----

O CCG leva a literatura galega á Feira do Libro de Göteburgo

O Consello da Cultura Galega organiza a participación de Xavier Queipo na Feira de Göteburgo, o que permitirá que a literatura galega estea presente na feira do libro máis importante dos países escandinavos. A feira, que ten lugar entre os días 22 e 26 de setembro no Centro de Congresos e Exhibicións de Suecia, converteuse nos últimos anos no gran festival literario europeo, o segundo en importancia logo de Fráncfort e no que participan escritoras e escritores de todo o mundo. Xavier Queipo intervirá o sábado 24 ás 17.00 horas no stand da EUNIC (European Union National Institutes for Culture) cun diálogo coa escritora estonia Maarja Kangroo.

O Consello da Cultura Galega facilita por segundo ano consecutivo a participación de autores galegos nesta feira. O pasado ano foron a escritora Inma López Silva e a a crítica literaria Dolores Vilavedra quen levaron as nosas letras a un espazo compartido cos institutos Ramón Llul, Etxepare e Cervantes, entidades responsables de difundir a cultura vasca, catalá e española, respectivamente, alén das súas fronteiras. No espazo estiveron representadas as distintas linguas do Estado grazas á colaboración entre as estas entidades e a embaixada de España en Suecia. Nesta ocasión, a participación de Xavier Queipo terá lugar no stand da EUNIC, a rede europea de institutos culturais que favorece a acción e intercambio cultural entre diferentes países.

Xavier Queipo

A presenza de Xavier Queipo na feria de Göteburgo permitirá ás nosas letras establecer un diálogo coa literatura europea máis contemporánea. Co gallo do 250 aniversario da aprobación en Suecia da considerada primera Lei de liberdade de prensa do mundo, esta edición da feira pon o foco na liberdade de expresión cun programa de actividades que reúne 821 participantes de 38 países. Entre eles figuran Herta Müller, Adonis, Ensaf Haida, Patrick Kingsleyr, Kim Thúy, Sofi Oksanen, Patti Smith, Karen Armstrong ou Meg Wolitzer. Pola súa banda, Xavier Queipo é autor dunha prolífica obra literaria cultivada en todos os xéneros narrativos e, tamén, poesía. Á publicación de Ártico e outros mares (relatos, 1990) seguiron libros de relatos e novelas recoñecidas cos premios literarios máis importantes deste país, incluídos o premio García Barros con O paso do noroeste, o Premio Xerais coa novela Extramunde e o Premio Eduardo Blanco Amor de novela con Os kowa. Ao seu labor creador xúntase o de tradutor xa que traduciu, entre outros, do francés ao galego a Amin Maalouf e Hervé Guivert, e do inglés a Conrad e Joyce. Precisamente, a tradución do Ulises outorgoulle o Premio Nacional de Tradución do Ministerio de Cultura en 2014. Desta volta, Queipo debaterá coa escritora estonia Maarja Kangro sobre as linguas minoritarias seguida dunha lectura de textos para dar a coñecer a sonoridade das linguas.

Proxección exterior da cultura galega

A participación na Feira do Libro Göteburgo forma parte do programa de actividades promovidas desde a área de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega co obxectivo é afianzar a presenza, os intereses e a imaxe de Galicia no contexto internacional. Difundir a realidade e a especificidade galega no mundo, proxectando a nosa personalidade e promovendo, de modo especial, a política, a economía, a historia e a cultura galega no exterior é un dos eixos de traballo do Consello da Cultura Galega. Nos últimos anos desenvolveuse un importante esforzo para establecer relacións institucionais co universidades (a través das cátedras de estudos galegos), organismos e institutos culturais.de todo o mundo que favorezan a presenza da cultura galega no ámbito internacional. Nesta liña cómpre salientar tamén a itinerancia por diversas cidades europeas e americanas das exposicións Outros verbos, novas lecturas: Valle Inclán traducido (19061936); Galicia imaxinada; Os adeuses, fotografías de Alberto Martí ou Nós mesmos: asociacionismo galego na emigración.

Lizagóns relacionadas

Feira do libro de Göteburgo

EUNIC (European Union National Institutes for Culture)

Xavier Queipo