edelstein, neto de exiliados e profesor de Física Teórica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), como o fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón. O primeiro ofreceu a súa opinión sobre as leccións aprendidas e por aprender do antisemitismo, mentres que o segundo achegou os rostros e as imaxes máis humanas da situación dos exiliados. Tizón leva anos fotografando refuxiados e refuxiadas en países como Arxelia, Senegal, Indonesia, Croacia, Gambia, Ecuador, Guinea Bissau ou Mauritania, entre outros.
Pechou a xornada Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal (USC) e membro do Plenario do CCG, falando das razóns xenéticas da importancia da diversidade e da contribución das migracións.