----

Alén dun castro: os encontros monográficos sobre patrimonio cultural reflexionan sobre Castro Baroña

O Castro de Baroña é un dos xacementos máis visitados de Galicia, no que se xuntan interesantes aspectos patrimoniais, a súa temperá posta en valor e a súa localización, o que lle confire un importante valor paisaxístico. <>. Así o considera Luis F. López González, do equipo arqueolóxico de Terra Arqueos, responsable das últimas intervencións no castro e participante no encontro que terá lugar mañá xoves no Consello da Cultura Galega.
Alén dun castro: os encontros monográficos sobre patrimonio cultural reflexionan sobre Castro Baroña

O día 23 de febreiro a partir das 16:30 horas o Consello da Cultura Galega acollerá a xornada Alén dun castro: Arqueoloxía, restauración e divulgación no xacemento de Baroña. Trátase do décimo dos encontros monográficos co patrimonio cultural organizados pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, coordinada por Rebeca Blanco Rotea, e nel participarán os arqueólogos Luis F. López González, Ángel Concheiro Coello e Yolanda Álvarez González, responsables das últimas intervencións no xacemento arqueolóxico de Baroña. Nos últimos anos desenvolvéronse varias campañas de reescavación do sitio, escavación de zonas novas, restauración e posta en valor, así como un importante esforzo pola súa divulgación en tempo real. Así, sinala Luis F. López González, o que comezou sendo unha intervención de urxencia para evitar o seu deterioro debido á afluencia turística derivou en recentes escavacións coa descuberta dunha muralla monumental e, tamén, na colaboración coa USC para periodizar e catalogar de novo o xacemento, xa que as descubertas recentes obrigan a repensar datas e usos. Xaora, un dos sitios máis emblemáticos e visitados de Galicia xunto con Santa Tegra e maila catedral de Santiago require unha profunda reflexión e debate sobre o seu valor patrimonial, o seu valor social e as súas necesidades de cara ao futuro.

A sesión de traballo do xoves comezará da man de Luis F. López González coa análise dos procesos de restauración realizados no castro e novos achados documentados nas estruturas de delimitación do xacemento. Ángel Concheiro Coello detallará intervencións que se desenvolveron ao longo do tempo en Baroña, o contexto arqueolóxico do xacemento e novos traballos de posta en valor de patrimonio e divulgación realizados nos últimos anos. Finalmente, Yolanda Álvarez González explicará como as novas intervencións abriron un bo número de preguntas acerca da morfoloxía e a ocupación do xacemento e fará fincapé na necesidade da colaboración dun equipo profesional interdisciplinar xa que os antigos traballos en solitario non poden responder a todas as necesidades do Castro de Baroña, que segue sendo un misterio en moitos aspectos.

Encontros monográficos
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega puxo en marcha en 2016 a iniciativa do seu anterior coordinador, Iago Seara, os denominados Encontros monográficos co Patrimonio Cultural, xuntanzas abertas á cidadanía que poñen o foco sobre diferentes proxectos relacionados con bens patrimoniais que se están a desenvolver en Galicia e que resultan de interese xeral polo seu alcance, resultados, singularidade, repercusión pública ou conflitividade. Cada encontro, de carácter mensual, establece unha confrontación de diferentes puntos de vista xa como punto de partida para fomentar o debate na mesa e co público asistente. Os anteriores encontros monográficos centráronse no Guidoiro Areoso, Turismo e Camiño de Santiago, Arqueoloxía das igrexas altomedievais e o proxecto EMCHAHE, a ampliación do Museo das Peregrinacións, Romanarmy.eu (estudo e divulgación da presenza romana no Noroeste peninsular), o xacemento de Cova Eirós, dúas intervencións en xacementos romanos de Vigo e Lugo, o programa Monumenta e, recentemente, a profesión arqueolóxica e o seu futuro. Logo da reflexión sobre Castro Baroña será o momento de debater sobre a restauración de San Martiño Pinario (30 de marzo) e A Rocha Forte (27 de abril).

Todas as persoas interesadas poden acceder a máis información e facer a súa inscrición no encontro en:
http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200540