----

O CCG presenta a primeira publicación monográfica sobre os debates ao redor do fuso horario

O fuso horario e a pertinencia ou non do seu cambio é o obxectivo da publicación electrónica “É o noso fuso horario un problema?”, presentada hoxe por Francisco Díaz-Fierros Viqueira, coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, e o coordinador da publicación, o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira.
O CCG presenta a primeira publicación monográfica sobre os debates ao redor do fuso horario

“Que nós saibamos, é a primeira vez no Estado que se fai un debate aberto e que inclúe todas as posicións ao redor do fuso horario e esta é a primeira publicación no Estado que recolle todo o abano de posicións”, sinalou Jorge Mira, quen fixo referencia á xornada celebrada en 2016 que convocou no Consello da Cultura Galega aos principais expertos participantes neste debate.

O debate do fuso horario está de plena actualidade. O tema do fuso horario figurou nos programas electorais dalgúns partidos nas últimas eleccións e agora mesmo se está a tramitar no parlamento español unha proposición non de lei do Partido Popular ao redor do fuso horario e o seu potencial cambio. Deste xeito, “o CCG como organismo consultivo decidiu editar as intervencións desta xornada para que sirvan como material de debate”. A publicación está editada en galego e castelán para poder servir como documento de traballo por parte dos poderes centrais ou outras comunidades autónomas.

De feito, hoxe presentouse a edición en castelán, que será remitida nestes días ao Goberno español e ás cámaras lexislativas. Posteriormente, tamén se remitirá a versión en galego aos poderes da Comunidade Autónoma de Galicia e aos seus órganos representantivos.

Mira destacou a excepcionalidade do libro, no que o lector pode coñecer as tres posicións fixadas na actualidade ao redor do fuso horario: a de que non se debera variar a situación actual, a de que España debera unirse ao fuso horario de Reino Unido e Portugal, e mesmo a de que os parlamentos valenciano e balear pediron un fuso horario máis próximo a Centroeuropa. Na redacción do libro participaron o propio Jorge Mira, José María Fernández-Crehuet, José María Martín Olalla e José Fernández-Albertos.

A publicación está dispoñible en libre descarga e gratuíta.