----

Expertos instan no Consello da Cultura a introducir cambios para paliar a degradación ambiental

Once expertos debullaron ao longo do día de hoxe como está a afectar acción do home no medio en cuestións concretas como a enerxía, os residuos urbanos, a auga ou a nosa propia diversidade. A nivel global, pero tamén a nivel galego, todos incidiron nos efectos negativos que está a sufrir o medio pola acción humana e instaron a introducir cambios. Así se falou na xornada “O Antropoceno e Grande Aceleración. Unha ollada desde Galicia” que coordinou o profesor Francisco Díaz-Fierros no Consello da Cultura Galega.

A xornada de hoxe xiraba en torno a dous eixes: o antropoceno e a grande aceleración que comparten a influencia decisiva da acción humana sobre a terra. Ademais, a xornada pretendía facer unha reflexión a estes conceptos pero cunha ollada desde Galicia.

O antropoceno e Galicia
No marco do 35th International Geologial Congress, desenvolvido en agosto de 2016 en Sudáfrica, emitiuse un informe que fixou o inicio dunha nova época xeolóxica: o Antropoceno. Daquela tamén se dixo que unha das características desta etapa era que a actividade humana pasaba a ser un factor de primeira magnitude que inflúe na modificación dos procesos xeolóxicos. E sobre esta idea xirou a xornada de mañá, Alejandro Cearreta, único representante español no Anthropocene Working Group, explicou as características e as dúbidas deste novo tempo xeolóxico. “Hai tres vectores que inflúen neste novo tempo: a poboación humana, que se mide en millóns de persoas; a riqueza, que se mide en dólares; e a tecnoloxía, que se mide en número de patentes; e todos eles medraron exponencialmente no século XX” insistiu Cearreta. A acción do home está a introducir numerosos cambios, a partir de mediados do século XX e os nosos procesos humanos tiveron gran intensidade e extensión. Fixo mención ao impacto que os plásticos están a ter que ver na circulación oceánica, así como o uso de armas nucleares que depositan isótopos radioactivos no medio ambiente.

Despois, unha serie de profesores e investigadores da universidade de Santiago fixeron un repaso rápido sobre o uso e consumo de recursos en Galicia no século XX. Sobre a enerxía falou Xan Dolán, que quixo desmentir o tópico de que nos sobra enerxía ao explicar que “na actualidade a exportación de enerxía se nutre da enerxía importada”. Pola súa parte, Lourenzo Fernández Prieto, nunha intervención compartida con Beatriz Corbacho, incidiu que a clave de futuro está no manexo do monte, do gando, da rotación e na creación de produtos para o campo e o ser humano. Rico Boquete centrouse na repoboación forestal e denunciou a “ausencia de datos das repoboacións feitas por particulares”. Insistiu que nos anos setenta se produciu un incremento de eucaliptos por mor de medidas administrativas (axudas e incentivos que impulsaron a plantación de especies de rápido crecemento) xunto co aumento da demanda por parte das grandes industrias. Xosé María Tubío lembrou que o proceso urbanizador consume recursos e que desde os anos 50 sufrimos “unhas dinámicas urbanizadoras que exceden, con moito, as nosas necesidades habitacionais”. O coordinador das xornadas, Francisco Díaz-Fierros, tamén achegou unha descrición actual sobre os encoros e recursos hídricos e contabilizou nun período de 20 anos a construción de 370 edificacións deste tipo. “Os encoros son para producir enerxía pero deberían ser utilizado para regular enchentes, para rega, para facer chegar auga ás poboacións” indicou ao tempo que lembrou a contestación social que tivo este tipo de construcións. Pechou a rolda de intervencións sobre Galicia María Teresa Barral, quen afirmou que “os residuos urbanos son o grande problema do século XX”.

A “Grande Aceleración”
Outro dos aspectos que tratou esta xornada tiña relación coa “Grande Aceleración” e os límites do crecemento. Este concepto, acuñado por Steffen en 2004, pretende poñer en relación o consumo exponencial dos recursos terrestres pola humanidade coas repercusións no cambio en determinados indicadores da saúde ambiental do Sistema Terra. Jorge Riechmann, da Universidad Autónoma de Madrid, preguntouse se cumpría chamalo “antropoceno ou capitalocemo, como a gran forza expansiva que nos pon a loitar contra os límites biofísicos do planeta”. Riechamn trasladou que temos moitas incertidumes sobre o futuro e haberá que ver que acontece pero, na súa opinión, hai en marcha dinámicas destrutivas moi fortes e poderosas nunha sociedade fosilista.

De seguido, diferentes especialistas falaron da degradación do sistema biolóxico galego no século XX. Pablo Ramil, da USC, falou sobre biodiversidade vexetal e a introdución de especies exóticas no noso territorio coas súas consecuencias (problemas entre as especies, políticas de repoboación inadecuadas, uso de pesticidas tóxicos, cambios nas paisaxes). Fernando Cobo, da Estación de Hidrobioloxía da USC falou da degradación da bioloxía fluvial. Pedro Galán, da Universidade da Coruña explicou o declive dos anfibios e réptiles; mentres que Xan Rodríguez, da Sociedade Galega de Historia Natural, explicou o caso dos paxaros.