----

O Consello da Cultura Galega presenta en Ourense o Concerto das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares

O Consello da Cultura Galega, a Fundación Carlos Casares e o Concello de Ourense presentaron na mañá do venres o tradicional Concerto das Letras Galegas, unha cita anual que pretende dotar de música as celebracións do 17 de maio. O estreito vínculo do autor homenaxeado este ano, Carlos Casares, coa cidade auriense determinou a escolla do lugar de celebración dun evento que dende hai sete anos, percorre a xeografía galega para dar protagonismo á literatura e á música galega. A cita será no Auditorio de Ourense o vindeiro día 16 de maio ás 20:30 horas.
O Consello da Cultura Galega presenta en Ourense o Concerto das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Xavier Casares, presidente da Fundación Casares e María Belén Iglesias Cortés, concelleira de Cultura e Educación asinaron a mañá do venres no Concello de Ourense un convenio de colaboración para a celebración do Concerto das Letras Galegas na cidade das Burgas. Posteriormente presentaron á prensa esta iniciativa que dende hai sete anos pon música á festa do 17 de maio cun repertorio musical integrado por obras galegas. Será a primeira vez que a cidade de Ourense acolla este evento. Nel, a Real Filharmonía de Galicia acompañada polo Coro novo da Orquestra Sinfónica de Galicia e baixo a dirección de Maximino Zumalave interpretará a Alborada de Pascual Veiga, Lonxe da terriña de Xoán Montes, a Cantata das cantigas de Rogelio Groba e a Suite sobre cantos populares gallegos de Enrique Granados. A elas súmase a composición A formiga, elaborada por Rubén Vizcaíno a partir dun relato de Carlos Casares. “A formiga esquiadora” forma parte d´A galiña azul, unha das primeiras obras do escritor que relata a épica das cousas pequenas e logra a máxima expresividade con medios intencionadamente limitados. Deste xeito, Ourense vivirá a estrea absoluta dunha das poucas obras musicadas de Carlos Casares, autor nacido e profundamente ligado a esta cidade e a quen este ano se dedica o Día das Letras Galegas. O concerto será dunha hora e media aproximada de duración e contará cun intermedio. Para o remate, a coral Ruada de Ourense subirá tamén ao escenario para interpretar o himno galego.

Retirada de entradas
A entrada ao concerto do día 16 de maio é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. As entradas poderán retirarse, como é habitual, no despacho de billetes do Auditorio o propio día do concerto. Para facilitar o acceso ás entradas, habilitarase un correo electrónico onde se poderán reservar con antelación. O enderezo de reserva é: auditorio@ourense.es. Toda a información do evento e do acceso ás entradas figurará no sitio web do Auditorio de Ourense e no web institucional do Consello da Cultura Galega: www.consellodacultura.gal

Actos arredor do Día da Letras Galegas
Dous días despois da estrea na cidade de Ourense, o concerto celebrarase no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Será o xoves, 18 de maio ás 20:30 horas e contará, tamén con retirada gratuíta de entradas no propio auditorio. Estes concertos encádranse dentro das actividades previstas polo Consello da Cultura Galega para festexar o Día das Letras Galegas.